in , ,

Santiago de Compostela acolle unha nova edición do festival de artes performativas Plataforma

O programa desenvolverase ata o vindeiro domingo, 6 de setembro, en diferentes espazos da cidade

'Ollos cara adentro' de Elena Castellanos e Xián Martínez, de iXa Danza.
'Ollos cara adentro', de Elena Castellanos e Xián Martínez, de iXa Danza. Foto: Blanca Razquin.

A coreógrafa Olga de Soto será a encargada de abrir hoxe a programación da VII edición de Plataforma, o Festival de Artes Performativas. Será ás 18.30 horas, en Santiago de Compostela, na Sala Agustín Magán, coa estrea da peza Algo se cruza en las palabras al escavar bajo los pies. Capítulo 1 (2026-2029). Despois, no Observatorio Astronómico da USC, Oscar Gómez Mata e Juan Loriente presentarán Makers itinerantes.

María Ruido, Ismael Ramos, Leonor Leal, Félix Fernández, Tere Recarens, Shima, Sergio Marey, Luz Arcas, Álvaro Murillo, Alejandro Veja, iXa, Corpo Liminal, Enésima e Ana Gesto son as artistas que completan o cartel deste ano, cunha programación que se desenvolverá na capital galega ata o vindeiro domingo, 6 de setembro.

Organizado pola Cooperativa Performa (Mónica Maneiro Jurjo e Iñaki Martínez Antelo), Plataforma. Festival de artes performativas celebrará a súa sétima edición en múltiples localizacións da cidade.  O festival realízase co apoio do Concello de Santiago de Compostela, a través da Concellería de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica, e do Ministerio de Cultura, e conta coa colaboración da Fundación DIDAC, a Fundación Eugenio Granell, a Fundación SGAE, o Museo do Pobo Galego, o Observatorio Astronómico da USC, Pro Helvetia e Corodis.

O festival quere achegar públicos diversos a través da súa proposta interdisciplinaria, que dinamizará as rúas e prazas de Santiago de Compostela con performances, música, danza, propostas escénicas e obradoiros, nunha edición que conta con varias estreas. Todos os espectáculos son de balde ata completar a capacidade dos espazos.

Os espectáculos

Algo se cruza en las palabras al escavar bajo los pies. Capítulo 1 (2026-2029), de Olga Soto, que abre hoxe o programa, é unha conferencia performativa que toma como punto de partida a historia da Maternidade de Elna, fundada en 1939 para protexer ás mulleres españolas exiliadas. A obra explora a transmisión interxeracional da memoria en contextos de migración forzosa e a resistencia individual.

Makers itinerantes, que tamén se poderá ver hoxe, é unha peza concibida por Óscar Gómez Mata e Juan Loriente para espazos non convencionais, onde a contorna e as persoas que a habitan adquiren todo o protagonismo. A través dun enfoque poético e filosófico, “a obra oscila entre o desbordamento cómico e a contención emocional, entre o disparate e a verdade, para reflexionar sobre a luz, o tempo e o amor”. O propósito central deste dúo é “o recoñecemento mutuo, ofrecendo unha mirada renovada sobre o cotián e poñendo en valor a capacidade humana de crear e construír nestes tempos de incerteza”.

O poeta Ismael Ramos e o artista Sergio Marey estrearán na contorna do Museo do Pobo Galego dous traballos creados especialmente para esta edición de Plataforma, o venres, día 4, ás 17:00 horas, e o sábado, día 5, ás 18:30 horas, respectivamente. Félix Fernández tamén presentará este venres, por primeira vez en Compostela, a peza Xavier a través de min, na que entrelaza a danza con distintas linguaxes; en concreto na sala Agustín Magán.

Ademais, Plataforma regresa este xoves, día 3, ás 17:00 horas, á Fundación Eugenio Granell con As regras do xogo, unha conferencia performativa da artista, cineasta e investigadora María Ruido, na que aborda de forma crítica a mobilidade social, a violencia institucional e a performatividade de clase. Por outra parte, a artista catalá Tere Recaréns e Shima chegarán o sábado, día 5, ás 11:30 horas, á Fundación DIDAC co seu traballo Baharestan Carpet, nunha performance participativa na que ensinarán como escribir en persa a palabra que se desexe.

O xoves 3 Leonor Leal presentará a súa charla bailada El lenguaje de las líneas na SGAE, na que vai entrelazando a historia do flamenco para conversar sobre os procesos de creación, filosofías persoais, anécdotas e cicatrices, nunha homenaxe á bailaora Antonia Mercé, La Argentina, mentres que Álvaro Murillo acompañado do cantaor Alejandro Vega, homenaxeará a Federico García Lorca no Parque da Alameda, ao pe da súa estatua, coa peza 8 km en mula, o domingo, día 6, ás 12:00 horas.

Luz Arcas, directora da compañía La Pharmaco e Premio Nacional de Danza, presentará o sábado, 5, ñas 20:30 horas, no Teatro Principal a súa obra Morphine. Nana para Emmy Hennings. Esta peza concíbese como “unha sorte de cerimonia de paso cara a estados alterados como o sono, a tolemia e o éxtase”. No seu desenvolvemento escénico, entrelaza a súa memoria biográfica e familiar con elementos rituais andaluces e iconografía relixiosa popular mediterránea.

A sétima edición de Plataforma rematará cunha tarde dedicada a mostrar diferentes propostas de danza contemporánea cun forte elemento performativo, desenvolto por tres compañías galegas. Comezará na Sala das Máquinas con dúas pezas, a primeira titulada Ollos cara adentro da compañía iXa, formada por Elena Castellanos e Xián Martínez e seguirá coa estrea en Galicia de Ábrego, un proxecto da compañía Corpo Liminal, interpretada por Ana Erdozain, Dácil González, Alba González, Laura L. Muñoz e Fran Martínez. Pechará o festival no Teatro Principal coa presentación de Transparentar, dirixida e interpretada por Inés Santos e Bal Castro, que forman Enésima, e que nesta obra cuestionan a identidade xeracional, o esgotamento e o papel do sistema.

Outras actividades

Durante esta edición de Plataforma haberá tamén actividades formativas: un roteiro fotográfico para a cativada no Parque de Belvís, a partir da exposición Hamartia de Rita G. Rivera que pode visitarse na Fundación DIDAC e un taller de performance a cargo da artista Ana Gesto. Haberá unha presentación dos resultados do taller no Parque da Alameda dentro das actividades do festival. As dúas actividades son de balde previa inscrición no enderezo de correo info@plataforma.gal, aínda que as prazas para o obradoiro de Ana Gesto xa se atopan cubertas.

Podes consultar e descargar aquí o programa completo da sétima edición de Plataforma. 

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Escena da montaxe A furia da amanita

Vinte e cinco espectáculos conforman a nova programación de Vigocultura