Amparo Martínez Paz (Vigo, 1958), pioneira da danza contemporánea en Galicia, estrea a peza titulada Domitila no Teatro Ensalle de Vigo, este sábado 20 de xuño de 2026, ás 20h., onde tamén ofrecerá unha segunda función á mesma hora o domingo 21 de xuño.
Domitila é unha peza de danza, duns 50 minutos de duración, inspirada no texto homónimo publicado no libro Pandrama (Laiovento, 2022), no que o dramaturgo Afonso Becerra de Becerreá recolle a historia dunha veciña e amiga da súa adolescencia na vila dos Ancares: Domitila Guitierrez Alba, que foi torturada e condenada a prisión durante o franquismo.
Amparo Martínez inspirouse nese texto e, a través da danza, establece un paralelismo implícito e sutil entre Domitila e as cadeas que a propia Amparo padeceu cando, a finais dos anos 80, durante os 90 e practicamente até aos nosos días, intentou facer danza contemporánea en Galicia.
Domitila é un solo de danza que evoca algunhas das pasaxes do percorrido vital e anímico dunha muller exiliada dos seus soños, da súa vocación, da súa vida. Aínda que, ao final, as angueiras de xuventude e o que lle manaba acaben por encontrar o seu camiño e realización plenas.
Deste xeito, o espectáculo, con dramaturxia e dirección de Afonso Becerra de Becerreá, xoga tamén con planos temporais, entre a etapa inicial de Amparo Martínez, hai trinta anos, o presente desde o que a evocación de Domitila fai eco coas vivencias de Amparo, e un futuro que xa está aquí, no que a idade, para a arte e para a danza como arte, non resta, senón que suma: a presenza que vén cargada de historia.
Domitila, por tanto, é un solo de danza contemporánea no que a memoria histórica dunha muller represaliada da montaña de Lugo, se filtra e se decanta, sen representar nin ilustrar, a través do movemento, en diálogo coa luz e o espazo realizados por Macarena Palacios e coa música e o espazo sonoro de Macarena Montesinos.
Amparo e as dúas Macarenas forman unha tríade que conxuga, a través da visión e do ouvido, un conxuro de poesía escénica que desafía as tensións entre liberdade e represión, desde unha proposta de danza-teatro moi singular, que exerce a propia liberdade no feito de non adherirse a ningunha tendencia e de fuxir das modas e das poses.
O Teatro Ensalle, na rúa Chile, 15, en Vigo, ademais brindar o seu escenario para a estrea foi o espazo de residencia artística e técnica que facilitou a realización deste proxecto, despois duns anos de xestación demorada.

| Sobre o equipo artístico |
Amparo Martínez Paz (creación e interpretación)
Foi unha das alumnas de Linda Morrison Blancher, primeira bailarina da Compañía José Limón que abrira a finais dos 70 The Ballet Studio en Compostela. Na súa formación destaca o seu paso por La Fábrica en Barcelona, de Cesc Gelabert e Lydia Azzopardi, e polo Nikolais/Louis Dance Lab de Nova Iorque, sendo unha das primeiras bolseiras de artes do primeiro goberno da Xunta de Galicia a inicios dos anos 80. Tamén foi a primeira coreógrafa e bailarina seleccionada para participar na primeira edición do prestixioso Certamen Coreográfico de Madrid. As súas primeiras creacións: Irevir (1987), Arangaño (1988), Conchita (1989), Riada(1989) e Fisterra (1989), presentes en diferentes escenarios e festivais internacionais, forman parte dos inicios da danza contemporánea galega. Tamén da súa autoría é unha das primeiras pezas de videodanza de Galicia: Puzzled Feet, rodada en 1990 e montada e editada polo vídeo-artista vigués Diego Santomé en 2006.
Despois de 30 anos afastada da danza, debido ao panorama sumamente adverso, volve coa creación de pezas breves como Retake (2021), Healing (2021), Ousar (2022), O noso (2022) e PF Site-Specific 023(2023), presentados en diferentes espazos alternativos e en festivais como Escora Danza. Neste contexto, Domitila é a peza de maior duración das desta segunda etapa.

Macarena Montesinos (música e espazo sonoro)
Violoncelista, improvisadora, performer, artista visual e investigadora. Graduada en Belas Artes na Universidade de Vigo.
Macarena Palacios (iluminación e espazo escénico)
Escenógrafa, deseñadora de iluminación, directora de escena e docente na ESAD de Galicia. Titulada superior en Arte Dramática na especialidade de Dirección escénica e dramaturxia pola ESAD de Galicia, e na de Escenografía polo Institut del Teatre de Barcelona. Ten o Máster de Estudos Teatrais da Universitat Autònoma de Barcelona e tamén un posgrao en Escenificación e Tecnoloxía Dixital do Institut del Teatre.
Afonso Becerra de Becerreá (dramaturxia e dirección)
Dramaturgo, director de escena, investigador, crítico e docente na ESAD de Galicia. Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Arte Dramática polo Institut del Teatre de Barcelona, na especialidade de Dirección escénica e dramaturxia.



