in , ,

Vimianzo acolle a inauguración de Escora Danza

Arranca hoxe a primeira xornada da quinta edición do festival

Ma P'tit Dame, de Claire Heggen
'Ma P'tit Dame', de Claire Heggen. Fotografía de Renaud Morin e Anna Guland.

Cunha programación que mestura danza contemporánea, música tradicional e creación escénica internacional inaugúrase hoxe en Vimianzo a quinta edición de Escora Danza.  A Casa da Cultura acollerá desde as 18:30 horas a primeira das catro xornadas deste ciclo, impulsado pola Área de Cultura da Deputación da Coruña, que volverá percorrer diferentes concellos da Costa da Morte apostando pola mediación cultural, a participación social e o diálogo co territorio.

A xornada inaugural abrirase coa participación dos coros de Cereixo e Carnés, xunto coa danza de Eva Comesaña, nun encontro escénico que quere conectar a memoria colectiva, a tradición oral e movemento contemporáneo. O programa incluirá tamén a representación de Ma p’tite dame, da creadora francesa Claire Heggen, nunha función que supón a súa primeira actuación en Galicia. A entrada será de balde até completar a capacidade do espazo.

Corcubión, Malpica e Mazaricos

 Tras a apertura en Vimianzo, esta edición de Escora Danza continuará mañá, domingo 7 de xuño, en Corcubión, cun programa que reúne as pezas Ouveo, de Mikel Aristegui, e Son libre, de Mikel Aristegui e Clara López Villar, ademais da presentación d’As pegadas do baile, de Artur Puga.

A seguinte parada será en Malpica de Bergantiños, o vindeiro sábado, 13 de xuño, no porto, onde se poderán ver os espectáculos SO-FA(R) FROM ME (aéreo), da compañía Martaalonsotejada, e O. Que todo volva comezar, da AC Raigañas, dirixido por Rut Balbís.

O peche do programa terá lugar en Mazaricos o domingo 14 de xuño, no recinto feiral da Picota, cunha proposta que inclúe Traktor, da veciñanza de Mazaricos, dirixido e coreografado por Anuska Fernández e coa colaboración de Yas Deluaces, e A noite do cuco, de Jandross Rodríguez. A xornada rematará cunha sesión DJ a cargo de WG83.

O festival

A deputada de Cultura, Natividade González, destacou na presentación do programa que Escora Danza representa “aquilo que queremos poñer en valor: o traballo no territorio, traballar para as persoas desde as persoas, traballar en comunidade, traballar coas asociacións, traballar de maneira intercultural, traballar cos Concellos, traballar co corpo…».

Pola súa banda, a comisaria do proxecto, Marcia Vázquez, explicou que esta edición presta especial atención “á diversidade de corpos, de idades e de formas”, e que o que procuran estea ano é “unha danza accesíbel que represente a pluralidade da cidadanía, de identidades e de realidades”.

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Microefectos

OS Microefectos Dramatúrxicos volven a Lugo