Ribadavia volverá converterse este verán nun dos grandes puntos de encontro das artes escénicas contemporáneas coa celebración da 42ª edición da Mostra Internacional de Teatro (MIT). Será do 17 ao 25 de xullo, e neses nove días a vila do Ribeiro acollerá unha programación composta por 25 espectáculos de teatro, danza, artes vivas, circo, performance e creacións híbridas, ademais de 10 actividades paralelas, repartidas entre quince espazos históricos, rúas, prazas e aldeas do concello.
A presentación oficial da edición celebrouse esta mañá en Ribadavia e contou coa participación das directoras artísticas do festival, Sabela Mendoza e Gena Baamonde; do alcalde de Ribadavia, César Fernández; do director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; e do delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo.
No segundo ano da dirección artística de Sabela Mendoza e Gena Baamonde, tal e como se salientou hoxe no acto, “a MIT continúa a apostar pola creación contemporánea, a diversidade de linguaxes e formatos, e a capacidade da escena para activar pensamento crítico, emoción compartida e novas formas de relación co presente”. Seguindo esas liñas, a edición de 2026, está inspirada nas ideas de “cita, eco e reverberación”, e reivindica a escena “como celebración colectiva e espazo de encontro”. Estes conceptos serviron de base tamén á imaxe do cartel deste ano, obra da artista ourensá Olalla Higo.
O programa concede un lugar especial a asuntos como o encontro coa memoria histórica e a resistencia democrática, a exploración da música na escena, e a celebración da diferenza e do encontro coa alteridade. Con atención tamén ás novas dramaturxias e ás propostas comunitarias e de apoio á creación, a programación busca “xerar conversa e deixar pegada”.
A accesibilidade é unha das principais novidades desta edición, que inicia unha liña de traballo “para incorporar progresivamente medidas como a audiodescrición e a interpretación en lingua de signos, co obxectivo de avanzar cara a un festival máis inclusivo e participativo”. Cinco espectáculos da programación contarán xa con estes recursos.
Un dos grandes eixes da MIT 2026 será a memoria histórica como ferramenta para pensar o presente, con espectáculos como ICTUS (anatomía de “A derradeira leición” de Castelao), de Chévere, que reflexiona sobre a memoria democrática, os efectos do esquecemento e a transmisión das historias colectivas a partir da emblemática pintura de Castelao. A Fortaleza, de A Feroz, recupera a memoria das guerrilleiras antifranquistas galegas; e José Afonso, ao vivo nos Coliseus 1983, de Teatro Experimental do Porto, en coprodución con varias entidades portuguesas e co Centro Dramático Galego, é unha proposta escénico-musical que revisita o legado político e cultural de Zeca Afonso e da Revolución dos Cravos. Desde unha dimensión autobiográfica e política foi creada taménMi madre y el dinero, da compañía mexicana Pornotráfico. Dende México chega, así mesmo, El cuerpo vacío, da compañía CuatroxCuatro, aborda os corpos como lugar de pensamento poético e político.
A presenza da música e do son constitúe outra das liñas fundamentais desta edición, que reivindica a súa capacidade para construír experiencias compartidas. Procedentes de Galicia estarán o espectáculo Mercedes máis eu, de Janet Novás e Mercedes Peón, que escolleron Ribadavia para a despedida dos escenarios, e Roland Mon Amour, peza de Cris Balboa atravesada pola música electrónica e o humor que reflexiona sobre a creación artística contemporánea. Tamén regresa a compañía Ibuprofeno Teatro, Premio do Público da MIT 2025, co seu último espectáculo, Bio Construción, con música en directo de Macarena Montesinos, nunha reflexión metafórica sobre o fracaso, a crise climática, a inxustiza do sistema inmobiliario, o amor e a sociedade contemporánea. Por outra banda, a MIT acollerá dúas estreas en Galicia: a da artista canaria Paula Quintana con Atlas de anatomía, un premiado solo de movemento acompañado por un coro de voces en directo; e a compañía vasca Altraste danza, co espectáculo de rúa El Bolero, que celebra a forza da icónica composición musical de Ravel.
