Chegamos a oitava edición do Festival Pezas dun Teatro do Porvir: Galiza + Portugal, que se organiza desde a Sección de Literatura Dramática da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, coa colaboración do Concello da Coruña, do Teatro Rosalía de Castro, da Deputación da Coruña, de CEDRO, e do Camões – Centro Cultural Portugués en Vigo.
Van oito edicións pero aínda é unha actividade descoñecida para a maior parte da poboación, malia estar pagada con cartos públicos e aberta a quen queira participar cun proxecto de artes escénicas, ou para quen queira vir ver as presentacións e debates, ademais dunha masterclass, este ano impartida por Fefa Noia, directora adxunta do Centro Dramático Nacional do Estado español.

Non se trata dun festival ao uso, senón dunha festa na que se celebra o teatro do porvir, que se cifra nos proxectos de pezas que se están agora mesmo a elaborar por parte de artistas e compañías emerxentes, independentemente da idade. Unha compañía ou artista emerxente, entre outras cousas, é aquela que non ten unha plataforma empresarial para presentarse ás axudas públicas e para chegar aos teatros. Así pois, grazas ao respaldo de Xosé Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía de Castro da Coruña e deste festival, existe a posibilidade de que un dos proxectos escénicos presentados poida chegar a estrearse.
O comité de selección dos proxectos estivo formado polo propio Xosé Paulo, por Célia Guido Mendes(Camões – Centro Cultural Portugués en Vigo) e por min, como coordinador e membro da Xunta directiva da AELG, baseándonos en criterios artísticos.
O domingo, 19 de outubro de 2025, no Teatro Rosalía de Castro, desde as 10h. até as 20h. pasaron polo escenario sete proxectos, catro galegos e tres portugueses. Todos eles dunha calidade e dun compromiso teatral grandes.

As Maçãs Que Eram Pêssegos de Filipe Amorim (Portugal) é unha peza en proceso sobre a experiencia, do alter-ego do autor, durante as xornadas do apagamento eléctrico do 28 de abril de 2025 na Península Ibérica e nalgunhas outras zonas do sur de Francia, mesturado con reflexións ao respecto, e con algunhas outras voces de veciñas.

Rocky e a man máxica de protección de Fernando Tato (Galiza) tece a confesión dun adulto, lembrando un capítulo traumático da infancia, relacionado cos abusos nun campamento de verán, cos xogos meta-teatrais nun presente compartido, enriba do escenario, con colegas. Ese xogo co teatro dálle oxíxeno ás lembranzas e, alén de espertar a nosa conciencia sobre o importante que é a infancia na configuración da persoa, consegue que se esfarele o morbo para que xurda luminosa a posibilidade de superar calquera atranco.

Alicia Wants To de Bengala Teatro Físico (Galiza). A nova compañía de Lugo, dirixida por An González e formada por Andrea Maseda, Estrella Tomé, Alicia López, Estela del Río e Lydia Prada, presentounos un fragmento da súa última creación, que xira arredor da custodia dunha crianza chamada Alicia. Unha historia dura, tamén centrada na infancia, na que a violencia e a procura dun fogar son circunstancias que, na posta en escena, fican distanciadas por accións de carácter máis onírico e fantástico, a través da danza e do xogo con obxectos, nunha especie de versión de Alicia no país das marabillas.

Boneca de Daniel Pereira e Rodrigo da Cunha (Portugal) sitúanos diante da interacción entre un humano e unha máquina. Boneca é un dispositivo de intelixencia artificial co cal o humano pretende saírse dos protocolos fechados, nun desafío que ameaza esvaecerse nun bucle. A min chamoume a atención como o actor nos presentou ao humano desarranxado e medio zombi.

Não é assim tão alto como dizem de Tiago Alves Costa (Portugal) é unha peza polifónica que, entre as voces que comparecen, entrelaza a dunha rapaza que traballa nun “call center” e que acaba morrendo no traballo, mentres o resto de colegas son obrigados a continuar coas súas tarefas, mentres o corpo sen vida non é retirado. A peza baséase nun caso real e dá conta do nivel de deshumanización e precariedade, interceptando as voces con reflexións persoais de carácter filosófico e cunha coidada dimensión literaria. O seu autor presentouno como un monólogo e conseguiu a adhesión emocional e crítica.

