in , ,

Velaquí o número 111 da erregueté

A MITCFC acolleu onte a presentación, nun acto informal celebrado na taberna cultural O Adro, en Cangas

Presentación da erregueté 111
Presentación do número 111 da erregueté. Foto de María Armesto.

Cun lixeiro cheiro a tinta fresca, acabado de chegar da imprenta, amosouse onte por primeira vez o número 111 da erregueté | Revista Galega de Teatro. Foi nun encontro informal na taberna cultural canguesa O Adro, dentro da programación da 43ª edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC), aberto a calquera persoa interesada en asistir.

Fun eu, como subdirectora da revista, a encargada de guiar o acto, despois dunha introdución feita por Casilda Alfaro, como coordinadora das actividades paralelas e de formación da Mostra. Nel desvelei a portada deste novo número e fixen un breve percorrido polos seus contidos; por suposto, sen revelar todo o que inclúe, para manter as sorpresas; ademais de facer un achegamento aos últimos libros editados pola erregueté dentro da súa Colección de Dramaturxia.

Portada do número 111 da erregueté
Portada do número 111 da erregueté.

O que podedes atopar nel

Ás  persoas que non estivestes onte na presentación tampouco vos vou destripar aquí todo o que alberga esta revista, porque o fermoso é que a poidades ver e ler directamente, pero si que vos vou facer tamén un pequeno achegamento á súa esencia e os seus contidos. Ides atopar un número máxico, o 111, capicúa, feito con moito agarimo, que vos convida a telo como compañeiro en momentos de lecer neste verán que vén de arrancar, con imaxes a toda cor e medio centenar de artigos nunhas páxinas que, de novo, volven desbordar en extensión e contidos. Son artigos moi diversos os que acollen estas 172 páxinas, nas seccións que ao longo dos últimos anos se foron volvendo xa habituais da revista, aínda que nunha orde que vai cambiando en cada número, fluíndo coas súas páxinas, e sempre abertas a novas incorporacións: Escena aberta, Danza e artes do movemento, Teatro de monicreques e obxectos, Narración oral, Artes circenses, Maxia e ilusionismo, Investigación, Palcos LGBTIQ+, Proscenio, Espectáculos, Actualidade AISGE, Escena amadora e Libros.

Podedes atopar nelas entrevistas, reportaxes, crónicas, críticas e análises, recensións, en estilos moi variados, nun número que contou co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e coas seguintes entidades colaboradoras: Concello de Vigo; Fundación AISGE; Concello de Lugo; Cercle Artistic de Ciutadella, a través do Premi Born; Concello da Coruña; Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC); Festival Atlántica; Concello de Ribadavia, a través da Mostra Internacional de Teatro, MIT, de Ribadavia; Libraría Abrente e Crémilo. Ademais, o apoio das persoas colaboradoras e das persoas e entidades subscritas e tamén fundamental para que a revista siga latexando e sumando estacións; neste caso, veráns.

A portada amosa unha imaxe da peza Coa cabeza nas nubes, da Cía. SÖA, con autoría de Sabela Eiriz, e o interior acolle artigos de Inma Ricoy, Tyler McKechnie, Comba Campoi, Aldara Vázquez Arias, Eloy Fernández Mateos, Manuela Miguélez Domínguez, Cristal Lázare, Diana Longa, Juan Fernández, Afonso Becerra, Julia Sueiro, Laura de Las Heras, Francisco Oti, Xoán Carlos Riobó, Sara Santamaría, Xaquín Núñez, ê Ariel Q. Sesar, Roberto Pascual, e eu mesma.

Neses artigos poderedes descubrir, a través de diferentes xéneros e estilos, o traballo de artistas, compañías, entidades e eventos como, entre outras, a pallasa Natalia Outeiro ‘Pajarito’; o bailarín e coreógrafo Xián Martínez e a compañía de danza e artes do movemento iXa; as magas Sara Rodríguez e Lara Doiro; UNIMA Galiza; Tarabela Creativa e o festival De Cobo a Xunco; Caxoto e o ciclo Contos na Trastenda; María Armesto e a MITCFC; Alejandro Jato; Isa Fernández; Antía Costas; o festival Escenas do Cambio; Galicia Escena Pro; Averío; Chelo Pampillón e a FEGATEA; o CDG; Ainé; Cinema Sticado; De Ste Xeito; o Mago Rafa; Ensalle Teatro; Colectivo Glovo; Carlota Mosquera; Caramuxo Teatro; Óscar Cobos Compañía de Danza; Amorodio Teatro; Limiar Teatro; Teatro Permanente; Teatro Experimental do Porto; Talía Teatro; Fran Sieira e Ameixas&Caamaño; Chévere Teatro; Ibuprofeno Teatro; Cándido Pazó; Raquel Castro; Zirco Txosko; Arturo Cobas Cía. José Eduardo Silva ou Laboratorio Escénico Cía.

Presentación do número 111 da erregueté
Presentación do número 111 da erregueté. Foto de María Armesto.

Outro elemento fundamental neste número son as imaxes de fotógrafas e fotógrafos como Sabela Eiriz, Diego Seixo, Gorkarphoto, Miramemira, Manuel G. Vicente, Vanessa Rábade, Miguel Rubio, Natalia Pérez, María Simón, Javier de Agustín, Iria Azevedo, Adrián González, María José González de la Lastra, Tino Viz, Camila Pérez Senande, Rocío Cibes, I. Mouronte, Enrique Cidoncha, Javi M.F, Laura Pose, Ziggi Iglesias, Kasavella, Isa Fernández, Ramón Yoshimura, Carlota Mosquera, Corsino, Walter Leivas, Alba Santalla, Jessica Mato, Aigi Boga, Alberto Pequeño, Tere Freiría e Juan Ramilo, Ariadna López, Claudia L. Franco, Helena Vázquez Ledo, Eutropio Rodríguez, José Caldeira, Adolfo F. Piñeiro, Pablo Rodríguez, Beatriz Pequeno, Raquel Castro, Sol Álvarez ou Xoque Carbajal.

Como podes conseguilo

Na vindeira semana comezaremos a facer o envío ás persoas e entidades subscritas á erregueté. Se alguén que non estea subscrito quere facelo pode subscribirse a través do portal de subscrición.    Con ela, por 25 euros, recibiredes o número 111, que vén de saír publicado, e o número 112, que sairá a finais de ano, así como dous libros de textos teatrais, un acompañando cada número, da Colección de Dramaturxia da erregueté, cos envíos incluídos.

E se alguén quere adquirir este número solto pode facelo a través da tenda dixital. Os envíos tamén se comezarán a facer na vindeira semana.

 

Ana Abad de Larriva

Ana Abad de Larriva

Ana Abad de Larriva

Subdirectora da erregueté | Revista Galega de Teatro. Actriz, cantautora, creadora escénica, dramaturga e xornalista; é titulada superior en Arte Dramática, na especialidade de Interpretación Xestual, pola ESAD de Galicia, licenciada en Xornalismo pola USC e doutora en Comunicación pola UVigo, cun posgrao en Protocolo, Comunicación e Imaxe Corporativa pola UDC. Ten tamén formación en canto, danza e piano.
Ademais do seu proxecto artístico propio, desenvolve tamén diferentes actividades de comunicación, investigación, difusión, mediación e docencia cultural.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'Um Copo com Mário Viegas'. Foto: Afonso Becerra

O Camões Centro Cultural Portugués en Vigo presenta UM COPO COM MÁRIO VIEGAS