A MIT reafirma tamén a súa aposta por aquelas propostas que exploran novas formas de relación coa diferenza e coas múltiples maneiras de habitar o mundo. Neste ámbito presenta tres estreas en Galicia, con Estudio para una extracción, da coreógrafa brasileira Poliana Lima, investigación arredor do invisible e do fantástico presente nos corpos; Hospital de Campo, de Societat Doctor Alonso, que aborda con humor os coidados como práctica colectiva; ou Enchivas, da creadora galega afincada en Suíza Begoña Cuquejo xunto á matemática e performer mexicana Erika Roldán, conferencia performativa que conecta fútbol, matemáticas e artes vivas desde unha perspectiva participativa. A programación incorpora tamén Jérôme Bel, emblemática creación do recoñecido coreógrafo francés interpretada nesta ocasión pola actriz e performer galega María Roja, nunha colaboración coa Bienal de Artes Vivas de Pontevedra que permite a primeira tradución ao galego desta obra.
A MIT 2026 reforza igualmente a súa aposta polas artes vivas e os formatos experimentais, como as mostras abertas que realizarán os dous proxectos en residencia artística na Mostra: ZOOMBIES, do artista brasileiro afincado en Portugal, Pedro Vilela, que utiliza a figura do zombi como metáfora da producion do medo e da construción histórica do inimigo externo; e El discurso, da creadora andaluza Rosa Romero que cuestiona quen ocupa historicamente o lugar da palabra. Presentarase por primeira vez en Galicia Acción Pálpito, da plataforma valenciana Diàleg Obert, que pon en diálogo performance e literatura a partir da reinterpretación das greguerías de Ramón Gómez de la Serna.
A compañía emerxente galega Alomais Teatro presentará unha lectura performativa de O Miradoiro, texto de Isa Fernández gañador da última edición do Premio Abrente de Textos Teatrais 2025, que abre o programa da Mostra.
A dimensión comunitaria estará presente con Ribadavia 26, resultado do traballo desenvolvido durante dous anos polo colectivo galego-andaluz A Volátil xunto á veciñanza da vila. A participación cidadá esténdese tamén a proxectos como Colapso, laboratorio de creación para a mocidade sobre as consecuencias da clise climática, coordinado por Juan Ayala e Miguel Oyarzun.
Especialmente dirixida a públicos de todas as idades, a MIT acolle espectáculos na rúa como a premiada peza de circo 361º da compañía andaluza Proyecto Tránsito, o humorístico El peor espectáculo del mundo. De momento!, da compañía vasca Zanguango Teatro, Circanelo, do galego Fredi Muíño (cía N+1), e a versión de rúa de MONTE da compañía galega Laboratorio escénico. Ademais, a MIT acolle Berenguela na gaiola, de Galeteatro e Xarope Tulú, obra gañadora do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais 2024.
A programación paralela incluirá diversas actividades de formación, encontro e investigación artística. Ademais das entregas do 21º Premio Abrente de Textos Teatrais e o Premio de Honra Roberto Vidal Bolaño, ambos promovidos pola MIT, e a acollida do acto de entrega do Premio da Academia de Teatro.
Os abonos poden adquirirse dende o 17 de xuño a través da páxina web da MIT, onde tamén sairán á venda proximamente as entradas individuais.
A MIT contará un ano máis co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais – Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e o Ministerio de Cultura. Ademais, a programación da 42ª edición é posible grazas á colaboración de entidades como AC/E Acción Cultural Española, o Centro Dramático Galego (CDG), Secretaría Xeral da Lingua, Bienal de Artes Vivas de Pontevedra, Colectivo RPM, Escola Galega de Clowns, AAAG Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Artesanía de Galicia ou Fundación ONCE; entre outros patrocinadores e apoios que fan posible unha nova edición da Mostra.


