in , ,

Corenta e tres espectáculos conforman o programa da nova edición do FIOT

As funcións e actividades desenvolveranse do 23 de setembro ao 31 de outubro

Presentación da 35ª edición do FIOT
Presentación da 35ª edición do FIOT. Foto de Vanessa Rábade.

O Festival Internacional Outono de Teatro, FIOT, de Carballo regresa este ano do 23 de setembro ao 31 de outubro. Durante máis dun mes de programación, a trixésimo quinta edición do festival acollerá un total de 43 espectáculos, dos cales oito serán estreas absolutas e nove serán estreas en Galicia, ademais de máis dunha vintena de actividades paralelas.

O auditorio do Pazo da Cultura de Carballo acolleu onte pola tarde o acto de presentación, no que participaron a Asociación Cultural Telón e Aparte e o Concello de Carballo, como entidades organizadoras, institucións e entidades colaboradoras (Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e Fundación Luís Calvo Sanz, entre outras), algunhas compañías e artistas programadas, socias de Telón e Aparte e público do festival. Durante o acto tivo lugar tamén unha función do espectáculo Unha señora orquestra, de Torta Torta.

O programa e o leit motiv deste #FIOT35 “veñen marcados polo colapso” e polo “teatro como testemuña e nova posibilidade”, segundo se deu a coñecer durante o evento. “O FIOT propón unha lectura optimista do colapso: non como punto final, senón como movemento, transformación e oportunidade de reinvención. Nun momento de colapso, a escena pode salvar a nosa realidade. Caos, oportunidade, latido, arte, perspectiva, soño, ousadía… todos estes conceptos caben no noso programa. Podemos garantir que, quen asista ao FIOT, non quedará indiferente”, explicou Alberto Sueiro, director do festival. “Este #FIOT35 é unha invitación a mirar ao presente, cuestionar o establecido e imaxinar outras posibilidades. Porque cando todo parece desmoronarse, sempre queda a posibilidade de cambiar de escenario”, concluíu.

Nas cinco semanas que dura o evento manteranse os programas habituais: Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa, FIOT en Ruta, FIOTeen, FIOTiño e Micro-escenas M2. Non faltarán tampouco coproducións, residencias artísticas e máis dunha vintena de actividades de mediación de públicos e apoio á creación teatral, como a exposición ZoomFIOT, presentación de libros e coproducións,  gravación en directo dos podcasts do OndaFIOT, os Café con…, unha homenaxe a Manuel Lorenzo, lecturas dramatizadas, encontros co público ao rematar a función, a colaboración coa Noite Europea das Persoas Investigadoras, o Premio do Público, o Certame de Teatro Lido ou a entrega do galardón Xograr de Outono.

Os bonos e entradas para a 35ª edición do FIOT poderán adquirirse a partir do día 14 de setembro para abonados de Telón e Aparte e desde o 18 de setembro para o público xeral, coa excepción da Rúa dos Contos, cos billetes xa dispoñibles a partir do día 14. Toda a información de horas e venda de entradas está dispoñible na web do festival.

O FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro está organizado pola Asociación Telón e Aparte eo Concello de Carballo, co patrocinio da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Ministerio de Cultura e a Fundación Luís Calvo Sanz. Un ano máis, conta tamén coa colaboración da Libraría Brañas, Camiño Escena Norte, o Colectivo RPM e o CCA Carballo.

 

UN REPASO Á PROGRAMACIÓN ESCÉNICA DO #FIOT35

O programa do FIOT 2026 quixo reunir “unha coidada selección de propostas que percorren diferentes linguaxes, formatos e miradas sobre o presente”, cunha especial presenza de creación contemporánea, grandes nomes da escena, estreas absolutas e espectáculos que chegan por primeira vez a Galicia. O festival destacou onte algúns dos nomes que conforman o cartel: Alba Flores, Alberto Velasco, almealera, Andrés Lima, Carles Sans (fundador de Tricicle), Chévere, a Companhia do Chapitô, Delphine de Vigan, Esther Carrodeguas, Gloria Muñoz, Juan Carlos Fisher, Lúa Mosquetera, María Velasco, Mofa e Befa, Rafael Álvarez, El Brujo, Spinish Circo, Titzina, entre outras moitas máis figuras.

O Programa de Sala abrirase o sábado, 3 de outubro, con Chévere e a súa última creación ICTUS (anatomía de “A derradeira leición” de Castelao), unha peza de teatro documental coproducida polo Centro Dramático Nacional que parte do emblemático cadro de Castelao para reflexionar sobre a memoria persoal e colectiva, o esquecemento e a identidade, como non, co selo tan característico da prestixiosa compañía.

Pola súa banda, o venres, 9 de outubro, a Companhia do Chapitô regresa ao FIOT para levar ao escenario do Pazo da Cultura a súa particular revisión cómica da Odisea. Mentres, o sábado, 10 de outubro, chegaralle a súa quenda á estrea en Galicia de Las gratitudes, aclamada montaxe a partir do fenómeno literario de Delphine de Vigan, con Gloria Muñoz á fronte dun reparto dirixido por Juan Carlos Fisher.

