in , ,

Roberto Salgueiro gaña o X Torneo de Dramaturxia de Galicia

Celebrouse onte na taberna cultural O Adro, en Cangas, dentro da 43ª MITCFC

Foto grupal das persoas participantes no X Torneo de Dramaturxia de Galicia.
Foto grupal das persoas participantes no X Torneo de Dramaturxia de Galicia. Foto de Diego Seixo.

Cunha velada na que Esther Carrodeguas fixo de mestra de cerimonias na que competiron catro textos que xa foran premiados nalgunha das anteriores edicións. Así celebrou onte en Cangas, no marco da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo (MITCFC), o Torneo de Dramaturxia de Galicia o seu décimo aniversario. Desenvolveuse na taberna cultural O Adro, a partir das 22.00 horas e foi finalmente o dramaturgo Roberto Salgueiro quen gañou este combate co texto titulado Jessy & Johnny, unha peza que xa resultara gañadora no ano 2020 na cuarta edición deste Torneo, en plena pandemia da COVID. Nesta ocasión, o texto premiado estivo dirixido por Roi Vidal e interpretado por Paula Carballeira e Amantia Coello.

Por primeira vez, o improvisado ring deste combate de dramaturxia estivo instalado na recentemente inaugurada taberna cultural O Adro de Cangas, que se encheu de público para asistir a unha das citas máis agardadas cada ano dentro da programación da MITCFC.

Os outros textos que participaron no X Torneo foron ‘Musas do metal’, texto de Deborah Vukusic, dirixido por Laura Porto e interpretado pola propia autora e María Lado; ‘Xa están aquí’, escrito por Raquel Castro, dirixido por Fran Godón e con Marta Lado e Manolo Cortés actuando; e ‘PEC’, do dramaturgo Gustavo del Río, dirixido por Carlos Labraña e con Iván Fernández e Santiago Cortegoso sobre o ring.

O Torneo de Dramaturxia de Galicia é unha produción da MITCFC, con Santiago Cortegoso e Esther Carrodeguas ao cargo da organización e a dirección.

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Foto: Diego Seixo

O bo do CARIÑO MALO en Cangas