Como un espazo específico para as prácticas vivas e contemporáneas, en diálogo directo co proxecto xeral da Bienal de Pontevedra, organizado pola Deputación de Pontevedra a través do Museo de Pontevedra desde 1991, impulsouse este ano a Bienal de Artes Vivas de Pontevedra. Esta, comisariada por Iñaki Martínez Antelo, naceu a partir da experiencia previa do programa de artes vivas que se incluíu na Bienal de Arte o ano pasado, e o programa inaugurouse onte, 2 de xullo, coa estrea absoluta nos xardíns do Convento de Santa Clara do concerto-acción Clo Pau Plas Pedra, de Clo Pau Plas, Diego Vites e Javi Álvarez.
A programación, que leva como lema Nas marxes, desenvolverase ata o vindeiro 12 de xullo en tres espazos do Convento: a igrexa, o coro baixo e os xardíns; e reúne propostas que transitan entre a performance, a danza, as artes escénicas e a música, procurando ofrecer “un contacto directo coas prácticas máis actuais da escena e da creación contemporánea”. Hai nela unha vontade de apostar “pola hibridación de linguaxes, pola escoita e polo acontecemento vivo como modos de activar novas miradas sobre a contorna e sobre quen o habita”, segundo puxera en valor Martínez Antelo na presentación do proxecto. Os traballos que a conforman están adaptados aos espazos de Santa Clara; non só no referente aos formatos e á capacidade, senón tamén na propia temática dalgunha das pezas.
O programa inclúe 22 propostas artísticas e todas as actuacións serán de balde, aínda que é preciso retirar previamente as entradas, que están dispoñibles na páxina web do Museo de Pontevedra. Como a capacidade dos espazos é limitada, nalgúns casos realizaranse dous pases.
Ademais da estrea onte de Clo Pau Plas Pedra, na que Clo Plas (Xiana Arias e Berio Molina) colaboraron con Diego Vites e Javi Álvarez; as propostas de artistas e compañías galegas inclúen a estrea da performance baseada no berro Y los huecos empezaron a pegarse, de Alejandra Pombo Su; a estrea do traballo de narración poética na escuridade de Celso Fernández Sanmartín Contar no apagón; así como funcións das pezas de danza O raro é que bailar sexa raro, de VACAburra; e Transfixión, de Fran Martínez, e a peza de circo Sen patrón, de Pistacatro.
O de Fran Martínez é un dos tres traballos en proceso que se presentan na bienal, pezas que as e os artistas exhibirán ante o público e nas que aínda traballan. Nos tres casos son colaboracións da Bienal de Artes Vivas con outras entidades. A de Martínez preséntase xunto co Colectivo RPM, como parte das residencias Paraíso, coa que o bailarín e coreógrafo galego estará a partir da semana que vén nunha residencia no propio Convento de Santa Clara. Ademais, Angelical de María Jurado faise en colaboración co festival TNT-Terrasa Noves Tendències, e Out of Sight, Out of Mind, de Thiago Granato, con Citemor.
O brasileiro Thiago Granato é un dos artistas internacionais que exporá a súa obra por primeira vez en Galicia. O mesmo acontecerá co italiano Alessandro Sciarroni, quen, con Don’t Be Frightened of Turning the Page, será o encargado de pechar a programación o domingo 12 de xullo; ou co coreógrafo francés Jérôme Bel, cuxa obra homónima se poderá ver por primeira vez en galego, interpretada pola actriz María Roja, nunha coprodución coa Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Ademais, o artista arxentino Martín Flores Cárdenas presentará a súa peza teatral La fuerza de la gravedad, e a parella artística portuguesa Ana Borralho e João Galante, a performance World of Interiors, na que colaborará o grupo de teatro da UNED Pontevedra.
A de Borralho e Galante non é a única peza que contará con participación local; a artista e performer Laia Estruch estará tamén acompañada da banda pontevedresa Zunzún no seu concerto Àlbum Victòria, e a performance Aplauso, vicio será interpretada polo dúo formado pola pontevedresa Noela Covelo Velasco e Élise Moreau.
A programación complétase con outros sete espectáculos que se poderán ver por primeira vez en Galicia: Microdesfase: desajuste para voz y espacio, de Blanca Tolsá; Tórtola Valencia, pienso en ti con mis manos, de Lara Brown; Bestia sagrada, de Isabel Do Diego; Extraña alegría, de Javier Hernando; Escarlet, de Ángela Millano; Alien, de Manuel Rodríguez; e En talleres, de Leonor Leal e Antonio Moreno.
Consulta e descarga o programa completo da Bienal de Artes Vivas de Pontevedra 2026 – Nas marxes



