in , , ,

A 31ª edición do Galicreques celebrarase entre o 10 e o 18 de outubro

Traerá a Santiago de Compostela espectáculos de once países diferentes

Uxia Algarra en Gracias por su visita
Uxia Algarra en 'Gracias por su visita', no Festival de Pezas dun Teatro do Porvir. Foto de Alberte Bello, a través da AELG.

O Festival Internacional Galicreques, organizado pola Asociación Barriga Verde co apoio e patrocinio de institucións como a Xunta de Galicia (a través da Agadic), o Concello de Santiago, a Deputación da Coruña, o Ministerio de Cultura e Deporte a través do Inaem e a Fundación SGAE, traerá a Santiago de Compostela compañías e artistas procedentes de once países durante a súa 31ª edición, que se celebrará entre o 10 e o 18 de outubro.

Procedentes de Galicia estarán Espagueti Títeres, Títeres Alakrán, Micromina Títeres, Uxía Algarra, Marcos PTT e Teatro Escena.

Dende Portugal virá Marionetas Rui Sousa, mentres que de Italia chegará a compañía Zaches. Colombia, pola súa banda, achegará tres compañías diferentes ao cartel: La Pepa del Mamonicllo, La libélula Dorada e Aria Teatro. Abril Abrils, Títeres en vuelo e Manu Mansilla chegarán dende Arxentina, mentres que Vagabundo Títeres virá de Chile e Ocelot Teatro, do Salvador; Coriolis Teatro, de Uruguai, e Habib&Valeria, do Brasil.

Estarán no cartel do Galicreques 2026 tamén compañías españolas como Teatro Arbolé (Aragón), La Gotera de la Azotea (Andalucía), La Tartana (Madrid) ou La Estrella (Valencia).

Premio Galicreques 2026

A presenza internacional do Galicreques deste ano complétase con dous nomes que chegan como convidados pola Rede de Festivais Internacionais de Teatro de Títeres e Obxectos (RITTO): a directora chinesa Forrina Chen e o indio Dadi Pudumjee, presidente de honra de UNIMA Internacional, que será galardoado co Premio Galicreques 2026.

Dadi Pudumjee (nado en Pune, Maharashtra, na India, en 1951) é un monicrequeiro, director, pedagogo teatral e coordinador de festivais. Estudou comunicación visual e formouse no teatro de monicreques na Academia Darpana de Arte Dramático. A súa formación completouse no Instituto de Teatro de Marionetas de Suecia. En 1979 traballou no PuppenTheater de Berlín e, un ano despois, regresou á India para fundar e dirixir o primeiro teatro de repertorio moderno de marionetas na India: O Sutradhar Puppet Theatre, en Nova Delhi. Posteriormente, impulsou diferentes iniciativas escénicas e fundou a súa propia compañía The Ishara Puppet Theatre Trust.

A súa presenza en Galicreques inclúe un curso de Construción de Títeres xigantes. Este obradoiro é un dos tres talleres ofrecidos nesta edición do festival. Os outros dous son A arte da máscara, impartido pola compañía italiana Zaches Teatro, e Drag-Máscara-Bufón, a cargo de Nauta Teatro.

Podes consultar aquí a programación completa do Galicreques 2026.

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Alejandra Balboa

Vigo acolle a terceira edición do festival Síntese

'Um Copo com Mário Viegas'. Foto: Afonso Becerra

Espectáculo do Eu.Experimento do Camões no III Festival das Linguas e as Culturas