in

ALÓproducións e o CDG estrean ‘Less DragQueens and more ChuNorris’, de Afonso Becerra

O domingo, 20 de setembro, ás 19 horas, no Teatro Rosalía Castro da Coruña

'Less DragQueens and more ChuNorris' de ALÓproducións. Foto: Diego Seixo.
'Less DragQueens and more ChuNorris' de ALÓproducións. Foto: Diego Seixo.

ALÓproducións/Alberte Bello e o Centro Dramático Galego/Xunta de Galicia, en coprodución, presentan a estrea de Less DragQueens and more ChuNorris o domingo, 20 de setembro, ás 19 horas, no Teatro Rosalía Castro da Coruña. A seguinte función será no Salón Teatro, en Santiago de Compostela, o venres 16 de outubro ás 18 horas.

Less DragQueens and more ChuNorris é unha comedia escrita e dirixida por Afonso Becerra de Becerreá e interpretada polo dúo formado por Dani Blanco, artista e creador circense, e Alberte Bello, creador escénico e impulsor e produtor desta proposta teatral.

Trátase dun espectáculo de variedades, que inclúe números cómicos e circenses, números musicais, cantados e en lipsink, escenas de teatro textual e de obxectos, pantomima e teatro físico, videocreación e algunhas sorpresas, tanto a nivel dos contidos, do que se di, como a nivel estético, nas accións e na súa dimensión visual.

Becerra, Bello e Blanco atrévense a facer unha revisión do que significa e implica ser home, cos condicionantes que supón o xénero. A peza teatral parte das súas propias experiencias persoais, pero tamén da exploración e da reflexión que agromou no proceso artístico de creación da peza, durante os ensaios, utilizando a documentación e os estudos de xénero máis recentes que poñen o foco nas masculinidades.

Nese proceso de creación e ensaios xurdiron referentes de artistas que foron pioneiros en cuestionar o modelo máis convencional e tradicional de home, tanto coa súas obras, como coa súa maneira de vivir e de presentarse en sociedade. Aí teñen especial relevancia, ademais dalgúns personaxes de ficción, o cantante portugués António Variações, un David Bowie, entre o Pop e o Fado, de orixes rurais, e o poeta, tamén portugués, Al Berto, que durante moito tempo foi considerado un dos escritores malditos de Portugal. Ambos, a finais dos 70 e principios dos 80 do século pasado, ofrecían unha imaxe moi diferente a esa que volve a reivindicar a chamada “manosfera” ou “machosfera”. Ademais, de David Bowie, António Variações e Al Berto, vai aparecer tamén algún personaxe actual, do mundo do fútbol, moi significativo a este respecto e van desfilar polo espectáculo algunhas figuras históricas controvertidas.

Para o dramaturgo e director, Afonso Becerra de Becerreá, era importante non só traballar desde a crítica, o humor e a comicidade, para fuxir do fatalismo que nos desactiva e desdramatizar as consecuencias nocivas e dolorosas do machismo histórico, que rebrota con forza nesta época dominada por algoritmos dixitais e pola tecnoloxía, senón tamén celebrar e poñer en valor referentes de homes que procuran a igualdade e a liberdade. Nese sentido, Becerra, decidiu ollar non só para posibles referentes globais, senón, sobre todo, para o que acontece aquí e tamén na cultura irmá portuguesa.

'Less DragQueens and more ChuNorris' de ALÓproducións. Foto: Diego Seixo.
‘Less DragQueens and more ChuNorris’ de ALÓproducións. Foto: Diego Seixo.

Sinopse

No programa de man do espectáculo aparece a seguinte sinopse:

“Esta é unha comedia que ispe o home. Pero que ninguén bote as mans á cabeza! Ou si, á cabeza, porque o espido vai dar para rir, pero sobre todo para pensar. Dani Blanco e Alberte Bello, creadores con moita rúa e pouco “macherío”, vístense e íspense coas galas das masculinidades varias, de varietés. Entre o circo e a comedia, este show é un axuste de contas á “machosfera” desde a retranca. Unha revolución para examinar as masculinidades tóxicas e o sufrimento que causan. Humor e amor son os dous actores principais e queren contar contigo.”

Colaboracións e equipo artístico

Less DragQueens and more ChuNorris conta coa colaboración do Camões – Centro Cultural Portugués en Vigo, de Teatro Permanente, Rei Zentolo e Concello da Coruña.

Ademais do texto, a dramaturxia e a dirección de Afonso Becerra de Becerreá e a actuación de Dani Blanco e Alberte Bello, o equipo artístico complétase coa bailarina e coreógrafa Estefanía Gómez Cascudo, na dirección de movemento; a escenógrafa Noa Iriarte que colabora con Alberte Bello no deseño de iluminación e na escenografía; o deseñador de moda Sergio B. Carpintero, que figura como asistente de vestiario e o vídeo, deseño gráfico e fotografía do artista plástico e fotógrafo Diego Seixo.

Estrea e primeiras funcións

Despois da estrea este domingo 20 de setembro no Teatro Rosalía Castro da Coruña e do seu paso polo Salón Teatro de Compostela o venres 16 de outubro, a montaxe poderá verse tamén no Auditorio Municipal de Vimianzo o venres 23 de outubro e noutros espazos aínda por determinar.

ALÓproducións

Alberte Bello funda en 2020 ALÓproducións, un proxecto co que reivindica a necesidade de poñer no centro das creacións outras realidades que habitan nas marxes, e no que produce pezas como Non obstante, life is a cabaret as you know! de Afonso Becerra de Becerreá (Programa 4X4 de Vigocultura. Auditorio Municipal de Vigo, 17/03/2023), Menú-do-día de Alberte Bello e Colectivo #ChamizoBelloVila, dirixido por Diego Chamizo (Coprodución da 40ª MITCF de Cangas, Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela, 7/07/2023), HOME Alén diso de Alberte Bello (Festival Quince Gotas da Coruña. Espazo Novos Creadores da Fundación Paideia. Cúpula de Eirís, A Coruña, 11/10/2025) e Do reino (e) dos amores proscritos, con dramaturxia e dirección de Afonso Becerra de Becerreá (Auditorio Municipal de Ribeira, 16/10/2025).

'Less DragQueens and more ChuNorris' de ALÓproducións. Foto: Diego Seixo.
‘Less DragQueens and more ChuNorris’ de ALÓproducións. Foto: Diego Seixo.
Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Presentación de O sangue das promesas

Sarabela Teatro e A Escola da Noite estrean ‘O sangue das promesas (Incendios)’