O festival Escenas do cambio arrinca a súa XII edición, que leva como lema Revelesencia, con 52-BLAU, da compañía interterritorial iXa, coprodución do Centro Coreográfico Galego.
Xián Martínez, co-director artístico da obra xunto con Elena Castellanos, coméntanos acerca da peza.
Poderiades contarnos un pouco sobre 52-BLAU? Como nace o proxecto?
52-BLAU nace dunha idea que me volveu á cabeza a comezos de 2024.
No ano 2014, xusto cando marchei a Madrid para estudar danza, coñecín o documental The Loneliest Whale: The Search for 52, dirixido por Joshua Zeman. O documental segue a un equipo de científicos e cineastas na súa busca polo Pacífico Norte para localizar a balea que canta a 52 hercios, unha frecuencia única que lle impide ser escoitada por outras baleas.
Esta idea da imposibilidade de comunicarse marcou moito aquel momento vital, pero quedou gardada nun caderno. Foi xa en 2024, a raíz de comezar unha residencia artística no Centre Cívic Barceloneta —como resultado de gañar o Certame Coreográfico de Sabadell con Ollos cara adentro— cando esa idea volveu e comezou a transformarse no proxecto actual.
E de que xeito foi medrando co tempo?
Levaba tempo reflexionando como compañía sobre como a danza contemporánea en España intervén o espazo non convencional, e sentiamos a necesidade de ir un pouco máis aló.
Despois de dous anos sen estrear unha produción propia —desde a estrea en marzo de 2024 de NIK·EU 2.0—, nos que mantivemos a actividade a través da xira e da creación de obras para outras entidades, tiñamos moitas ganas de volver crear desde dentro.
Puxemos toda a nosa enerxía nesta investigación e, pouco a pouco, fomos conseguindo apoios que nos permitiron materializar as ideas iniciais. Ademais, non só investigamos nós, senón que fomos convidando ao proceso a especialistas de diferentes disciplinas, o que foi ampliando o imaxinario e as posibilidades da obra.
A presenza de Elena na codirección artística da obra foi clave para abrir a mirada e estruturar o material, mentres que o acompañamento de Paula desde a produción permitiu soster e facer viable todo o proceso.
A descrición da peza fala da soidade e da incapacidade para comunicarse. Coa importancia que teñen a comunicación fluída e os equipos nun proceso creativo, como chegastes a plasmar estes conceptos en escena?
Neste proceso creativo traballamos a partir dun marco teórico moi amplo, con referentes de diferentes disciplinas artísticas.
En pintura, obras como “Figura nunha fiestra” de Salvador Dalí ou “Habitación de hotel” de Edward Hopper; en literatura, O castelo de Franz Kafka ou Memorias do subsolo de Fiódor Dostoievski; e en artes vivas, pezas como Bodies in Urban Spaces de Willi Dorner, entre outros moitos.
A partir deste tecido imaxinario construímos unha metodoloxía propia baseada en propostas de improvisación, composición e observación espacial. Ese proceso foi dando forma, pouco a pouco, ao que hoxe é 52-BLAU.

A versión completa desta entrevista estará dispoñíbel no nº 111 da erregueté en papel.
- 52-BLAU de iXa abre Escenas do Cambio - 04/05/2026
- Memorias dun neno labrego - 23/02/2026
- A burra, a mesa e o pau - 20/04/2025


