A nova temporada da programación de artes escénicas do Concello de Vigo, Vigocultura, xa ten programa oficial, despois de que hai unhas semanas xa fixera un avance dos seus contidos. As funcións desenvolveranse dende o venres 3 de outubro ata o 29 de novembro con propostas para todos os públicos, abranguendo xéneros variados, como o teatro e a música, a danza ou a maxia, sumando dezaseis espectáculos para público adulto e nove para público familiar.
Podes consultar e descargar aquí o programa completo do segundo semestre de Vigocultura de 2026.
Entradas
Descontos para a mocidade
Co obxecto de fomentar a asistencia aos espectáculos de artes escénicas da mocidade, o público menor de 25 anos poderá beneficiarse dun 30 por cento de desconto no prezo das entradas soltas adquiridas anticipadamente a través de Internet para os espectáculos de adultos, co código de desconto OTEATROMOLA (no control de accesos do Auditorio Municipal poderá solicitarse a documentación acreditativa da idade).
Abonos
Ademais das entradas soltas, poderán adquirirse tamén abonos, a través das canles de venda anticipada (agás no despacho de billetes do propio Auditorio, onde só se venderán as entradas soltas), e estarán dispoñibles ata o venres 6 de novembro. Ofrécense estas dúas modalidades:
- Abono á carta 5: “Elixe 5 espectáculos de toda a programación combinados como queiras e goza dun dez por cento de desconto sobre o prezo total”.
- Abono á carta 10: “Elixe 10 espectáculos de toda a programación combinados como queiras e goza dun vinte e cinco por cento de desconto sobre o prezo total”.


