in , ,

O FIOT de Carballo inaugura a súa 35ª edición

A programación desenvolverase ata o vindeiro 31 de outubro

Fins al cel
'Fins al Cel', de Spinish Circo. Fonte: FIOT.

O Festival Internacional Outono de Teatro, FIOT, de Carballo, inaugurou hoxe, mércores, 23 de setembro, a súa 35ª edición, que se estenderá ata o vindeiro 31 de outubro. A programación desta primeira semana comezou esta tarde no ciclo de narración oral a Rúa dos Contos, coa proposta Hamelin, de Fran Rei, na Residencia de Maiores de Carballo, ás 18.00 horas. Adaptada especialmente para o FIOT, esta revisión da popular lenda combina narración oral, maxia, humor e lingua de signos para propoñer unha nova mirada sobre o conto tradicional e poñer en valor a diversidade e a integración. A función foi, ademais, un convite especial do festival para as persoas usuarias dos centros de maiores de Carballo e da asociación AFABER.

Mañá, xoves, día 24, será a quenda de Laretadas, de Josito Porto, ás 21.00 horas, no Mesón do Pulpo, tamén dentro da Rúa dos Contos. Trátase dun espectáculo de humor e improvisación no que o artista “divaga, esbardalla e defende teorías das que nin el mesmo está demasiado seguro, construíndo unha proposta aberta á improvisación e á retranca”.

O venres, 25, ás 19.30 horas, o Teatro de Rúa tomará a Praza do Concello coa proposta para todos os públicos Fins al Cel (Ata o ceo), de Spinish Circo, procedente da Comunidade Valenciana. Sete artistas en escena e música en directo protagonizan un espectáculo de gran formato que combina barra rusa, banquinas, portés colectivos e acrobacias para construír unha viaxe entre a realidade e a fantasía. A confianza, a cooperación e o risco compartido son os motores dunha proposta que fusiona circo, teatro e música e que convida o público a mirar cara arriba e tamén cara a dentro.

Pola súa parte, o sábado 26 concentrará boa parte da actividade desta primeira semana. A cita destacada desta primeira semana de programación é ¡Por fin me voy!, o espectáculo co que Carles Sans, o actor, director e fundador de Tricicle afronta a súa última xira despois de 45 anos de carreira. A función, tamén enmarcada dentro do ciclo Rúa dos Contos, será ás 20:00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo e nela Sans presentará unha proposta teatral dun só personaxe na que, mantendo a especial xestualidade e o sentido do humor que o acompañaron durante toda a súa traxectoria con Tricicle, dá esta vez un maior protagonismo á palabra. O espectáculo parte da chegada á xubilación e das supostas actividades que hai que realizar nesta nova etapa vital para construír unha celebración da risa arredor das contradicións, os tópicos e as fantasías da vida do pensionista. ¡Por fin me voy! non é un monólogo ao uso, senón un espectáculo teatral no que as impresións, lembranzas e fantasías de Sans se converten en materia cómica. O propio actor promete unha función na que as gargalladas se sucederán a un ritmo vertixinoso.

O sábado a Rúa dos Contos continuará tamén pola noite con Cancionólogos, de Daniel Higiénico, ás 23.00 horas, no O Patacón. O artista, procedente das Illas Baleares, rompe as fronteiras entre música e teatro nunha proposta na que cancións, improvisación e relatos inesperados se suceden a un ritmo imprevisible. Cada canción convértese nun pequeno conto e cada historia abre a porta á seguinte, nun espectáculo construído desde a palabra, a ironía e o humor. Daniel Higiénico, que conta cunha longa traxectoria musical, define o seu estilo como “cantautor-rock-teatral” ou “cantactor” ecléctico.

Por último, o domingo 27 de setembro, ás 20.00 horas, o Auditorio do Pazo da Cultura acollerá O chou, de Sobria e Serena, unha das propostas da nova comedia galega incluídas nesta edición da Rúa dos Contos. Jazmín Abuín e Arantxa Treus únense por primeira vez nun mesmo escenario para combinar monólogos, improvisación e sketches visuais nun espectáculo que aposta pola observación, a sátira, a desvergonza e a conexión directa co público. As dúas intérpretes constrúen un diálogo áxil e inesperado no que cada historia conduce á seguinte, cunha boa dose de humor e unha mirada capaz de rir de todo, empezando por elas mesmas.

Deste xeito, a primeira semana do FIOT35 quere ofrecer xa unha mostra da diversidade de linguaxes e formatos que atravesan esta edición. Narración oral, comedia, improvisación, música, circo contemporáneo e teatro conflúen nun programa que busca levar as artes escénicas a públicos diferentes e a espazos diversos da vila.

Corenta e tres espectáculos

En total, esta edición do FIOT achegará a todos os públicos un total de corenta e tres espectáculos (dos cales oito son estreas absolutas e nove son estreas en Galicia) procedentes de dous países (España e Portugal) e oito comunidades autónomas (Andalucía, Aragón, Cataluña, Comunidade Valenciana, Comunidade de Madrid, Castela León, Galicia e Illas Baleares).

O programa tamén inclúe coproducións, residencias artísticas e máis dunha vintena de actividades de mediación de públicos e apoio á creación teatral, como a exposición ZoomFIOT, presentación de libros e coproducións,  gravación en directo dos podcasts do OndaFIOT, os Café con…, unha homenaxe a Manuel Lorenzo, lecturas dramatizadas, encontros co público ao rematar as funcións, a colaboración coa Noite Europea das Persoas Investigadoras, o Premio do Público, o Certame de Teatro Lido ou a entrega do galardón Xograr de Outono a Antonio Porteiro.

O FIOT está organizado pola Asociación Telón e Aparte e o Concello de Carballo, co patrocinio da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Ministerio de Cultura e a Fundación Luís Calvo Sanz. Un ano máis, conta tamén coa colaboración da Libraría Brañas, Camiño Escena Norte, o Colectivo RPM e o CCA Carballo.

Podes consultar aquí a programación completa desta edición do FIOT Carballo. 

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Unha escena do espectáculo A velada de Londres, de ButacaZero.

Vigocultura presenta o seu novo programa