Brión acollerá esta fin de semana coa estrea absoluta do novo espectáculo unipersoal de Teatro do Noroeste, que leva por título Polo de Franco. Será o sábado 16 de maio, ás 20:30 horas, no Centro Social Polivalente. A peza está protagonizada por Luma Gómez, quen vén de gañar o Premio Marisa Soto 2026 nos XXX Premios María Casares. A obra, que xira arredor da figura histórica de Carmen Polo, está escrita e dirixida por Eduardo Alonso.
“Con frecuencia toca facer personaxes que, como persoa, non son do teu agrado, pero neste caso iso tamén o fixo máis interesante de interpretar. A min gústame moito facer comedia, ben, gústame facer de todo, pero a comedia gústame moito, así que gocei moito nos ensaios construíndo a personaxe e creo que o público tamén vai gozar e rir con esta Carmen Polo”, explica a actriz sobre este traballo.
O espectáculo é unha produción de Teatro do Noroeste en colaboración co Concello de Brión, cuxo Centro Social Polivalente acolle esta semana a residencia técnica da compañía. A estrea será despois da entrega dos VIII Premios para textos teatrais Laudamuco, que acollerá a Sala de Exposicións do Centro ás 18.00 horas.
Polo de Franco formúlase como “unha comedia que aborda a memoria democrática a través do humor”, e que “dende unha perspectiva crítica pon o foco nunha figura feminina do franquismo, historicamente considerada secundaria no relato oficial”.
A obra preséntase como “unha revisión accesible, crítica e con enfoque de xénero da historia recente, con especial atención ao público adolescente e á mocidade”. Mediante un formato que incorpora vídeos proxectados por videomapping en dúas pantallas verticais, propón “un visionado máis actual de imaxes extraídas do NODO, nunha linguaxe audiovisual moi familiar para o público mozo”. Con este motivo, a maiores da estrea para público xeral, o luns 18 de maio pola mañá haberá unha actividade dirixida ao alumnado e profesorado do IES de Brión, que asistirán a unha función de Polo de Franco.
A obra segue o modelo dos monólogos clásicos, “inspirándose principalmente nos de Jean Cocteau e Darío Fo, nos que a protagonista sempre é unha muller que ten unha conversación con alguén que non aparece en escena”.
Sobre o proceso creativo, o seu autor, Eduardo Alonso, compartiu o seguinte: “Ás veces as personaxes son persistentes ao noso pesar. Escribín esta personaxe de Carme Polo de Franco para un texto de teatro musical chamado Glass City, que versaba sobre as estancias na Coruña do ditador Francisco Franco, aló polos anos cincuenta, que adoitaba veranear na cidade herculina traendo, tras de si, medio Madrid ministerial e empresarial do momento. Xa desde ese intre, a personaxe colleu vida propia e, dentro do espectáculo, era un aparte moi significativo. A partir de aí coidei que debería facer un texto dedicado soamente a esta personaxe, merecíao, pero resistinme a facelo por non repetir. Ao remate venceu ela e conseguiu coller vida e corpo, aínda que tardou dezasete anos.”
Eva Alonso, produtora da montaxe, relata tamén a motivación da compañía para levar adiante a posta en escena deste proxecto: “No momento actual que vivimos, coa tensión sociopolítica e a falsa nostalxia de algúns con respecto á ditadura, fixo que Teatro do Noroeste sentise o impulso de levar a cabo este espectáculo. Con mirada crítica, perspectiva de xénero e humor, facemos esta revisión sobre a personaxe histórica Carme Polo. É un espectáculo para público adulto e mocidade, todas precisamos esta revisión, ademais, sendo unha comedia e apoiada por imaxes reais do NODO, non vai deixar indiferente”.
As entradas son gratuítas ata completar a capacidade do espazo e pódense reservar xa en liña.
O espectáculo proseguirá coa súa xira galega despois da estrea deste sábado e da función escolar do vindeiro luns, e ten xa confirmadas as seguintes datas:
- 18 de agosto en XII “Á EsCEEna!” en Cee
- 29 de agosto na Caniza
- 27 de setembro en Catoira
- 2 e 3 de outubro na Sala Gurugú (A Coruña)
Sinopse
O espectáculo está dividido en tres escenas cada unha ten lugar nun momento histórico diferente nos cales a protagonista vai mencionando distintas personalidades e feitos históricos concretos.
Carme Polo de Franco confesa co seu confesor de cabeceira, o capelán da capela do Pazo do Pardo. Debe contar acontecementos inconfesables da súa familia, pero o seu profundo credo cristiá obrígalla a facelo. O matrimonio da súa irmá pequena Zita con Ramón Serrano Suñer, o que será ministro falanxista de Franco, no é o que debería ser, e claro, ela ten que poñer man no asunto. Carme Polo, neses anos, quere controlar e o controla todo, desde os ascensos e os descensos que decreta o seu ilustre home, até as alcobas dos ministros do réxime da ditadura franquista.
A Carme Polo de Franco, esposa de “A súa Excelencia o Xeneralísimo”, non lle gusta navegar no “Azor” e sinte especial predilección por Alfonsiño (o Excelentísimo Alcalde da cidade, Don Alfonso Molina). A súa vida transcorre entre as xoierías e os anticuarios da cidade -para espanto dos propietarios-, os seus netos e os compromisos ineludibles que o altísimo cargo do seu marido lle impoñen. É feliz no Pazo de Meirás, e se por ela fose, permanecerían na Coruña máis tempo do que a prudencia obriga. Se xa se celebraban consellos de ministros alí, por que non se poderían celebrar máis. Ademais, Paco, o seu marido, non debería traballar tanto. Dona Carme porfiaba nisto, como todas as mulleres cos seus homes, tanto traballar, tanto traballar e calquera día, toda España, ía ter un desgusto. Hai que ter en conta que a estas alturas do século, 1958, Paco, o seu marido, ou sexa, o “Xeneralísimo”, xa era avó e cumprira os 66 anos.
E xa na terceira parte da súa vida, cunha filla e oito netos, Carme Polo de Franco, soamente ten unha dedicación, organizar as primeiras comuñóns dos seus netos. Poucas cousas amolan a súa existencia. Pero hai dúas espiñas que se lle cravan no peito. Por unha banda as crecentes preocupacións do seu home polos acontecementos sociais, comezan as revoltas serias na universidade española, despois dos levantamentos do maio francés de 1968 e as críticas exteriores que aínda colean, da condena a morte e execución absolutamente ilegal de Julián Grimau, activista comunista preso e axusticiado polo réxime franquista, nos seus últimos anos. Se no fora por estas escuras nubes, podería dicirse que Carme Polo era, ao remate, absolutamente feliz.
A compañía
Teatro do Noroeste é unha compañía de teatro galega fundada en 1987. Na súa dilatada traxectoria de máis de 35 anos, ten producido e distribuído unha gran cantidade de espectáculos. Entre estas pezas poden salientarse desde textos clásicos, como Rei Lear, Macbeth ou Noite de Reis, de William Shakespeare, ou As vodas de Fígaro, de Caron de Beaumarchais; ata textos máis contemporáneos, como Os Xustos, de Albert Camús; ou de autores galegos, como Historias Peregrinas e A grande noite de Fiz, de Miguel Anxo Murado, e Unha rosa é unha rosa, de Suso de Toro, ou o musical Imperial: Café cantante. Vigo 1936, de Eduardo Alonso, entre moitos outros. Na súa última etapa, súmanse obras como Último verán en Santa Cristina, As damas de Ferrol ou Guerra, actualmente en xira por toda Galicia.



