O Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) vén de anunciar as catro propostas seleccionadas no concurso de ideas para a creación escénica de pequeno formato 67 Graos Ourense Fervescénica; unha iniciativa que busca “impulsar e dar visibilidade aos novos talentos da escena galega”.
As catro propostas seleccionadas, que recibirán unha bolsa de creación de 300 € cada unha, amosarán o seu traballo ao público mañá, 22 de outubro, ás 20:00 horas, na Sala Emilia Pardo Bazán do Edificio de Ferro (Campus de Ourense).
Tras a exhibición das pezas, o público asistente terá a oportunidade de exercer como xurado, puntuando as mesmas e outorgando o Premio do Espectador, un recoñecemento que recaerá nunha das catro creacións.
As pezas
CAPITAL DOCUMEDIAL
- Compañía: Isa Moreno e Pepe García
- Sinopse: A performance ten lugar nun espazo interior no que se proxecta en tempo real a pantalla dos smartphones dos artistas, que realizan a acción cotiá de deslizar (scrolling) no seu feed de TikTok, transformándoa nun acto público. O obxectivo é provocar unha toma de conciencia sobre a resignificación do visionado audiovisual na actualidade, con énfase en tres aspectos: a individualización da experiencia; a subversión das relacións produtor-consumidor no ámbito dixital; e un novo modo de formación da identidade baseado en algoritmos. A peza exhibe a identidade, gustos e preocupacións dos intérpretes segundo son definidos polo algoritmo.
O NOVO
- Compañía: Dani Blanco, Anna Figueiredo e Fran Godón
- Sinopse: “Noud de Joung, un estudante de doutoramento de Eindhoven, realiza unha estadía de investigación en Galicia aloxándose, por mor dun sistema inspirado no seu país, nunha residencia de maiores. A cambio do alugueiro, deberá axudar aos residentes a tecnificarse. A peza propón unha viaxe que discute as trabas da tecnoloxía deshumanizante a favor das pinceladas de cor que constrúen comunidade, explorando a realidade das residentes en contraste cos preceptos pro-tecnoloxía que Noud tiña como propios”.
LIMINAR
- Compañía: Mequetrefas Teatro
- Sinopse: “Esta peza de microteatro é a pretendida orixe dunha obra completa que se producirá no ano 2026. Aborda a DESINFORMACIÓN (bulo* é a palabra que empregamos hoxe en día para referirnos ás mentiras e á manipulación social a través de relatos falsos) e a DESHUMANIZACIÓN que alimentan o odio na sociedade actual”.
DIÁLOGO CON BASQUIAT
- Compañía: Noa Covelo
- Sinopse: “A músico-antropóloga Katrina M., posúe un altar de mortos mexicano onde venera aos seus seres queridos e a mortos que admira, como Basquiat. Ao escoitar ao artista, Katrina M. descobre o universo pictórico a través do corpo e do son, xerando unha atmosfera ritual que apela ao festivo e ao enigma. Emprega os xeroglíficos urbanos de Basquiat para crear unha dramaturxia corporal que celebra o xogo, a denuncia, a expresividade primaria e unha viaxe á esencia da existencia humana”.
COMITÉ SELECCIONADOR
O comité de selección, encargado de elixir as catro propostas beneficiarias das bolsas de creación, estivo composto por:
- Silvia García González, doutora en Belas Artes, profesora da Universidade de Vigo, poeta e ensaísta.
- Alfonso Cid, xornalista “reformado” exercendo en Radioliverdade.com.
- Paloma Lugilde, técnica cultural da USC no campus de Lugo, directora e actriz da compañía Baixo a Área e Palimoco Teatro.
- Rut Balbís, creadora, coreógrafa, intérprete e docente en danza contemporánea.
- Alfonso Míguez, actor e produtor de teatro e audiovisual.



