O XXVII Festival Internacional de Títeres de Redondela (Memorial Juanjo Amoedo) comezou esta semana a súa campaña escolar e a súa programación de sala. As dúas arrancaron o luns: a primeira con Títeres Alakrán e o seu espectáculo A Cuba!, e a segunda con Tanxarina e a súa montaxe do texto de Carlos Labraña A biblioteca galáctica contra a IA fantástica, que obtivo o Premio María Casares ao Mellor Espectáculo de Monicreques, Obxectos e Figuras Animadas.
Nestes días tamén pasaron polo Festival compañías como a francesa Les Hommes Sensibles, co espectáculo Barco; a uruguaia Coriolis Teatro, coa obra Trapos; a catalá Jordi Bertran coa peza Point, ou a galega Títeres Babaluva, con A filla do Cacharulo.
A programación de sala continuará hoxe e estenderase ao longo da fin de semana ata o domingo, 17 de maio, Día das Letras Galegas. Nestes días pasarán por Redondela Arteria Producciones, de Aragón, coa súa obra Gloria Bendita, e Teatro dei Piedi, procedente de Italia, con Érase unha vez…dous pés!, e volverá actuar Jordi Bertran con outra peza, Clàssics.
Ademais, o sábado e o domingo desenvolverase a programación de rúa, que acollerá espectáculos procedentes de diferentes lugares como Arxentina, Cataluña, Portugal, Castela León, País Vasco e Galicia. Nesa liña, contará con Manu Mansilla e a obra Títeres a cielo abierto, no Salgueiral; Maia Títeres con El último tren, na Alameda; Alauda Teatro con The Puppet Circus, na Casa da Torre; ou Lafontana, con Teatro Tuk- Tuk: o vaqueiro que non mentía, na Praza do Concello. Tamén participarán as compañías galegas Títeres Alakrán, con Barriga Verde, no Palco da Música; Trécola Produccións, con As aventuras de Pituquito, no Campo da Ra; e Mircromina Títeres con Vacacións no mar, no Palco da música.
Haberá tamén espectáculos itinerantes, que percorrerán a vila, como Agostinho e Felicidade, de Boca de Cao; Los extintos, de El Sindicato de Monstruos; O estraño caso do dentista da rúa Brasov, de Troula; ou Tambores de Feu, de Deabru Beltzak.
O domingo convídase ao público a acudir “disfrazado ou vestido de calquera insecto ou becho para celebrar a importancia da polinización para conservar o planeta” ás 11:45 horas, na Fonte do Mouro.
Exposición ‘Voces de Gaza’
Nesta edición pódese visitar no antigo Kioko Cocó a exposición Voces de Gaza, de Mahdi Karera, fundador de Khoyout Theatre. Son cinco monicreques que conseguiron saír de Gaza, escapar da guerra e vir a Redondela “para contar coa súa propia voz un conflito real que precisa dunha solución inmediata”.
- O FIT de Redondela está a celebrar a súa 27ª edición - 15/05/2026
- ALÓproducións re-estrea ‘Do reino (e) dos amores proscritos’ en Lugo - 13/05/2026
- Teatro do Noroeste estrea ‘Polo de Franco’ - 13/05/2026


