in

Unha peza con anxo de Anne Teresa De Keersmaeker

EXIT ABOVE - © Anne Van Aerschot
EXIT ABOVE - © Anne Van Aerschot

Por moita comenencia que medie nas nosas relacións, os seres humanos necesitan a maxia. Búscana,  intúena, chéirana.

Estamos mediados por necesidades urxentes que nos condicionan. Pero, ao final, non son o que máis importa na vida.

Acumulamos traballo porque temos que facer algo e construír unha carreira. Co paso dos anos, acumulamos libros, parellas, amizades, algunhas que aparecen, outras que marchan, aínda que os seus rastros permanecen niso que nos constitúe: a memoria. Todo se acumula, ocupando un espazo físico e mental.

En medio de todo isto, apreciamos moito eses momentos fugaces nos que parece que pasa un anxo. Son ouro!

Do mesmo xeito que tamén apreciamos eses momentos nos que parece que nos desfacemos de todo o que nos pesa, de todo o que nos lastra. E, entón, poñémonos en marcha, escoitando a alma dos nosos pasos.

A saída, ás veces, está arriba. Especialmente despois da tormenta.

Algo así sentimos, o sábado 7 de xuño de 2025, no Rivoli do Teatro Municipal do Porto con EXIT ABOVE – After the Tempest de Anne Teresa De Keersmaeker.

Unha peza que semella unha viaxe cara á desposesión de todo o que parecía fundamental: parellas, libros, coñecemento…

Unha desposesión derivada da posesión musical que traen as cancións, como “Walking Blues” de Robert Johnson ou “Der Wanderer” de Schubert. Pero tamén da música que xorde da coreografía, ecléctica e, ao mesmo tempo, unificada.

A viaxe comeza coa invocación do anxo de Paul Klee: “Angelus Novus”, que abre unhas enormes ás escénicas que o enchen todo. Tamén as ás paradoxais do break-dance dese bailarín que xira no chan coma un paxaro.


Publicidade

Nalgunhas pasaxes, podemos recoñecer o estilo de Keersmaeker, nesa xeometría fluída que desprega liñas fugaces e repetitivas que se propulsan desde o centro do corpo. Unha constelación de traxectorias para mans, brazos, ombreiros, cabeza, torso, pernas…

O movemento continúa nas pausas, cando a imaxe parece conxelarse, deixando espazo para a reverberación do movemento precedente, retendo o futuro.

Pasaxes nas que camiñar, marchar e correr integran o encanto coreográfico, na sutileza de cada persoa, porque este é un elenco de fisionomías moi heteroxéneas, só igualado pola extrema calidade do seu baile.

O músico e cantante Carlos Gabin, entre dez bailaríns, tamén baila. As cancións forman parte desa dramaturxia da desposesión, de deixar ir todo, mentres se camiña.

Están as pasaxes máis teatrais, usando máscaras faciais, xogando con expresións emocionais e intencionais, case caricaturizadas, nunha especie de neo-expresionismo contemporáneo.

Están as pasaxes de axitación extrema (ocupando o espazo deixado baleiro por Jan Fabre). Os movementos, moi esixentes e arriscados, ata o bordo do escenario, ata a apoteose final, que non era o final, aínda que todo o público aplaudiu unanimemente, coma se non houbese outra opción, incluída Anne Teresa, que estaba sentada diante de min.

O peche, ou epílogo, consistiu nunha canción e nunha coreografía ao unísono, con movementos lateralizados, suaves e lentos. Unha caricia final, coma a das ás.

EXIT ABOVE – After the Tempest non parou de sorprendernos e de dicirnos cousas sen pronuncialas. Unha peza cun anxo.

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2024, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

"Hermafroditas a caballo o la rebelión del deseo", do colectivo Que Non Saia de Aquí, no Corufest 2025. Imaxe de Claudia Franco.

Corufest 2025