O Teatro Principal de Ourense acolle mañá, xoves, 17 de setembro, a estrea d‘O sangue das promesas (Incendios), a montaxe da obra do autor canadense-libanés Wajdi Mouawad desenvolvida polas compañías Sarabela Teatro e A Escola da Noite. O espectáculo, dirixido por Ánxeles Cuña Bóveda, viaxará en decembro ao Teatro da Cerca de São Bernardo en Coímbra.
Esta coprodución internacional entre as dúas compañías supón un fito histórico, ao poñer na escena un elenco bilingüe de nove actores e actrices que falarán en galego e portugués no escenario. A alianza nace da iniciativa d’A Escola da Noite e do seu director artístico António Augusto Barros, consolidando unha fonda complicidade cultural e cívica entre dúas estruturas fundamentais cunha traxectoria de máis de tres décadas na creación escénica. O sangue das promesas: Incendios é a segunda montaxe dun ciclo de dúas coproducións das dúas compañías, sucedendo a “O Grande Incêndio”, de Roland Schimmelpfennig, tamén dirixido por Ánxeles Cuña Bóveda, que se estreou en Coímbra en maio do ano pasado.
A peza
Sarabela Teatro e A Escola da Noite presentan O sangue das promesas (Incendios) como “un thriller moderno con alma de traxedia grega”, segundo se destacara no xornal The New York Times arredor da obra. “Incendios está considerada pola crítica internacional como unha das mellores traxedias do século XXI”, explican dende as dúas compañías arredor da súa escolla de facer unha montaxe desta obra. “A monumentalidade d’O sangue das promesas (Incendios) responde ao selo inconfundible do seu autor, Wajdi Mouawad, hoxe considerado un clásico vivo das artes escénicas”, engaden.
As dúas compañías comparten que saben que non lle corresponde ao teatro mudar o mundo, pero consideran que as palabras que o teatro ten para ofrecer “son aínda máis necesarias nun contexto no que o medo e a barbarie están sendo naturalizados”.
O proxecto conta cun equipo técnico de referencia, incluíndo as traducións de Fernando Dacosta (para galego) e Manuela Torres (para portugués), a escenografía, iluminación e o videoarte de Laura Iturralde, e o vestiario e figurinos de Diego Valeiras.
Sinopse
“Unha muller, Nawal Marwan, acaba de morrer e hoxe abre a porta ao seu silencio e aos seus segredos. Deixa aos seus xemelgos un traxe de tea verde, un caderno vermello e dous sobres que son coma dúas caixas de Pandora dos que xorden males e marabillas. O seu contido vainos arrastrar a unha fabulosa odisea cara a un continente afastado, cara a un pasado descoñecido, cara a un segundo nacemento.
Incendios é demoledora, chea de teatralidade, cunha estrutura dramática intrigante que provoca
e conmove. Reinventa a forma de contar unha historia e a Historia, con saltos temporais e unha guerra incesante cuxos ecos reverberan ciclicamente en moitos lugares do mundo. Tres historias intimamente relacionadas coexisten neste labirinto:
A da moza Nawal, desde o momento en que se namora de Wahab e queda embarazada, ata
a súa morte.
A historia do seu primeiro fillo, do que é separada ao nacer e ao que busca obsesiva, frenética e
incansablemente durante toda a súa vida.
A segunda busca emprendida polos seus fillos xemelgos, Xoana e Simón, para descubrir a identidade do seu pai e do seu irmán”.
Ficha artística e técnica
Dirección e Dramaturxia: Ánxeles Cuña Bóveda
O elenco: Nerea Brey, Fernando Dacosta, Sabela Gago, Ricardo Kalash, Igor Lebreaud, Miguel Magalhães, Laura Míguez, Ana Teresa Santos, Elena Seijo
Tradución: Fernando Dacosta (galego), Manuela Torres (português)
Dirección de Escenografía, Iluminación e Vídeo Arte: Laura Iturralde
Vestiario e confección: Diego Valeiras
Espazo Sonoro: Renata Codda Fons
Dramaturxia de Movemento: Rut Balbís
Axudante de Dirección: Fernando González
Equipo Técnico: José Bayón, Zé Diogo, Rubén Dobaño, Diogo Lobo, Danilo Pinto, Rui Valente
Deseño Gráfico: Redeiras.net
Fotografía: Rubén Vilanova e Eduardo Pinto
Gravación de Vídeo: Alba V. Carpentier
Dirección de Produción: Fina Calleja (Sarabela), Eduardo Pinto, Pedro Rodrigues (A Escola da Noite)
Distribución: Sarabela Teatro e A Escola da Noite
Agradecementos: Campus de Ourense (Uvigo), Biblioteca Municipal Nós, Sala Ártika, Cena Lusófona, Cine Clube Padre Feijoó, Mouda Fathallah, Turbo – Centro de entrenamento
Apoios: Agadic, Xunta de Galicia, Teatro Principal, Deputación provincial de Ourense, DGArtes/República Portuguesa e Câmara Municipal de Coimbra
Apoio á divulgación: Consulado Geral de Portugal em Vigo, Camões – CCP Vigo
Coprodución Internacional: Sarabela Teatro e A Escola da Noite



