Coimbra acolle dende hoxe, 22 de outubro, ata o vindeiro 1 de novembro a Mostra Galiza Coimbra 2025, o festival internacional de artes organizado por A Escola da Noite e Cena Lusófona. A programación desenvolverase en varios espazos da cidade e inclúe espectáculos, exposicións, obradoiros e conversas arredor do teatro, a música, a narración oral, a danza, a poesía e as artes visuais. Helen Keller: a muller marabilla?, do Grupo Chévere, será o espectáculo de abertura.
A inauguración oficial da Mostra, que contará coa presenza de representantes dos gobernos de Galicia e de Portugal, así como da Câmara Municipal de Coímbra, coincide coa inauguración da exposición “Isaac Díaz Pardo: deseño, memoria e compromiso”, organizada pola Facultade de Deseño da Universidade de Vigo. Desde a organización da Mostra expresan que a exposición é “unha xusta e necesaria homenaxe ao legado de Isaac Díaz Pardo, figura central da cultura galega do século XX e que xa na Mostra de Teatro Galego, en 2023, fora lembrado pola súa participación no proxecto Castelao e a súa época“. Despois das intervencións de apertura, que comezarán ás 17.30 horas (portuguesas), terá lugar unha visita guiada pola comisaria da exposición, Silvia García, profesora da Universidade de Vigo.
Ás 19.00 horas, no Teatro da Cerca de São Bernardo, Chévere abrirá a programación escénica cunha función de Helen Keller: a muller marabilla? O resto do programa estenderase até o 1 de novembro, incluíndo nove espectáculos, dous obradoiros, unha sesión de poesía, a presentación de dous libros, unha masterclass, unha clase aberta e unha feira do libro teatral (na que estará presente a colección de dramaturxia da erregueté | Revista Galega de Teatro). Entre as artistas e compañías convidadas están, alén de Chévere, A Panadaría, Paula Carballeira, Antonio Nóbrega e Rosane Almeida, Santi Araújo e Samuel Louro, o Centro Dramático Galego, Elefante Elegante e Caramuxo Teatro. Ademais, reunidos en residencia artística por convite da Mostra, Uxía (de Galicia), Antonio Nóbrega e Ceumar (do Brasil) e Luís Pedro Madeira, Manuel Rocha e Quiné Teles (de Portugal) construirán o concerto Terreiro Mestiço, “unha gran festa musical que compartirán co público o 31 de Outubro, ás 21.30 horas, no Grande Auditório do Convento São Francisco.
O proxecto
Seguindo a Mostra de Teatro Galego que tive lugar en 2023, a Mostra Galiza asumiuse como un proxecto bienal que procura “aproximar as comunidades artísticas e os públicos de Galicia, de Portugal e dos restantes países da Comunidade dos Países de Língua Portuguesa”. O novo formato quere “reforzar a apertura a outras artes e pasa a incluír un país lusófono convidado en cada edición, contribuíndo para integrar a Galicia nos circuítos de intercambio no espazo da CPLP. Desta vez, é o Brasil.
A Cena Lusófona e A Escola da Noite son estruturas financiadas pola Câmara Municipal de Coímbra e pola Direcção-Geral das Artes, contando tamén co apoio da Xunta de Galicia e do programa Ibercena para esta iniciativa.




