O Concello de Ribadavia vén de promover a posta en marcha dunha nova iniciativa cultural a prol do teatro de marionetas, en colaboración cos Concellos de Leiro e Beade e coa produción de Luart Producciones. Trátase do I Festival de Monicreques do Ribeiro, Ribeirocreques 2026, que xurdiu coa vocación de converterse nun evento escénico de referencia na provincia de Ourense e no conxunto de Galicia.
O festival inaugúrase hoxe, xoves 11 de xuño, e desenvolverase ata o vindeiro domingo, 14 de xuño, de maneira itinerante entre os concellos de Ribadavia, Leiro e Beade. O evento ofrece unha programación cultural compartida que levará os espectáculos a diferentes espazos públicos e culturais da comarca do Ribeiro.
O programa abrirase esta tarde en Ribadavia cun pasarrúas de Títeres Alakrán do Xigante Barriga Verde, dende ás 17:00 horas, que irá dende a igrexa de San Francisco ata a Praza Maior, onde, ás 18:00 horas, se celebrará o acto inaugural da edición, que acollerá a homenaxe á monicrequeira Ana Isabel Rodríguez.Posteriormente, ás 19:00 horas, a Casa da Cultura albergará unha función da peza Emerxir, da compañía potuguesa Valdevinos Teatro de Marionetas.
Ribeirocreques 2026 acollerá espectáculos de monicreques dirixidos a públicos infantil, familiar e adulto e contará coa participación de artistas e compañías profesionais especializadas nas artes do monicreque, como, ademais de Títeres Alakrán e Valdevinos Teatro de Marionetas, Carmen Domech, Uxía Algarra, Trécola Producións, Luart Producciones, Estefanía de Paz Asín, Os Monifates, Fantoches Baj e Micromina Teatro de Títeres. O programa combina propostas de rúa e de sala e espazos non convencionais, co obxectivo de favorecer a creación dun ambiente cultural dinámico e accesible para todos os públicos.
Ademais dos espectáculos, o festival incorporará actividades complementarias orientadas á participación cidadá e á mediación cultural, reforzando o vínculo entre as artes escénicas, o territorio e a comunidade. Con esta iniciativa, os concellos participantes buscan “impulsar a descentralización cultural, promover a cooperación institucional e contribuír á dinamización social, cultural e turística da comarca do Ribeiro”.
Programa completo do festival Ribeirocreques 2026 (Fonte: Concello de Beade).
- Arranca Ribeirocreques, o I Festival de Monicreques do Ribeiro - 11/06/2026
- O Sete Falares inaugura hoxe unha nova edición - 07/06/2026
- Vimianzo acolle a inauguración de Escora Danza - 06/06/2026


