A novena edición do Certame de Micro-escenas Metro Cadrado do Festival Internacional de Outono de Teatro, FIOT, de Carballo vén de abrir a convocatoria para recibir propostas. Trátase dunha das principais liñas de programación do festival, que ofrece ao público a posibilidade de gozar de creacións escénicas experimentais en espazos non teatrais e singulares da localidade.
Nela convida as compañías e artistas emerxentes a crear ou deseñar un espectáculo (de teatro físico, música, clown, performance, danza, manipulación de obxectos…) de entre 10 e 20 minutos, que se poida poñer en escena, especificamente, nun espazo non teatral entre o 3 e o 26 de outubro de 2025.
Neste 2025, os espazos ofertados serán un balcón do Concello de Carballo, para ver o espectáculo desde a rúa, un parque-ximnasio para maiores, unha xoiaría, unha tenda de fotografía, unha libraría, un espazo de co-working, unha aula de informática, unha residencia xeriátrica e unha terraza.
As propostas poderán ser tanto pezas orixinais coma xa estreadas, prioritariamente, en lingua galega, aínda que o xurado do certame (composto por diferentes persoas relacionadas coas artes escénicas) terá en conta a nova creación e, especialmente, a adecuación e a interacción cos espazos ofertados e a autoría propia. Ademais, atendendo ao interese do FIOT nos proxectos e experiencias teatrais singulares que fan un uso innovador de cultura dixital e a tecnoloxía, teranse en conta aquelas obras que empreguen medios dixitais.
As pezas seleccionadas polo xurado, unha vez representadas, recibirán unha compensación económica de 450 €. Ademais, todas as obras exhibidas serán valoradas polo público asistente mediante un sistema de votacións e optarán aos premios de 150 € á Mellor Interpretación e ao Mellor Espectáculo. O prazo de presentación de solicitudes, que se pode facer a través do correo electrónico [email protected], rematará o 20 de xuño.
Alta participación
Ao longo dos seus primeiros oito anos de traxectoria, o Certame de Micro-Escenas M2 acadou un importante éxito en canto ás propostas recibidas, tanto polo seu número (288) como pola calidade e diversidade das pezas; sendo quen de suscitar o interese tanto de creadores individuais coma de equipos (integrados por 3-5 persoas), da veciñanza ou mesmo dos axentes económicos, comerciais ou cidadáns de Carballo que colaboraron coa cesión de espazos. Nestes primeiros oito anos de actividade, M2 contou con funcións, entre outros puntos, nun lavadoiro municipal, no despacho do alcalde, nunha barbería, nun salón de peiteado, nas fiestras da Ludoteca Municipal ou mesmo no Salón de Plenos.
Documentación
- Consulta e descarga aquí as bases completas de inscrición e participación na novena edición do Certame Metro Cadrado do FIOT de Carballo.
- Descarga aquí o formulario de inscrición na novena edición do Certame Metro Cadrado do FIOT de Carballo.