O Programa de Sala de #FIOT35 continuará o sábado 17 de outubro con Libres!!!, un vitalista cabaré anarcosicalíptico de Esther Carrodeguas, protagonizado por Alba Flores e dirixido por Andrés Lima, que recupera a memoria e a rebeldía das Mulleres Libres da Guerra do 36 para reivindicar a utopía e a capacidade de transformar o mundo.

O 23 de outubro, Mofa e Befa estrearán  A arte da guerra, coprodución do FIOT que converte o tratado de Sun Zi nunha sátira feroz e irreverente sobre o poder, o engano e os conflitos do noso tempo. O sábado 24 de outubro, a vangarda escénica aterra no FIOT con Vendrán los alienígenas y tendrán tus ojos, de María Velasco, Premio Nacional de Literatura Dramática 2024. A celebrada peza, que poderá verse por primeira vez en Galicia, combina autoficción, ciencia ficción, música en directo, danza e creación audiovisual para falar do amor, os afectos e a necesidade de recuperar as utopías.

Xa na recta final do #FIOT35, o venres, 30 de outubro,  Titzina iniciará no FIOT a xira de Disección de la bondad en tres actos, unha farsa que, desde a investigación e o humor, explora os límites entre a verdade, a memoria, a identidade e a mentira. Finalmente, o sábado 31, Rafael Álvarez, El Brujo, pechará a programación coa estrea en Galicia de La segunda venida de Cristo o el yoga de Jesús, un arriscado monólogo que mestura humor, palabra, improvisación, música en directo e reflexión da man do gran mestre das táboas.

A programación quixo combinar “”compañías e creadoras e creadores de referencia con propostas de marcada personalidade, novas linguaxes e unha mirada crítica e humanista sobre cuestións como a memoria, a identidade, o amor, a liberdade, o poder ou a condición humana.

OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado) volve ofrecer unha das apostas máis singulares e arriscadas do FIOT, cunha programación que reúne novas voces, linguaxes híbridas e propostas que exploran os límites da creación escénica. O xoves 1 de outubro, Carlota Mosquera e a súa compañía abrirán a sección con Ninguén tira fotos nos enterros, unha autoficción sobre a morte e a memoria desde a mirada dunha nena, que chega ao FIOT en formato grande despois de nacer no M2 de 2023, onde obtivo o premio á mellor interpretación.

O domingo 11 de outubro, Yo nací en un surco de judías, de almealera, Premio Fetén 2026 ao mellor espectáculo, achegará ao público as voces de agricultoras e gandeiras nunha peza de teatro documental que percorre 3.600 quilómetros para reflexionar sobre o mundo rural, o despoboamento, a memoria e o futuro da terra. Xa o xoves, 15 de outubro, o artista e investigador galego Álvaro Corral Cid presentará Asoballada por fentos, un work in progress desenvolvido no marco das Residencias Paraíso 2026 que, entre concerto e conferencia performativa, revisita a memoria folclórica galega e a instrumentalización das tradicións durante o franquismo.

O venres 16 de outubro, a compañía catalá PSiRC traerá en estrea en Galicia Cosas pequeñas, unha proposta multidisciplinar que combina circo contemporáneo, teatro de obxectos, microcine e poesía visual para preguntarse que nos fai humanos nun mundo dominado polas máquinas e os algoritmos. Pola súa banda, o domingo 18, tamén en estrea en Galicia, La Rueda Teatro Social presentará Doce metros cuadrados de piel, unha experiencia de creación interxeracional que reúne seis persoas de diferentes idades para falar, sen tabús e desde o humor, do corpo, o desexo, o pracer, a sexualidade e as formas de amar ao longo da vida, incorporando ademais participantes de Carballo nun proceso de mediación previo á función.

Finalmente, o domingo, 25 de outubro, o OTNI pechará a súa programación neste 2026 con Solo quería bailar, de Olalla Hernández, unha traxicomedia sevillana punk baseada na premiada novela de Greta García e dirixida por Alberto Velasco, que combina monólogo, humor e danza para retratar a precariedade, a burocracia e as estruturas de exclusión a través da historia dunha bailarina condenada a trinta anos de cárcere. Así, o OTNI consolídase un ano máis como o espazo do FIOT para descubrir creadoras e creadores, apoiar procesos de creación e achegar ao público propostas pouco convencionais que abordan cuestións como a memoria, o territorio, a identidade, a tecnoloxía, o corpo ou a exclusión social desde perspectivas críticas, poéticas e profundamente contemporáneas.

