in

O CDG contratará 35 intérpretes na súa nova temporada

Para dúas novas producións e a reposición de ‘A serie clopen’, ‘Hamlet’ e ‘Memorias dun neno labrego’

'A serie clopen'. Foto: Miramemira
'A serie clopen'. Foto: Miramemira

O Centro Dramático Galego (CDG) contará para os seus proxectos da próxima temporada escénica 2026-2027 coa contratación de 35 actores e actrices, entre os que se atopan os dos dous elencos das súas vindeiras novas producións: Isto tamén é Sargadelos, a partir do texto de Ana Fontenla, e Eurídice, de Sarah Ruhl; así como os das reposicións de A serie clopen, Hamlet e Memorias dun neno labrego, que volverán ao encontro co público trala demanda suscitada polo éxito acadado nas súas representacións anteriores.

Así, o Diario Oficial de Galicia publicou onte o anuncio polo que a Xunta convoca o procedemento de selección pública de 12 actores e actrices para os dous novos proxectos. As probas constarán dunha primeira fase de valoración dos perfís profesionais en función do grao de coincidencia coas propostas artísticas e dunha segunda de audicións para avaliar “tanto a interpretación textual, xestual e a adecuación aos roles, como a capacidade de integración no traballo coral, coreográfico e de manipulación de elementos”. O prazo de solicitude para participar neste proceso deu comezo hoxe e permanecerá aberto ata o 8 de xullo.

Tres directoras de escena

Isto tamén é Sargadelos, con adaptación e dirección de Ana Fontenla e Celina Fernández Ponte, contará con cinco intérpretes para poñer en pé unha proposta teatral que se inspira no universo simbólico e histórico de Sargadelos para construír un relato escénico arredor da memoria, do traballo e da identidade compartida. A peza, que afondará nos procesos da cerámica como imaxes do que se transmite co paso do tempo, ten a súa estrea prevista para febreiro de 2027.

Para Eurídice, baixo a dirección de Ánxeles Cuña Bóveda, seleccionaranse outros sete intérpretes para darlles vida aos personaxes ideados por Ruhl, dramaturga estadounidense cuxa obra será levada ás táboas por vez primeira en Galicia.  A montaxe revisitará o mito de Orfeo desde a mirada de Eurídice, ofrecendo “unha lectura contemporánea onde a maxia, o humor e a emoción conviven cunha traxedia que se revela aos poucos”. A súa estrea está programada para abril do ano que vén.

Ademais destes novos proxectos, a unidade teatral da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude recuperará á volta do verán tres montaxes que son xa parte relevante da súa historia e que supuxeron uns dos éxitos máis recentes do teatro galego. A serie clopen, a premiada produción de novo circo dirixida por Pablo Reboleiro, volverá cos seus sete intérpretes ao compostelán Salón Teatro no mes de setembro.

Tamén o público que non puido ver Hamlet, o clásico de William Shakespeare con dirección de Tito Asorey e Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas con adaptación e dirección de Cándido Pazó, que esgotaron as localidades en practicamente todas as súas representacións anteriores, terá unha nova oportunidade de gozar do espectáculo no primeiro semestre de 2027.

Outra das grandes apostas da temporada 2026-2027 será a coprodución internacional sobre o texto de Antón Chéjov A gaivota, que baixo a dirección de Santiago Cortegoso e Neto Portela chegará ao Salón Teatro o 1 de outubro.

Todos os detalles da nova temporada do Centro Dramático Galego, que abrangue tamén diferentes propostas en réxime de coprodución e outras accións, serán presentados nun acto público que terá lugar nas vindeiras semanas en Santiago de Compostela.

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Foto dun ensaio de O buscador de illas

Teatro de Ningures estrea ‘O buscador de illas’

Foto da presentación da 43ª MITCFC

A MITCFC inaugura a súa 43ª edición