A compañía do actor Anxo Outumuro, Barrosanta, estrea hoxe o seu segundo espectáculo, Xoguetes rotos, que coproduce con ButacaZero. Será ás 20.00 horas, no Teatro Principal de Ourense, no marco do Festival Internacional de Ourense, FITO.
Na peza abórdase o tema da transexualidade no contexto histórico da Galicia dos anos 70. Mario, o protagonista, nace na zona do Ribeiro, pero axiña escapará da vila para trasladarse ao Vigo nos anos 70, onde se topa cun incipiente movemento LGBTIQ+ no que se empeza a mover paseniñamente. O texto orixinal, de Carolina Román, foi traducido e adaptado á realidade galega por Roberto Pascual.
A montaxe está dirixida por Xavier Castiñeira, con Nuria Gullón como axudante de dirección. Conforman o seu elenco Anxo Outumuro e Dani Lago, que interpretan os seis personaxes da obra. Violeta Martínez Rivera asina a iluminación, Xavi Bértolo o espazo sonoro, Juan Bas a escenografía e o vestiario e Julia González Yañez o cartel. Anxo Outumuro e Esther F. Carrodeguas encárganse da produción do proxecto, que conta co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais e Producciones Rokamboleskas,
Sinopse
“Mario é un rapaz nacido na comarca do Ribero dos anos 50. Mais a aldea non parece un lugar demasiado apropiado para el. Non lle gusta vendimar nin mocear e non lle prestan os xogos dos adolescentes. E menos aínda pensa seguir os ditados do pai, que van en contra da súa natureza interior. Mario escapa da aldea para instalarse no Vigo industrial dos 70, buscando na cidade un lugar ideal para ser el mesmo. Pero non resulta tan sinxelo de atopar. Os aforros pouco duran, e será difícil sobrevivir nesa nova hostilidade, se non fose pola aparición dunha fada madriña: Dorín. Ela, coma el, naceu sendo un rapaz galego, pero chegou a ser unha grande artista en París. Agora actúa na Riomar de Samil e vive no Abanico, onde Mario axudará a limpar e pasar o ferro, estudará contabilidade e comezará a dubidar…mesmo do seu nome”.



