in ,

ALÓproducións re-estrea ‘Do reino (e) dos amores proscritos’ en Lugo

Este xoves, 14 de maio, ás 20h30, no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo

'Do reino (e) dos amores proscritos'. ALÓproducións
'Do reino (e) dos amores proscritos'. ALÓproducións

Este xoves, 14 de maio, ás 20h30, no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo, ALÓproducións re-estrea o espectáculo titulado Do reino (e) dos amores proscritos. Unha viaxe á Idade Media máis colorida.

Unha peza teatral que pon en escena os trobadores da ría de Vigo, Martín Códax, Mendiño e Xoán de Cangas, interpretados por Henry Vidal, músico cubano-galego especializado no repertorio medieval, que vai acompañarse por instrumentos de época para evocar aquel período de esplendor da lingua galega, no século XIII.

O espectáculo, con dramaturxia e dirección de Afonso Becerra de Becerreá, é conducido por Ana Carreira Varela, que oficia de mestra de cerimonias. Como narradora oral, Ana Carreira, vai utilizando o rexistro documental e o do conto para evocar e invocar ás orixes de Galicia, remontándose aos primeiros poboamentos do Noroeste Peninsular, pasando pola lenda dos Celtas, polos séculos de romanización e recuncando no primeiro reino de Europa: o Reino de Galicia, até chegar ao século XIII co esplendor da lingua galega e o tesouro das cantigas. Así pois, Do reino (e) dos amores proscritos recolle as orixes da lingua e da cultura galegas.

'Do reino (e) dos amores proscritos'. ALÓproducións
‘Do reino (e) dos amores proscritos’. ALÓproducións

Nesa especie de “tapiz medieval” contémplanse as historias das primeiras raíñas, Sancha e Urraca, ás que dá corpo a actriz Isabel Risco, as historias de artistas, como os mencionados trobadores, pero tamén xograresas e soldadeiras, como María Leve e Sancha Pérez, quen, ademais, foron parella amorosa, e que teñen unha placa de homenaxe lembrándoas na Rúa da Moeda Vella, ao lado da Catedral de Santiago de Compostela.

O amor alén das predeterminacións hetero-patriarcais aparece tamén representado na historia de Pedro Díaz e Munio Vandílaz, que casaron en 1061, citando algúns outros casos que ofrecen unha visión diferente da Idade Media, grazas ás investigacións de Carlos Callón, cuxo libro Vidas e historias LGBT da Idade Mediaaparece citado no espectáculo.

Historias de amor para todos os públicos porque se abordan desde os debuxos animados, nunha actualización contemporánea do estilo dos gravados e iluminacións dos códices medievais, a través do seu movemento nunha pantalla de retroproxección, activadas por Alberte Bello, que é outro dos actores do espectáculo, ademais de responsable de ALÓproducións.

'Do reino (e) dos amores proscritos'. ALÓproducións
‘Do reino (e) dos amores proscritos’. ALÓproducións

Nesa mesma estética están as raíñas Sancha e Urraca, que locen vestidos como os das bonecas de cartón recortables. Igual que acontece con María Balteira, a xograresa galega a quen até o propio rei Afonso o Sabio lle dedicou dúas cantigas, e coa que remata Do reino (e) dos amores proscritos, reivindicándoa como a primeira profesional das artes escénicas de Galicia.

Ademais do espectáculo, para o que aínda se poden comprar billetes en entradaslugo.es, este venres 15 de maio, no Vello Cárcere de Lugo, ás 20h., van facer a primeira presentación do libro Do reino (e) dos amores proscritos. Unha viaxe á Idade Media máis colorida de Laiovento Edicións, na que participará Afonso Becerra de Becerreá, Ana Carreira Varela, Alberte Bello e Henry Vidal.

'Do reino (e) dos amores proscritos. Unha viaxe á Idade Media máis colorida'. Laiovento Edicións, 2026
‘Do reino (e) dos amores proscritos. Unha viaxe á Idade Media máis colorida’. Laiovento Edicións, 2026
Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Luma Gómez en Polo de Franco, de Teatro do Noroeste

Teatro do Noroeste estrea ‘Polo de Franco’