Trala súa inauguración o venres en Vimianzo, o Festival Atlántica continúa esta fin de semana celebrando a súa décimo cuarta edición, que se desenvolverá ata o vindeiro 10 de xullo por diferentes lugares da xeografía galega.
A programación arrancou dando a coñecer ao público o mapa de Lugares míticos do reino de Galicia, unha cartografía que percorre a inmensa diversidade de lugares encantados de Galicia, onde o recordo de culturas pasadas se preservou grazas ao poder da narración oral e dos relatos transmitidos de xeración en xeración. Dende o Festival Atlántica explicaron que este proxecto de Manuel Gago e Leandro Lamas xurdiu logo do éxito do mapa de Seres máxicos do reino de Galicia, e informaron que o mapa, que se pode conseguir a través da súa propia web ou durante as propias actividades da programación, presenta 46 lugares míticos de toda Galicia, cheos de historias e aventuras. A presentación oficial do mapa será o venres 3 de xullo nos xardíns do Centro Sociocultural Maruxa e Coralia, en Santiago de Compostela, ás 19:15 horas, onde ademais de contarse o contido do mapa, o ilustrador Leandro Lamas debuxará en directo. Porén, a inauguración oficial da programación do Festival foi a función de Donas do lugar, de María da Pontragha, no Castelo de Vimianzo, que foi a primeira sesión para público adulto. A programación para público adulto continúa hoxe en Outes, con Contar, de Celso Fernández Sanmartín.
Este ano a programación ampliou significativamente a súa duración, con cinco días máis que na edición anterior, e reforzou a súa presenza en todo o territorio: cun total de 33 localidades galegas, oito máis que o ano pasado. Do mesmo xeito, conta con 62 espazos escénicos e 50 artistas, con presenza de Galicia, Portugal, Navarra, Zamora, Huelva e Colombia, dando continuidade ao intercambio transfronteirizo e ibérico. A demanda por parte do público está a ser moi alta e hai actividades que xa esgotaron as entradas días antes da súa celebración, como o roteiro Os Insomnios de Compostela, por Ramón Otero Pedrayo, que se celebrará o vindeiro mércores, 1 de xullo, en Santiago de Compostela; ou o roteiro Gárgolas de Compostela, programado para o xoves, 2 de xullo, tamén en Compostela. De feito, a organización pide ás persoas que teñen entrada que, de non poderen asistir, que a liberen para que poida ir a xente que está na listaxe de agarda.
Asemade, continúa co Ciclo Novas Voces en varias sedes (Santiago, Mugardos, Ribeira, Pazos de Borbén, Outes, A Fonsagrada…) e ampliou o traballo en espazos patrimoniais, naturais e singulares en todo o territorio.
Podes consultar aquí o programa para público adulto
E aquí podes ver o programa para público infantil e familiar
O festival conta co patrocinio xeral da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña, da Deputación de Lugo e mais co apoio dos diferentes concellos que participan, como é o caso do Concello de Santiago de Compostela, cidade na que se realizara a presentación desta edición.
Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013, con sede en Santiago de Compostela, cunha clara vocación de “ser un encontro de voces e historias de perfil atlántico”. Máis dunha década despois mantén o seu obxectivo de “indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico” e “traballar a prol da posta en valor dunha arte escénica amarrada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos”, así como “amparar, xerar e difundir unha narrativa integradora, igualitaria e sostible”.
- O Festival Atlántica desenvolve a súa 14ª edición - 28/06/2026
- Ana Abad de Larriva estrea ‘Nela estaba a forza do mar’ - 26/06/2026
- A MITCFC inaugura a súa 43ª edición - 24/06/2026


