A veterana compañía morracense Teatro de Ningures estrea mañá, domingo 21 de xullo, o seu novo espectáculo, O buscador de illas, en colaboración coa Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC). Será a partir das 20:00 horas, na Alameda Vella de Cangas de Morrazo. A MITCFC acollerá unha segunda función d’O buscador de illas o seguinte domingo, 28 e xuño, en Aldán.
A peza é unha creación colectiva que xurdiu a partir dunha idea de Lois Soaxe e que está dirixida por Salvador del Río. O elenco está formado polo propio Lois Soaxe e por Carlota Rosón Rojo e Martín Blanco. O deseño de escenografía é de Pablo Giráldez “Pastor”, o deseño de vestiario e imaxe é de Diego Seixo e Héctor Pazos asina o espazo sonoro. A contratación lévaa Lilian Portela, a través de Amarelo Distribución Escénica.
Sinopse
“Un barco cun único tripulante navega na procura das illas que se están a asolagar polo aumento do nivel do mar, sen que ninguén semelle decatarse, sen que ninguén faga nada por evitalo, xa que non prexudica directamente os intereses dalgúns homes poderosos pero si afecta ao conxunto dos habitantes do planeta, animais mariños, aves ou persoas.
O personaxe central, Xacio, anda na procura das illas, non se sabe moi ben para que, seguramente procura xustiza. É unha viaxe postiniciática, na madurez, alguén que deixa todo atrás para intentar unha nova misión, necesariamente utópica, seguramente condenada ao fracaso, pero coa vontade suficiente para non renderse pese ás adversidades da viaxe.
Dous seres máxicos acompáñano e adoptan diferentes roles durante o percorrido, poden ser calquera de nós (público) e actúan favorecendo ou prexudicando a misión de Xacio, mesmo provocando que siga adiante nos momentos de desesperación ou acompañándoo nos estados de ánimo, potenciándoos”.
40º aniversario da compañía
O Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela de Cangas de Morrazo está a acoller a exposición fotográfica de Diego Seixo Caderno de Ningures, organizada en colaboración coa MITCFC, con motivo da celebración dos corenta anos de actividade de Teatro de Ningures sobre os escenarios; que se poderá visitar ata o vindeiro 5 de xullo.



