O Corufest 2025 chegou un ano máis á cidade da Coruña para dar o disparo de saída ás programacións dos orgullos do país e do Estado español. Este ano, na súa oitava edición, do 8 ao 18 de maio, o festival de artes escénicas pola diversidade afectivo-sexual, dirixido por Gustavo del Río e Xosé Leis, reivindicaba a identidade, a diversidade e a memoria cunha programación que achegou á cidade da Coruña figuras emerxentes e consolidadas das artes escénicas e do activismo cultural pola diversidade sexual. Nesta edición, puxéronse de manifesto as múltiples facetas da identidade e a reivindicación de relatos históricos esquecidos para conformar novas historias dende a expresión artística, cultural e da diversidade afectivo-sexual.
Grazas ao apoio do Concello da Coruña, Corufest 2025 despregou a súa programación en diversas localizacións e serviu de escaparate para unha ampla gama de propostas artísticas de vangarda, todas elas conectadas, como en edicións anteriores, co propósito de fomentar o pensamento crítico e o debate sobre estes temas cruciais do colectivo LGTBIQ+.
Para comezar, na Casa Museo Casares Quiroga, do 8 ao 31 de maio, estivo aberta a exposición Inevitable, que propuxo un percorrido polas distintas dimensións da discriminación por orientación sexual e identidade de xénero, pero, ademais, o matiz especial atopábase precisamente nos seus autores: a iniciativa foi elaborada por usuarios e usuarias do Taller Daulloa para persoas con discapacidade, con sede en Monterroso, Lugo. A mostra, que constaba de 15 creacións, amosou unha reinterpretación da bandeira LGTBI por parte dos seus creadores e creadoras, co fin de evidenciar diferentes escenarios cualificados como “de seria gravidade” pola comunidade.
O día 9 de maio venres, no Centro Ágora, tivo lugar a gala inaugural do festival, onde, ademais de presentarse toda a programación desta oitava edición, a memoria ocupou un lugar central no acto. A transformista Muna Duval presentou extractos da súa peza Azules y maricones, unha reivindicación, dende o seu recordo, do que supuxo o golpe de Estado de Tejero para ela. Tamén gozamos da música do Grupo Abril, que recolle nas súas cancións a memoria da tradición viva, galega, rebelde e feminista. Pero o momento máis especial da gala foi a entrega do premio Samuel Luiz á Asociación LGBTI+ ALAS A Coruña, que defendeu a memoria de Samuel Luiz, vítima de lgtbifobia, loitando nos tribunais e presentándose como acusación popular no xuízo. O discurso feito por Ana G. Fernández foi non só unha lembranza para Samuel, tamén un berro de liberdade á diversidade.
O sábado 10 de maio, os dereitos tomaron o protagonismo no Espazo Cultural Galgo Azul, que acolleu unha charla a cargo do activista palestino Murad Odeh, para logo dar paso á presentación do libro Vida e legado de Pedro Zerolo, escrito por Miguel A. Fernández. Ademais, na mesma xornada, pero xa pola noite, no pub Claro Boba celebrouse a festa do Corufest 2025.
O domingo 11 de maio, o Teatro Rosalía Castro acolleu o espectáculo de Bob Pop, recoñecido xornalista, escritor, locutor e guionista. Acompañado por Daniel Bayona, presentaron Hablar no sirve. De Nada, unha proposta que afonda na dependencia, a fraxilidade e o desasosego inherente tanto ao mundo escénico como á existencia. Mediante un relato persoal e incitador, a obra convida á reflexión sobre cuestións como o amor, a corporalidade, a sexualidade, o poder das palabras ou o paso do tempo.
A edición do Corufest deste ano tamén achegou a memoria á cativada a través da obra teatral caLORCAlor, de Guayomini Producións. Nesta divertida e participativa comedia, dous intérpretes tentan poñer en valor a figura de Lorca. A representación tivo lugar o mércores 14 de maio no Teatro Colón, cunha sesión dirixida especificamente aos colexios da Coruña.
A xornada do xoves 15 comezou no Espazo Cultural Galgo Azul cun encontro de creadores do colectivo para continuar á tarde na Casa Museo Casares Quiroga coa presentación do catálogo Propostas artísticas para unha nova arquitectura social. Este volume reúne un selecto grupo de artistas, creadores e pensadores, de España ou residentes nela, que imaxinan e plasman a diversidade sexual, a disidencia e as cuestións de xénero. Nesta presentación participaron o seu creador, César Espada, Petra Iglesias (@pretaporterr) e Julio del Valle de Íscar, director xeral para a Igualdade Real e Efectiva das Persoas LGTBI+.
Na noite do xoves, o Centro Ágora abriu as súas portas para a representación de Hermafroditas a caballo o la rebelión del deseo, do colectivo Que Non Saia de Aquí. Esta proposta artística, a través da mestura de teatro documental, performance, ciencia ficción e freak show, achega as experiencias das persoas intersexuais e avoga por un modelo social máis aló das dicotomías tradicionais.
Grazas ao respaldo do programa TRC Danza, o Corufest presentou o venres 16 no Teatro Rosalía Castro o espectáculo Mónica, unha creación de Pablo Lilienfeld e Federico Vladimir que explora as vidas das súas nais. A través dunha combinación de performance, danza, vídeo e música, a obra constrúese visualmente con fotografías e pinturas.
O sábado 17 de maio, nunha data tan sinalada como o Día das Letras Galegas e o Día Internacional contra a Homofobia, Transfobia e Bifobia, o Galgo Azul Espazo Cultural foi o punto de encontro para o Vermú Corufest 2025. Nesta xornada presentouse o libro O centro Voando, de Ánxela Lema, e gozamos da actuación musical de Sophie Simonds.
Na xornada da tarde, o Centro Ágora acolleu a mostra aberta do traballo dos alumnos do obradoiro de investigación escénica A mi manera no es como acostumbro do multipremiado actor, autor e director teatral Pablo Messiez.
A derradeira xornada do festival, no domingo 18 de maio, puxo o foco no fenómeno do Chemsex. Pola mañá, o político Eduardo Rubiño (concelleiro no Concello de Madrid) debateu sobre esta realidade xunto ao Comité Cidadán Antisida da Coruña (CASCO) e o equipo da obra El Gé, que foi representada pola tarde no Teatro Colón. Esta obra de teatro de Avelino Piedad é un espello onde mirarnos como sociedade nun fenómeno tan particular como comunitario: o chemsex.
Ao longo de 10 días de intensa actividade o Corufest demostra novamente que é un festival de referencia consolidado único no país.