Coas entradas esgotadas, a compañía ButacaZero presenta este xoves e venres a mostra final de 1972, unha peza de danza e teatro documental que culmina un proceso de creación e mediación iniciado en setembro con mozas e mozos.
Despois de dous meses de investigación, obradoiros e ensaios, as e os adolescentes que participan en 1972 subirán mañá, xoves 12, e o venres, 13 de novembro, ao escenario da Sala Ártika. A obra, unha creación propia do grupo, “revisita a folga xeral de setembro de 1972 en Vigo, un dos episodios máis relevantes da loita obreira da época franquista e do que non se conservan documentos gráficos”. As funcións, que comezarán ás 20:00 horas, teñen unha duración de 50 minutos e están recomendadas para público a partir de 12 anos. As entradas esgotáronse aos poucos días do anuncio da estrea.
A través da danza contemporánea, a sonoplastia, a videoescena, a iluminación e a dramaturxia documental, o elenco pon o corpo e a voz a unha mobilización da que apenas quedou rexistro visual. “A idea é organizarse colectivamente para ‘bailar a loita’, e que revivan cos seus corpos e voces a enerxía e o espírito dun episodio do noso pasado do que non quedou unha soa imaxe para a posteridade”, explica Esther F. Carrodeguas, autora e directora da peza xunto a Xavier Castiñeira.
“Foi un proceso verdadeiramente potente, sobre todo polas actividades paralelas, o conversatorio con protagonistas da folga e o roteiro que fixemos pola cidade, a partir do cal fixemos nacer a creación. Foi impactante poder coñecer de primeira man unha folga tan importante. Por exemplo, ninguén quedou indiferente ante o relato das torturas diante da antiga comisaría. A maiores, vivir este proceso coincidindo coa primeira folga xeral en 15 anos é para o proxecto un contexto verdadeiramente singular. Hai que pensar que na anterior folga xeral as mozas e os mozos cos que traballamos eran practicamente bebés”, sinala Carrodeguas.
O proceso arrancou en setembro cos encontros formativos semanais no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO), edificio que en 1972 funcionaba como cárcere. Nel participaron como formadoras e formadores Clara Ferrao (coreografía), Juanma LoDo (deseño de son), Laura R. Iturralde (iluminación), Borja Carvajal (videoescena) e Pia Nicoletti (coordinación pedagóxica). Durante o mes de outubro, o grupo completou a súa investigación cun conversatorio interxeracional no MARCO con persoas vinculadas ás protestas e cun roteiro pola memoria obreira da cidade, que percorreu os espazos da folga desde PSA-Citroën ata A Madroa. Na iniciativa colaboran tamén a Unión Comarcal CCOO de Vigo e a Fundación 10 de marzo.
1972 é un dos nove proxectos de creación escénica de Barrios en lucha, un programa desenvolvido e coordinado por Teatro del Barrio para o Comisionado para a Celebración dos 50 anos de España en Liberdade, que coproduce a peza xunto a ButacaZero.
Ficha artística e técnica
- Produción: Teatro del Barrio, Comisionado para la Celebración de los 50 años de España en libertad e ButacaZero.
- Autoría: Esther F. Carrodeguas
- Dirección: Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira
- Elenco: Georgito, Paovan, Iago TR., Maverick, Azalia Mera, Bella, Noa Pena, María Lago, Nai T.G, Paula Arias
- Coreografía: Clara Ferrao
- Deseño de son: Juanma LoDo
- Deseño de iluminación: Laura R. Iturralde
- Videoescena: Borja Carvajal
- Coordinación pedagóxica: Pia Nicoletti
Tras levar ‘Melón pelado’ ao Congreso dos Deputados
O pasado mércores, 4 de novembro, ButacaZero levou tamén a súa peza Melón pelado, coproducida co Museo Reina Sofía, ao Congreso dos Deputados, onde pechou o acto “Homenaje a las víctimas del golpe militar, la guerra y la dictadura”. O acto completo pódese ver na seguinte ligazón.
A peza, escrita por Esther F. Carrodeguas e dirixida por Xavier Castiñeira, foi interpretada por Nuria Gullón e Sophia Rodal. Luchi Iglesias asinou o deseño e a construción escenográfica e Juanma LoDo o asesoramento de sonoplastias, mentres que Portal71 se encargou da distribución.



