in

Sara Somoza e Ismael Eirexas Romeü abren ao público ‘Monxa Millo Sentinela’

O Salón Teatro acolle unha mostra do proxecto, desenvolvido nas Residencias Paraíso 2026

FAVcnv0 22 Ismael Eirexas Rodriguez |
Imaxe do proxecto 'Monxa Millo Sentinela', de Sara Somoza e Ismael Eirexas Romeü.

O tándem artístico composto por Sara Somoza e Ismael Eirexas Romeü ofrecerá hoxe, venres 19 de xuño, unha mostra aberta do seu traballo en proceso desenvolvido nas Residencias Paraíso deste ano. Será no Salón Teatro do Centro Dramático Galego, en Santiago de Compostela, ás 20.00 horas, con acceso libre ata completar a capacidade da sala.

O pasado 1 de xuño Somoza e Eirexas Romeü  iniciaron a residencia na Cidade da Cultura e no Salón Teatro do Centro Dramático Galego arredor da súa proposta que ten por título Monxa Millo Sentinela, “unha investigación escénica situada no final da espera, que parte de tres corpos arquetípicos: a monxa, o millo e o sentinela, que son postos en crise, pervertidos e transformados durante o proceso”. Hoxe realizarán unha mostra do traballo desenvolvido ao longo destas semanas.

Posteriormente, as creadoras participarán, xunto ao resto de artistas das Residencias Paraíso 2026, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 18, 19 e 20 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela.

Residencias Paraíso é un proxecto impulsado por RPM, que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Oleiros, Concello de Ponteareas, Concello de Ribadavia, Deputación de Pontevedra e Fundación Cidade da Cultura de Galicia.

Sara Somoza é creadora escénica. A súa investigación “rolda as existencias máis fráxiles, pequenas e fracasadas e comprende a práctica escénica contemporánea como un espazo no que aquelas teñen a posibilidade de non desaparecer”. Para exploralo, traballa sobre as tensións entre ficción e documental.  Estudou o mestrado en Pensamento e Creación Escénica Contemporánea na Escola Superior de Arte Dramática de Castela e León, no cal desenvolveu a peza ¿Becky Newton? Actúa, dirixe e escribe.

Ismael Eirexas Romeü é travestí e creador plástico-escénico. A súa obra como transformista “desenmárcase da estética hexemónica do campo do drag, afondando en prácticas autóctonas galegas de performatividade e reinterpretándoas co obxectivo de mostrar o seu carácter disidente e crítico con respecto ó xénero”. Así mesmo, a través do deseño, elaboración e presentación de máscaras como eixo central da súa investigación postula “a creación dun arquivo estético e perfórmático contemporáneo que dialoga cos proxectos de re-escritura histórico-culturais queer”.

Ámbalas dúas traballan en colectivo no Laboratorio da Fame.

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Presentación da 42ª edición da MIT de Ribadavia

A MIT de Ribadavia presenta o cartel e o programa completo da súa 42ª edición

'Domitila' de Amparo Martínez (ensaio). Foto: Afonso Becerra

Amparo Martínez estrea Domitila no Teatro Ensalle