in , ,

A Deputación de Pontevedra convoca o Premio Castelao de textos teatrais

A persoa gañadora desta primeira edición do certame recibirá 12.000 euros

front view books with glasses scaled |

Na conmemoración do 75º aniversario do falecemento do escritor e dramaturgo Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, a Deputación de Pontevedra vén de convocar a primeira edición do Premio Castelao de Textos Teatrais. A persoa gañadora recibirá 12.000 euros, e o certame tamén inclúe a adquisición dos dereitos de explotación da primeira edición da obra ata un máximo de 800 exemplares.

Poden presentarse a este galardón aquelas persoas maiores de idade que presenten obras de teatro escritas en lingua galega de acordo coa normativa da Real Academia Galega, cunha extensión máxima de 200.000 caracteres (espazos incluídos). As obras deben ser inéditas; non poden contar con ningún premio outorgado noutros certames nin tampouco poden ser pezas que xa fosen levadas á escena. O tema sobre o que versará a obra presentada será totalmente libre, pero valorarase o seu desenvolvemento nalgunha localización da provincia de Pontevedra, e as propostas serán totalmente anónimas, baixo o sistema de plica. O prazo de presentación dos traballos pecharase o 31 de outubro de 2025.

A obra gañadora será publicada e seleccionada por un xurado integrado polo presidente da Deputación, o secretario da Deputación e cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito teatral e literario galego. A resolución do xurado realizarase o próximo 29 de xaneiro de 2026, data do aniversario de nacemento de Castelao.


Publicidade

O obxectivo do I Premio Castelao de Textos Teatrais da Deputación de Pontevedra é “fomentar, apoiar e mellorar a calidade e a creatividade das escritoras e escritores, ademais de promover o talento e o potencial literario da provincia”. O premio tamén busca “incentivar e lembrar a creación dramática en lingua galega e figura do dramaturgo Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e incidir de forma directa na participación e na promoción da lingua galega”.

Consulta aquí as bases completas do I Premio Castelao de textos teatrais da Deputación de Pontevedra

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

EXIT ABOVE - © Anne Van Aerschot

Unha peza con anxo de Anne Teresa De Keersmaeker

Corre Bebé Festivais de Gil Vicente A Oficina, 2025, ©Paulo Pacheco

Parentalidade trans