O Centro Dramático Galego (CDG) e o Teatro Nacional São João estrearon no Porto onte, xoves 12 de novembro, a súa montaxe de Auto da Barca do Inferno, dirixida pola creadora galega Marta Pazos. Esta coprodución abre unha nova etapa de colaboración entre as dúas institucións públicas, que xa compartiron proxectos como Manuela Rey Is In Da House e Frágua de amor.
A montaxe desenvólvese ao abeiro do acordo de cooperación asinado o pasado 17 de abril polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o presidente do Consello de Administración do teatro portugués, Pedro Sobrado. Trátase dun convenio co que se establece un marco estable de colaboración durante catro anos para impulsar proxectos de creación, produción e exhibición teatral, así como iniciativas de formación, mediación e intercambio profesional.
Con esta alianza, a Xunta quere reforzar os vínculos culturais entre Galicia e o Norte de Portugal e favorecer a proxección exterior das artes escénicas galegas. A cooperación abrangue a circulación de espectáculos, a programación recíproca e o intercambio de coñecementos e recursos técnicos.

Marta Pazos asina a dirección escénica e a dramaturxia desta revisión do clásico de Gil Vicente, escrito en 1517. A proposta combina teatro, danza e artes visuais “nunha lectura colorista e luminosa que recupera a dimensión popular da obra”, segundo destaca a Xunta. O proxecto conta coa coreografía de Victor Hugo Pontes, a escenografía de F. Ribeiro, o vestiario de Agustín Petronio, a composición musical e sonoplastia de Hugo Torres e un elenco de doce intérpretes, conformado por Ana Afonso Lourenço, Carla Bolito, Daniel Silva, Gaya de Medeiros, Guilherme Leal, Joana Carvalho, José Santos, Marco Olival, Patrícia Queirós, Pedro Almendra, Pedro Frias e Tiago Araújo.
Auto da Barca do Inferno permanecerá en cartel no Teatro São João ata o 13 de decembro. O espectáculo, en portugués con subtítulos en inglés e cunha duración aproximada de 90 minutos, incorpora funcións con audiodescrición e interpretación en lingua de signos portuguesa. As representacións en Galicia terán lugar no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela, os días 16 e 17 de xaneiro de 2027.


