in ,

Vigo acolle a terceira edición do festival Síntese

Nas fins de semana, dende hoxe, sábado, 26 de setembro, ata o 11 de outubro

Alejandra Balboa
Alejandra Balboa. Foto: Ángel Sousa
Janet Novás, Andrés Corchero e Alejandra Balboa abrirán esta fin de semana no museo Marco de Vigo a terceira edición do festival de danza e performance Síntese, un proxecto impulsado pola Xunta de Galicia a través do programa O Teu Xacobeo. Hoxe, sábado, 26 de setembro, a partir das 19:00 horas, presentarase unha tripla programación no museo MARCO de Vigo, que abrirá o programa do festival, conformada por:
  • Entre tú y yo, el tiempo muerto. Trátase dunha performance en proceso de creación de Andrés Corchero e a bailarina galega Alejandra Balboa. Entre tú y yo, el tiempo muerto é unha mostra do proceso de creación que Corchero e Balboa están realizando en A Casa Vella, un espazo de creación contemporánea, en Amiadoso, en Ourense.
Andrés Corchero
Andrés Corchero. Fonte: festival Síntese.
  • Feelings, de Janet Novás. É unha peza de danza contemporánea creada e interpretada pola bailarina galega Janet Novás, concibida como unha viaxe íntima e un exercicio de liberación a través do choro e do movemento corporal.
  • Proxección do documental Cadencia, de Virginia Rota, que pon a mirada sobre Janet Novás, a súa relación co corpo e a danza.
Ao remate das funcións, haberá unha conversa informal coas artistas conducida pola xornalista Rita Alonso. Ademais, de xeito paralelo, ofrecerase un taller de danza contemporánea de Janet Novás, tamén no MARCO; unha actividade expandida, que engloba a proposta do festival: “mostrar, conversa e coñecer desde dentro”. Novás comparte o seguinte arredor do obradoiro: “O obxectivo principal deste taller é espertar a necesidade de descubrir, escoitar, desfrutar e arriscar sen medo ao erro ou á idea do fracaso. Achegarse desde a humildade a un coñecemento maior. Escoitar esa voz interna que nos achega ao que somos, máis aló do que cremos ser e converterse en canle. Unha viaxe introspectiva para crecer e abrir, para habitar o non saber que sabemos sen medo”.
Janet Novás. 'Who Will Save Me Today?'
Janet Novás en ‘Who Will Save Me Today?’. Fonte: páxina web da artista.

O festival continuará as seguintes fins de semana, do 3 ao 4 e do 9 ao 11 de outubro, con actuacións e proxeccións, tamén no MARCO, que irán seguidas tamén de coloquios coas artistas.

O sábado 3 de outubro, bailarán a artista viguesa Marcia Vázquez, ás 18:00 horas, con Onde pousa a humidade, e a turco-francesa Nermin Salepci, con Temporary Pieces, ás 18:30 horas. O domingo 4 de outubro, Larraitz Urruzola presentará ás 12:00 horas Voar e Ana García e Emma Cruz amosarán Pegada Fonda ás 12:30 horas. Por último, o venres 9 de outubro, ás 19:00 horas, o  MARCO acollerá a proxección do documental Invisible Walls, do artista mozambicano Pak Ndejemena.

Ademais, Elsa Pereira, Pak Ndjamena e Cristina Ramallo tamén impartirán obradoiros no marco de festival, que se desenvolverán o 3 de outubro, o 4 de outubro e do 10 ao 11 de outubro, respectivamente, e que, xunto co de Janet Novás desta fin de semana, conforman a oferta formativa desta edición.

O obxectivo de Síntese é “ocupar edificios singulares e significativos da cidade con danza e performances“, para achegar estas artes vivas ao público.

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Fins al cel

O FIOT de Carballo inaugura a súa 35ª edición

'Um Copo com Mário Viegas'. Foto: Afonso Becerra

Espectáculo do Eu.Experimento do Camões no III Festival das Linguas e as Culturas