in ,

O CDG abre o proceso de selección dos elencos das súas novas producións

Escollerá 23 intérpretes para as montaxes de ‘Memorias dun neno galego’ e ‘Hamlet’

Memorias dun neno labrego Cándido Pazó
Versión escénica unipersoal de Cándido Pazó de 'Memorias dun neno labrego', de Xosé Neira Vilas. Fonte: Concello da Coruña.

A Axencia Galega das Industrias Culturais, Agadic, vén de publicar as bases do proceso para elixir os elencos das novas producións propias do Centro Dramático Galego. A unidade teatral da Xunta de Galicia porá en escena Memorias dun neno galego, de Xosé Neira Vilas, con Cándido Pazó á fronte da dramaturxia e da dirección, e Hamlet, de William Shakespeare, con Tito Asorey como director, quen adaptará tamén o texto en colaboración con Vanesa Sotelo. Estas dúas montaxes, que serán as producións centrais para a próxima temporada 2025-2026, teñen prevista a súa estrea para o primeiro semestre de 2026 e contarán cun total de 23 intérpretes.

Do total de prazas convocadas, sete corresponden ao elenco da adaptación teatral do emblemático libro de Xosé Neira Vilas, para o que o Centro Dramático Galego contará na dramaturxia e dirección con Cándido Pazó, “recoñecido pola súa mestría na adaptación de diferentes clásicos e na narración oral”, quen xa puxera en escena este texto, nunha versión unipersoal que combinaba narración oral e teatro. Da súa man, o personaxe de Balbino, que marcou varias xeracións lectoras en Galicia, volverá cobrar vida “nunha proposta evocadora que combinará teatralidade e poesía”. Os ensaios desta montaxe comezarán a finais de 2025, inmediatamente despois da fin da xira d’A serie clopen, a segunda das producións propias da compañía institucional para a presente temporada 2024-2025. A súa chegada aos escenarios está prevista para o inicio de 2026, cando comezará a ensaiarse tamén Hamlet cara á súa estrea a mediados de marzo.

Neste segundo caso, Tito Asorey dirixirá unha montaxe do clásico de Shakespeare da que tamén asinará a dramaturxia en colaboración con Vanesa Sotelo, para desenvolveren “desde unha perspectiva innovadora e comprometida, a reinterpretación da que pode considerarse como a obra máis famosa do teatro universal”. Un elenco de 16 actrices e actores interpretará este novo achegamento do Centro Dramático Galego ao universo shakespeariano, no que afondou en diferentes ocasións desde 1989, con As alegres casadas, ata 2023, con Shakespeare en Roma, pasando por Un soño de verán en 1992 ou Noite de Reis en 2007.


Publicidade

Segundo especifican as bases publicadas na web da Agadic, o prazo de solicitude para participar neste proceso permanecerá aberto ata o vindeiro 18 de xuño. Ademais, as probas “constarán dunha fase de valoración dos perfís profesionais en función do grao de coincidencia coas propostas artísticas e dunha segunda de audicións para avaliar tanto a interpretación textual, xestual e a adecuación aos roles, como a capacidade de integración no traballo coral, coreográfico e de manipulación de elementos”.

Consulta e descarga as bases completas da convocatoria para o proceso de selección de 23 intérpretes para as dúas producións centrais do CDG na temporada 2025-2026

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Costa da Morte cartografía dun naufraxio

Mariña Lestón e o CDG estrean ‘Costa da morte, cartografía dun naufraxio’

"Hermafroditas a caballo o la rebelión del deseo", do colectivo Que Non Saia de Aquí, no Corufest 2025. Imaxe de Claudia Franco.

Corufest 2025