“Pola dilatada traxectoria profesional de Teatro de Ningures, non só polos trinta espectáculos creados senón tamén por impulsar o teatro comunitario e pola súa vinculación coa formación artística”, destacou o xurado sobre a compañía que obtivo o Premio da Crítica de Galicia na modalidade de Artes Escénicas. Déronllo pola súa última montaxe, As gardiás ou o nó do tecelán, estreada en outubro 2024; unha peza “que cuestiona o sistema residencial e abre as portas a novos modelos de autoxestión vital propoñendo un necesario debate sobre os coidados na vellez”.
O ditame desta XLVIIIª edición dos Premios deuse a coñecer o pasado sábado, para todas as súas modalidades: Creación Literaria, Investigación en Ciencias e Tecnoloxía, Investigación en Ciencias Sociais e Humanidades, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais, Cultura Gastronómica e Cultura Dixital. Fíxose público nun acto conducido por Roberto Pascual, no que se ocuparon da parte musical Leni Pérez & Roberto Comesaña. No evento foi tamén homenaxeado Luis Suárez Marconi, primeiro secretario dos Premios da Crítica de Galicia,
O xurado da XLVIIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Artes Escénicas, formado por María Armesto, directora da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC); Eduardo Cunha «Tatán», actor e director da compañía Tanxarina, gañador da edición 2024; Daniel González Salgado, profesor e director da ESAD; Sabela Hermida Mondelo, actriz e investigadora teatral; Francisco Oti, dramaturgo e investigador teatral; Dolores Vilavedra, crítica, catedrática de Literatura Galega da USC, e Branca Roig Rechou, profesora “ad honorem” da USC, e secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia, acordara entre as propostas presentadas declarar finalistas: As gardiás ou o nó do tecelán, de Teatro de Ningures; Iribarne, de ButacaZero; e Helen Keller. A muller marabilla, do grupo Chévere. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio a Teatro de Ningures
Esta edición dos Premios estivo patrocinada polo Concello de Vigo, a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, sendo entidades colaboradoras Afundación, Sargadelos, Coren, Terras Gaudas e Joaquín Rebolledo.



