A nova temporada da programación de artes escénicas do Concello de Vigo, Vigocultura, desenvolverase dende o venres 3 de outubro ata o 29 de novembro con propostas para todos os públicos, abranguendo xéneros variados, como o teatro e a música, a danza ou a maxia. Son dezaseis espectáculos para público adulto e nove para público familiar os que conforman o programa preparado por VigoCultura para o segundo semestre de 2026.
Un espectáculo de rúa abre o programa o sábado 3 de outubro: Diminuts, de La fam Teatre; un pasarrúas para todos os públicos de 60 minutos de duración que percorrerá a rúa do Príncipe. O resto das funcións representaranse no auditorio municipal: os venres e sábados ás 20:00 horas serán as propostas para público adulto e os domingos ás 18:00 horas as de público familiar.
Para público adulto
- Venres 9 de outubro: estrea d‘O que xermola do lume, de A Tríptica Teatro. É unha peza que aborda os incendios forestais “como ferida colectiva e punto de transformación”.
- Sábado 10 de outubro: Begoña Caamaño, o transgredir das ondas, de Berrobambán, que fai un percorrido pola traxectoria profesional e vital de Begoña Caamaño.
- Venres 16 de outubro: A velada de Londres, de ButacaZero. Comedia co conde Drácula como protagonista.
- Sábado 17 de outubro: Poeta (perdido) en Nueva York, de El Aedo Teatro. Adaptación teatral dos poemas de Poeta en Nueva York coas cartas que Federico García Lorca escribiu á súa familia. Obtivo o Premio Max 2026 ao mellor deseño de produción privada e a obra estivo de xira por Londres, Romanía, Portugal e Francia.
- Venres 23 de outubro: Telma e Lola, de Teatro de Ningures; unha comedia cun crime e un misterio por resolver.
- Sábado 24 de outubro: Bestseller, la obra que Lorca nunca escribió, de Horma Creativa. Trátase dunha comedia que satiriza arredor “do postureo nas redes sociais, o ego e a necesidade de facerse viral no mundo cultural actual”.
- Venres 30 de outubro: Girasoles para María. Homenaje a María Callas, Tina Turner, La Lupe y Celia Cruz, de Gretel Cazón. Espectáculo unipersoal musical que conta a vida dunha cantante de éxito e reflexiona sobre os seus temores e inseguridades
- Sábado 31 de outubro: Esencia, de Teatro Español e Entrecajas Producciones. É unha obra que reflexiona sobre as propias certezas, e que foi Premio Talía 2026 ao mellor espectáculo e á mellor autoría.
- Venres 6 de novembro: Dentro y fuera. Pepe y Lucas, de Etiqueta Negra, “unha comedia dos irmáns galegos que triunfan en TikTok co seu humor e creatividade”.
- Sábado 7 de novembro: A furia de amanita, de Redrum Teatro, en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG), a partir do texto de Santiago Cortegoso, gañador da terceira edición da Bolsa de Dramaturxia e Creación do CDG. É un drama sobre o dó, o choque xeracional e a conciencia social.
- Venres 13 de novembro: Contra Ana, de La Contraria. Teatro xestual de autoficción que retrata a anorexia desde a experiencia real da autora. Levou o Premio Max ao mellor espectáculo revelación 2025.
- Sábado 14 de novembro: O sangue das promesas: incendio, de Sarabela Teatro. Lanza unha mensaxe de esperanza por recuperar a dignidade e dar as costas á violencia e ao odio
- Venres 20 de novembro: Los Hermanos, coprodución de Festival Teatro Clásico de Mérida, Agencia Andaluza de Instituciones Culturales, GNP e Clásicos contemporáneos. Teatro-comedia clásica en clave contemporánea con música en directo e elementos de clown sobre dous modelos diferentes de educación. Obtivo o Premio Teatro Clásico de Mérida e de Córdoba.
- Sábado 21 de novembro: Crónicas do rei pasmado, de Contraproducións; unha versión teatral da sátira de Torrente Ballester.
- Venres 27 de novembro: Ictus. Anatomía de A Derradeira Lección de Castelao, de Chévere Teatro, unha proposta sobre como se constrúen as narrativas da memoria
- Sábado 28 de novembro: Madness, de Yllana. Unha comedia musical sobre a vida nas marxes do sistema.
Para público familiar
- Domingo 4 de outubro: Ándale! Bon Appetit!, de Ghazafelhos; unha comedia na que os chefs precisarán da participación do público.
- Domingo 11 de outubro: estrea de Fiadora de soños, de O Baúl da Tía Tola; unha historia divertida e emotiva sobre a amizade e a imaxinación.
- Domingo 18 de outubro: Mular o la gran captura, de Cinc Céntims Teatre; unha proposta escénica contemporánea que reflexiona sobre a conservación da natureza, a identidade e a memoria colectiva. Obtivo o Premio FETEN 2026 ao mellor deseño de escenografía e caracterización.
- Domingo 25 de outubro: Commedia, de Píscore. A obra combina humor e música para ofrecer unha visión divertida da actualidade con novos instrumentos, astronautas, extraterrestres e naves espaciais.
- Domingo 1 de novembro: Únicos, de Da.te danza; un traballo de danza contemporánea que propón unha viaxe existencial. Levou o Premio FETEN 2026 ao mellor espectáculo de danza.
- Domingo 8 de novembro: Que brisa, la risa. Espectáculo para primeira infancia”, de María Escobar, para os máis pequenos e pequenas, dirixido ao público de 6 meses a 3 anos.
- Domingo 15 de novembro: Retranca e maxia, de Luís Boyano; un espectáculo de maxia e risa.
- Domingo 22 de novembro: Zepo Zapo, de Markeliñe Teatro; un espectáculo xestual que conta a historia dunha guerra a través de dúas soldados inimigas.
- Domingo 29 de novembro: Voo, de Teatro O Cubo; un espectáculo contemporáneo de manipulación de obxectos, danza, música, movemento.