Gracias por su visita de Uxía Algarra (Galiza), toma prestada a frase que aparece nalgúns panos de papel, dos que hai nos bares e restaurantes, para o título. Algarra fai unha revisión cómico-satírica do mito de Adán e Eva a través do teatro de monicreques e obxectos, nun alpendre que imita un bar ambulante, chamado “Paraíso”, que se converte nun teatriño de monifates sorprendentes, elaborados con materiais de reciclaxe do propio bar, como os tapóns de cortiza das botellas, as copas, as palliñas, os escarvadentes etc. Ademais, Deusa, a manipuladora deste teatriño, é a camareira precarizada que é despedida porque, en canto ten un momento libre, se distrae xogando a facer teatro cos elementos do bar. Con toda a longa e rica tradición de teatro de marionetas que temos en Galiza, Uxía consegue refrescarnos a mirada con solucións sinxelas e moi creativas e cunha peza divertida e encantadora, para todos os públicos, que se presta a moitas lecturas.

A voz interior de Diana Sieira (Galiza) é unha proposta en proceso moi atrevida e arriscada, porque xoga cun tema que podería caer nos clixés do misticismo. Pero ela consegue levarnos á catarse cunha performance na cal a actriz se converte nunha canle aberta, nunha “medium”, para sentir e reflexionar sobre os desacougos que, incluso nos momentos de maior plenitude e felicidade, ensombrecen a nosa vida. Sieira enfróntase e enfróntanos, ao mesmo tempo que nos aproxima, desde a carnalidade e o ritual máxico, ao acto de volver a mirada sobre o que nos constitúe, as luces e as sombras.

Polo medio, puidemos desfrutar dunha lección maxistral de Fefa Noia, a directora adxunta do Centro Dramático Nacional do Estado Español, que reflexionou sobre a urxencia da dramaturxia, entendida como creación teatral que se abre á comunidade para ofrecer vías que nos axuden a albiscar un presente e un futuro mellor. Tamén reflexionou sobre o perigo de ceder ás “distopías” nas nosas creacións escénicas, porque poden xerar ou manter o medo co que as ultra-dereitas están manipulando á poboación. O discurso e a conversa posterior con Fefa Noia serviunos tamén para decatarnos da importante función social que, desde as artes escénicas, pode facer un teatro público, coa súa programación e actividades, cando vai alén de temáticas ou espectáculos, cando confía nos artistas involucrados no momento actual, apostando pola diversidade e a apertura.

Ao final, houbo unha votación por parte de todas as artistas que participaron da cal saíron con maior número de votos: en primeiro lugar Alicia Wants To de Bengala Teatro Físico; en segundo lugar Gracias por su visitade Uxía Algarra; e en terceiro lugar A voz interior de Diana Sieira. Pola súa banda, o xurado especializado, formado polo comité de selección dos proxectos e por Fefa Noia, despois de considerar tamén a votación das artistas, acordou concederlle o premio dunha posible estrea nos espazos escénicos da Coruña a Gracias por su visita de Uxía Algarra, ademais de facer dúas mencións de honra para A voz interior de Diana Sieira e Rocky e a man máxica de protección de Fernando Tato. Pezas que, igual que as outras, esperamos poder ver, máis cedo que tarde, enriba dos escenarios, porque houbo moita calidade en xeral e foi ben difícil decidirse por unha.
En resume, as pezas dun teatro do porvir non son só o porvir do teatro senón daquilo que nos constitúe como pobo que se quere feliz. Isto foi o que se puido pulsar e sentir o domingo 19 de outubro de 2025 no Teatro Rosalía de Castro.
- Quincegotas. O extraordinario está nas pequenas cousas - 02/11/2025
- O porvir xa está aquí, nos escenarios - 26/10/2025
- Os personaxes e ‘O silencio’ de Elena Santiago - 18/10/2025



