O Pazo da Cultura de Narón acollerá o vindeiro 29 de setembro unha nova edición das xornadas profesionais de Escena Galega, que este ano se centrarán nas programacións e circuítos escolares de artes escénicas, e abordarán modelos, exemplos de boas prácticas e propostas de futuro.
A actividade está subvencionada pola Deputación da Coruña e conta co apoio e financiamento do Padroado da Cultura do Concello de Narón. Desenvolverase en horario de 10.00 a 19.00 horas e están dirixidas a profesionais das artes escénicas, docentes, ANPAS, membros da comunidade escolar e, en xeral, persoas interesadas nas artes escénicas para o público escolar.
A asistencia será de balde e por orde de inscrición nesta ligazón, ata completar o número de prazas; e as xornadas disporán das seguintes medidas de accesibilidade (se son solicitadas previamente a través do formulario de inscrición): interpretación en lingua de signos (LSE), persoal de apoio e atención doutras necesidades.
Escena Galega quixo dedicar en 2026 as súas xornadas profesionais anuais a abordar unha cuestión que, segundo explican, lles preocupa enormemente como colectivo, que é “a perda de programacións para público infantil e familiar en Galicia, así como a promoción de programacións escolares e en xeral, a inclusión do feito escénico nos contextos educativos”.
Eixes temáticos
As xornadas, que levan por título “Programacións e circuítos escolares de artes escénicas: modelos, exemplos de boas prácticas e propostas de futuro”, abordarán os seguintes eixes temáticos:
- Relacións entre a escena galega profesional e o mundo educativo.
- Escena e escola máis alá da exhibición de espectáculos.
- As accións de mediación como parte indispensable das programacións escénicas para público escolar: máis alá do público espectador.
- Artes escénicas no contexto escolar e desenvolvemento persoal.
- Modelos e propostas de traballo.
Obxectivos
Ademais, os obxectivos que se formularon para elas foron:
- Traballar sobre modelos de relación entre escena profesional e a escola, incluíndo programacións escolares e outras accións que creen públicos de futuro.
- Buscar exemplos e boas practicas de mediación e relación cos centros de ensino, máis alá da exhibición de espectáculos.
- Reflexionar sobre modelos, accións e proxectos posibles e de referencia tanto en Galicia como no resto do Estado.
Programa
- De 10.00 a 10.15 horas. Benvida das persoas participantes.
- De 10.15 a 10.30 horas. Apertura institucional (Eva Alonso, presidenta de Escena Galega; Marián Ferreiro, alcaldesa de Narón; representante da Deputación da Coruña).
- De 10.30 a 11.00 horas. Presentación do proxecto de circuíto escolar galego promovido por Escena Galega. Presentación do proxecto que a asociación promove co obxectivo de implementar unha fase 0-proba piloto no primeiro trimestre de 2027. Un circuíto escolar autonómico en oito localidades das catro provincias galegas, que inclúe exhibición de espectáculos e accións de mediación e relación coa comunidade escolar e os centros de ensino.
- De 11.00 a 12.30 horas. Mesa 1: Modelos de circuítos e programacións escolares. Interveñen: Begoña García, coordinadora da campaña escolar Cole al Teatro (de Cantabria); Sara Sáez. Directora do Proyecto Re-Crea (da Rexión de Murcia) e Enrique Torres, membro da comisión de infancia e xuventude de ARTEMAD Proyecto Aulas (da Comunidade de Madrid). Modera: Eva Alonso, presidenta de Escena Galega.
- De 12.30 a 13.00 h. Pausa-café.
- De 13.00 a 14.30 horas. Mesa 2: A mediación como fórmula de relación cos centros de ensino e o público escolar. Interveñen: Gustavo Del Río, xefe de Negociado do Padroado da Cultura do Concello de Narón; Roger Fernández, responsable de contidos e proxectos educativos do Mercat de Les Flors (Barcelona) e María Torres, codirectora da compañía Elefante Elegante. Modera: Rocío Salgado, Xunta Directiva de Escena Galega.
- De 14.30 a 16.00 horas. Pausa-xantar.
- De 16.00 a 17.30 horas. Mesa 3: Ámbito escolar: Artes escénicas e escola, unha relación aínda por desenvolver. Interveñen: Mariola Cerdeiro, dende a Federación de ANPAS Costa da Morte; Rosalía Fernández Rial, docente de Educación Secundaria; Cristina Domínguez, dende o Consello da Cultura Galega; e Montse Pena, catedrática de Literatura Infantil e Xuvenil da Universidade de Compostela (USC). Modera: Tone Martínez, vicepresidente de Escena Galega. “A necesidade de implementar un achegamento do alumnado ás artes escénicas radica no compromiso de todos os axentes que forman parte do sistema educativo. Neste senso debateremos sobre os retos que nos atopamos na actualidade co noso estudantado á hora de achegalo ao mundo da cultura e en particular das artes escénicas. De como espertar o seu interese, e tamén dos beneficios educativos que ten un rapaz ou rapaza cando vai presenciar un espectáculo. Falaremos de artes escénicas e de educación. E falaremos tamén da lingua galega, xa que en moitos casos son estas representacións o primeiro contacto co noso idioma”.
- De 17.30 19.00 horas. Mesa 4: A acción política indispensable para o desenvolvemento de proxectos escénicos para a comunidade escolar. “Un convite a representantes políticos das AAPP galegas no ámbito autonómico, provincial e local para expoñer propostas e debater liñas de acción sobre a importancia deste tipo de iniciativas e proxectos, casos de éxito, estratexias e oportunidades. Unha mesa participativa co resto de profesionais asistentes de distintos ámbitos para pechar a xornada cun decálogo de propostas e compromisos”.


