O Teatro Principal de Pontevedra está a acoller o programa da XVI Mostra Internacional de Teatro Universitario (MITEU) de Pontevedra, que está a permitir coñecer tanto as montaxes das aulas e grupos dos tres campus da Universidade de Vigo, como dous espectáculos chegados de Portugal e México.
Cinco funcións
A programación arrancou este luns, día 5, con Quem é ela?, un espectáculo do grupo Ladrem, da Universidade do Minho. Con dramaturxia de Pedro Galiza, é dunha obra dirixida por Ana Marques, que é tamén unha das seis actrices e actores que participan na posta en escena. Hoxe, mércores 7, representarase Luchadoras, de Carla Novi. Escrita, dirixida e interpretada pola artista mexicana, trátase dun “drama social sobre a situación das mulleres na sociedade mexicana e a violencia á que se enfrontan no seu día a día”, que presenta a historia dunha loitadora, “que durante anos non puido avanzar na súa profesión ao non cumprir coas regras sexualizadas da loita feminina”.
O venres 9 ofrecerase unha función Ludovico 2.5, do grupo Maricastaña, do campus de Ourense, con dramaturxia e dirección de Fernando Dacosta. Trátase dunha obra inspirada libremente na novela A laranxa mecánica de Anthony Burguess, que se presenta como “unha sátira social e unha proposta ao redor da violencia”.
A vindeira semana, o mércores 14, poderá verse Saxo tenor, de Roberto Vidal Bolaño, na montaxe do grupo de teatro do Campus de Pontevedra, dirixida por Salvador del Río e Omar Ferrín e cun elenco integrado por 14 persoas. Finalmente, o venres 16 de maio, a Miteu pechará esta edición coa posta en escena que a aula do campus de Vigo realizou de Divinas palabras, de Ramón María del Valle-Inclán, baixo a dirección de Casilda Alfaro e Sonia Rúa, e cun elenco formado por unha ducia de actrices e actores.
Todas as funcións comezan ás 20.30 horas e a entrada é gratuíta. A Mostra Internacional de Teatro Universitario nos campus de Vigo e Pontevedra está organizada por Teatro de Ningures e a Universidade de Vigo, e a MITEU de Pontevedra está promovida pola Vicerreitoría do campus, coa colaboración do Concello de Pontevedra.