 Programación de proximidade

O FIOT esténdese tamén pola cidade e polo territorio a través dunha ampla programación de proximidade. A Rúa dos Contos volverá converter bares, cafés e outros espazos cotiáns en escenarios para a palabra, o humor, a improvisación e a retranca, con propostas como ¡Por fin me voy!, a despedida escénica de Carles Sans, fundador de Tricicle, que celebra 45 anos de traxectoria; As ben dadas, de Atenea García, que recupera con humor as historias das disidencias sexuais en Galicia; A historia vaxenial, de Raquel Nogueira e Iván Marcos, unha irreverente viaxe pola representación do corpo feminino ao longo da historia; Pequenos pero faltóns, de Adrián do Regenco e Pablo Alvite, sobre as contradicións da vida cotiá desde a nova retranca galega; e El Famoso Trino, que leva ao escenario a súa sátira viral das falsas noticias. A programación complétase con historias da memoria oral de Galicia da man de Carmen Conde, a poesía acústica con Lúa Mosquetera e o humor imprevisible de Josito Porto, ademais da improvisación de Fábrica de Impro e a sesión musical de DJ Maikel.

Pola súa banda, o Teatro de Rúa levará ás prazas e parques de Carballo catro propostas de circo contemporáneo: Fins al Cel, de Spinish Circo, unha gran peza acrobática sobre a confianza e a cooperación; 5.0, de Sue Moreno, unha reivindicación da madurez a través do circo, a danza, o flamenco e o humor; Tavole, de Zirko Txosko, que explora o equilibrio e o xogo desde o absurdo; e Domte, de Nacho Flores, unha proposta poética construída arredor do movemento e da manipulación de obxectos.

FIOT en Ruta achegará o festival a outros espazos de Carballo con pezas como Vidas enterradas, un conmovedor exercicio de teatro documental sobre as vítimas da Guerra Civil e o franquismo, da man de catro míticas compañías da escena española, e Lubbert, de Inda Pereda, un universo surrealista inspirado en O xardín das delicias de El Bosco.

Para o público máis novo, FIOTeen e FIOTiño combinan creación contemporánea, humor, circo e música con propostas como Caballito de mar, un monólogo sobre a diversidade, os afectos e a liberdade de ser; A arte da guerra, de Mofa e Befa, unha sátira irreverente sobre o poder e os conflitos; e Oh! Onde deterse a mirar, de asSircópatas, unha viaxe familiar entre circo e música.

Finalmente, o Certame de Micro-Escenas M2, pioneiro en Galicia e na súa décima edición, reunirá seis creacións de pequeno formato —cinco estreas absolutas— en espazos singulares de Carballo, con propostas como wOHrk, de Iván Dávila, unha peza de clown e humor absurdo sobre a precariedade e as fronteiras entre vida e traballo; A vinganza contra o Dr. Tirarrollas, da Compañía Humana, unha divertida peza de teatro de obxectos contra os estereotipos de xénero e a discriminación das mulleres na sanidade; Fogar, de La Tercera, unha proposta de máscaras e teatro físico sobre os prexuízos e estereotipos do choque entre o rural e o urbano; A casa do avó, de Candil Teatro, unha historia familiar que reflexiona, a través dos obxectos, sobre a memoria e o consumo; A vergonza era verde e comeuna a vaca, de Alicia López Méndez, un solo de danza contemporánea que explora a liberdade, a identidade e a memoria galega; e Planeta pop: a alien que se converteu en superestrela, de Aterradas, unha comedia musical e tecnolóxica sobre a industria musical vista desde unha mirada extraterrestre.

Antonio Porteiro será o Xograr de Outono

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, outorgará este 2026 o premio Xograr de Outono a Antonio Porteiro, responsable técnico do festival desde hai 25 anos e unha das persoas imprescindibles para entender a historia e o presente desta cita imprescindible coas artes escénicas galegas. O galardón mantén así o seu propósito de recoñecer anualmente traxectorias fundamentais para o sector e, nesta ocasión, pon o foco nunha profesión esencial que permanece habitualmente fóra dos focos: a dos equipos técnicos que fan posible que o teatro aconteza.

Nesta edición, as xograresas e xograres do FIOT queren recoñecer en Antonio Porteiro “unha maneira de entender o oficio baseada na profesionalidade, na confianza, na capacidade de traballo e, sobre todo, en facer posible o imposible. Durante un cuarto de século, Antonio traballou man a man co festival para sacar adiante cada edición, cada espectáculo e cada necesidade técnica, converténdose nunha peza fundamental dun equipo que fai realidade a programación do FIOT”. Engaden tamén que o seu compromiso “transcende, ademais, o propio festival”, xa que, dende a súa empresa, Sonpress, que fundou e dirixe, “leva décadas contribuíndo ao desenvolvemento do tecido cultural da comarca e colaborando con profesionais e proxectos de toda Galicia e do resto do Estado, e  a súa traxectoria e a súa forma de traballar convertérono nun profesional especialmente querido e respectado polos equipos técnicos que pasan por Carballo, procedentes de diferentes lugares de España e tamén do estranxeiro”.

Con este Xograr de Outono, o FIOT quere tamén “poñer en valor todas as profesións técnicas que sosteñen as artes escénicas: son, iluminación, maquinaria, escenografía, montaxe, produción e tantos outros oficios imprescindibles para que cada espectáculo chegue ao público”.

Podes consultar aquí a programación completa.

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Petición de man Teatro Ditea

O Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán celebra as súas vodas de prata