in , ,

A MITCFC inaugura a súa 43ª edición

Hoxe, coa lectura do pregón e o comezo da programación de sala

Foto da presentación da 43ª MITCFC
Imaxe grupal da presentación da 43ª MITCFC. Foto de Diego Seixo.
A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas celebra hoxe o acto oficial de apertura da súa 43ª edición. Será no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela de Cangas, a partir das 21.00 horas, e o pregón inaugural correrá a cargo de Noemi Rodríguez. Deseguido, abrirase tamén a programación de sala da Mostra, cunha función de El peor espectáculo del mundo… de momento!, de Zanguango Teatro.
Porén, a programación de espectáculos desta edición comezou xa o pasado 21 de xuño, co inicio da programación de teatro de rúa coa estrea absoluta da peza para público familiar O buscador de illas, de Teatro de Ningures, e hoxe pola tarde, ás 19:30 horas, o Auditorio acollerá unha función do espectáculo O arcón de Noa, de Amarelo Cía, tamén para público familiar.O programa de espectáculos e actividades complementarias desta edición da MITCFC desenvolverase ata o vindeiro 5 de xullo, e inclúe propostas de teatro de texto, teatro físico, novo circo e danza, entre outros xéneros, así como espectáculos híbridos que combinan distintas disciplinas artísticas, e manterá unha presenza destacada do teatro de rúa, que volverá ocupar os espazos públicos, achegando as artes escénicas a todos os públicos e reforzando o carácter aberto e participativo do evento.
Nestes días, a MITCFC albergará funcións dun total de 24 espectáculos repartidos en sete escenarios, ademais de diversas actividades paralelas. Este ano serán representadas por primeira vez ante o público en Cangas 6 coproducións, 9 estreas absolutas e 7 estreas en Galicia, nunha programación plural que combina diferentes xéneros e se dirixe a públicos diversos, reunindo artistas e compañías galegas, estatais e internacionais.

Venda de entradas

As entradas para os espectáculos están á venda na web da Mostra. Ademais, o despacho de billetes do propio Auditorio estará aberto os días de función desde dúas horas antes de comezar cada función, e no resto de espazos alternativos estará tamén dispoñible a venda de entradas antes do comezo dos espectáculos.

Redacción
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'A serie clopen'. Foto: Miramemira

O CDG contratará 35 intérpretes na súa nova temporada