in , ,

O FIOT convoca a décima edición do Certame Metro Cadrado

Poden presentarse propostas ata o vindeiro 21 de xuño

Actriz, chora no FIOT31 © Vanessa Rábade
'Actriz, chora', de Cacharela Teatro, no Metro Cadrado do FIOT31. Imaxe de Vanessa Rábade.

O Festival Internacional de Outono de Teatro, FIOT, de Carballo vén de abrir a convocatoria para participar na décima edición do seu Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado. Trátase dunha das súas principais liñas de programación e que ofrece ao público a posibilidade de gozar de creacións escénicas experimentais en espazos non teatrais e singulares da localidade.

O FIOT convida as compañías e artistas emerxentes a crear ou deseñar un espectáculo de calquera xénero das artes escénicas de entre 10 e 20 minutos, que se poida presentar nun espazo non teatral entre o 3 e o 31 de outubro de 2026, dentro do marco da edición do FIOT deste ano.

Neste 2026, os espazos ofertados de Carballo serán un parque-ximnasio, unha xoiaría, un cuarto de conserxes, unha tenda de moda e decoración, unha tenda de moda infantil, un comercio de artigos de segunda man, unha zapatería, unha pastelería, unha tenda de complementos, un parque e unha tenda de informática.

As propostas poderán ser tanto pezas orixinais coma xa estreadas, prioritariamente, en lingua galega, aínda que o xurado do certame (composto por diferentes persoas relacionadas coas artes escénicas) terá en conta a nova creación e, especialmente, a adecuación e a interacción cos espazos ofertados e a autoría propia. Ademais, atendendo ao interese do FIOT nos proxectos e experiencias teatrais singulares que fan un uso innovador de cultura dixital e a tecnoloxía, teranse en conta aquelas obras que empreguen medios dixitais.

As pezas seleccionadas polo xurado, unha vez representadas, recibirán unha compensación económica de 500 euros. Ademais, todas as obras exhibidas serán valoradas polo público asistente mediante un sistema de votacións e optarán a premios de 150 euros á Mellor Interpretación e ao Mellor Espectáculo. O prazo de presentación de solicitudes, que se pode facer a través do correo  electrónico fiot.microteatro@gmail.com, está aberto ata o vindeiro 21 de xuño.

Bases completas da X edición do Certame Metro Cadrado do FIOT.

Formulario de inscrición na X edición do Certame Metro Cadrado do FIOT. 

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'52-BLAU'. Foto: iXa

52-BLAU de iXa abre Escenas do Cambio