Chega o XII Festival Escenas do Cambio 2026 e nel estará a peza Entrecruzad@s de OPSIS Producións, con dirección e dramaturxia de Juliana Reyes, experimentada creadora transoceánica, e un elenco composto por Andrea Carrión García, Fabián Augusto Gómez, Juanki Fernández, Perla del Rocío e Russo Nnandong.
Reyes estudou interpretación na RESAD e é unha prestixiosa dramaturga, directora e coreógrafa da escena colombiana e española. Con máis de 40 obras escénicas, codirixiu a Fundación L´Explose en Bogotá dende 1998 e no 2019 creou OPSIS en Madrid. Conta con diferentes recoñecementos, destacando o Premio Nacional de Danza outorgado en Colombia en 2023.
Entrecuzad@s abre preguntas sobre o corpo que habitamos, o lugar que ocupamos, a mirada que nos define e o desexo de pertencer sen deixar de ser quen somos. Amosouse nun work in progress en Teatro del Barrio, estivo nunha residencia no Centro Cultural Pilar Miró e no Laboratorio de Artes de Valladolid e estréase agora no norte do Estado.
Foi un pracer a enriquecedora conversa con ela, na que non só nos descobre o universo de Entrecruzad@s, senón que comparte con nós a súa experiencia artística, reflexións e feitos sobre o sistema teatral, sobre a súa poética e sobre a súa visión do presente.

Por que e como nace este proxecto, Juliana? Cal foi a necesidade, como artista e creadora, de contalo?
Eu fixera un proxecto aquí en 2023 cunha bailarina, Paloma Hurtado, sobre a orixe e o ciclo da vida. Nese momento movíame entre Bogotá e Madrid e, de forma orgánica, cando estás noutro lugar do que non es, levas a costas o sentido de ser inmigrante. Veume a necesidade de traballar con xente de distintos lugares para pensar nesa noción de estranxeiría, partindo primeiro da miña propia realidade para chegar a outras diferentes. E non pensada só desde a persoa que vive noutro lugar, senón tamén desde o meu corpo: e se quero ser bailarina e teño un corpo obeso? Ou como son estranxeira do meu propio desexo. A estranxeiría tamén vén dada pola mirada do outro, pola acollida ou non acollida do outro; como me fan sentir os demais estranxeira?
Por outro lado, pensaba en como a rede parece unificarnos a todos e intentar anular a diferenza cando todo o mundo ensina a maquillarse igual, a peitearse igual, a facer os mesmos xestos, a movernos como se fósemos elementos de consumo, como o plástico, digamos. Pensar esa estranxeiría nun mundo contemporáneo como o que temos, onde esta unificación e homoxeneización está presente. Ademais sinto que estamos no mundo do politicamente correcto, ese “buenismo” que fai que todos teñamos que ser un pouco perfectos; interesábame exploralo. Tiña eses dous lugares dos que quería falar: a estranxeiría nun momento no que intentamos eliminar a diferenza e nese lugar de “buenismo” e unificación. Miraba moito para a xente nova. Que duro é ser adolescente ou moza/o neste momento no que están intentando unificar desta maneira tan tola! Subo ao metro e vexo esas ondas de adolescentes idénticos. É moi duro neste momento ser adolescente porque creo que todos temos un pouquiño de rebeldía interna.

Que podes contar da dramaturxia da peza?
Interesábame que a obra tivese dous momentos. Ese mundo perfecto onde todos se dedican a facer footing e ao “buenismo”, todos facendo xestos perfectos, onde todo é cara á cámara, e que pasa se de aí é de onde xorde a diferenza. Que pasa cando nos quitamos as máscaras? Todo o tempo hai que ter a nosa mellor cara. A cara da rede é a cara perfecta. Interesábame profundar e crear un loop onde parece que nada cambia, un continuo no que todo é igual. Facemos footing, corremos. Unha gran estabilidade que nada rompe.
E de súpeto chega algo estraño, ese estranxeiro que non é coma nós e empezamos a descubrir o diferentes que somos os uns dos outros e como nesa diferenza e nas especificidades do universo interno de cada un, somos capaces de atoparnos e de vivir en comunidade.
Que buscas provocar na recepción ou que che gustaría que se producise a través desa viaxe que describes na persoa espectadora?
A min interésame esa incomodidade que creo que produce a primeira parte. Moita xente dime: “Ui, iso debería ser máis curtiño”. E eu creo que non. Mantelo é o que fai que cando cambia, de súpeto, te liberes. Que leve a pensar o importante que é valorar a diferenza e o grato que é ver xente distinta.
Como foi o proceso creativo de Entrecruzad@s?
Para min foi unha novidade a forma de traballo. Eu en Bogotá tiña o meu propio espazo. Sempre me gustou ser a miña propia xestora, fixo que a miña dramaturxia estea ligada á produción das cousas que fago.
Neste caso, entender como funciona a contratación obrigoume a reducir moito máis o tempo de ensaio e xerar a creación desde un lugar que era traballar contra o reloxo. En Bogotá adoitaba traballar en tempos máis longos e non traballar segmentado, digamos, ata rematar unha creación. Esta forma de traballar obrigoume a outra serie de cousas e para min foi excitante, pero sendo moi consciente do tempo que tiñamos.

Creaches OPSIS Producións en 2019. Como é manterse no sistema teatral cun proxecto innovador, multidisciplinar e comprometido socialmente e moverse a nivel transoceánico?
Vou intentando entender como vai. Ata hai un mes e medio dirixía tamén L´Explose en Colombia, compañía coa que traballei 30 anos e onde profundei nesta linguaxe híbrida que creo que me caracteriza. Alí logramos ter unha sala e unha traxectoria. Neste caso, para empezar nun novo país tiña que crear unha estrutura. É importante ter un contedor onde poida facer todo o que fago. Creo que esa estrutura me deu como unha solidez. É un reto, como creo que para case todos os creadores, ver de que maneira se compaxina a formación, a creación, a circulación, proxectos achegados. Cando era máis noviña pensaba que só a creación me ía dar un lugar e co tempo fun entendendo que teño que diversificar a miña maneira de traballar para que iso sexa posible. Con OPSIS vou inventando proxectos que poidan ir dando esa diversidade de traballo coa que xogo.
Percibes diferenzas e/ou similitudes entre o sistema teatral de España e o de Colombia?
Noto que aquí está todo moito máis profesionalizado, cousa que me parece ben. Unha contratación que ten que ser dunha determinada maneira obrígate a unha serie de cousas e ás veces a reducir o tempo, pero vai en prol de pagar mellor ao equipo, de asegurar unha serie de cousas. Cando traballas de maneira menos formal tes outras características. Podes traballar moitas máis horas, podes tomar o tempo para as cousas, pero tamén implica que ás veces estamos pagados regular. En termos de estrutura de produción obrígate a ser moito máis consciente de cada cousa que pos. Aquí é un gremio moito máis grande, máis competitivo, pero con moitos máis espazos posibles.
Si, creo que son dous lugares con diferenzas, con cousas que hai nun nas que me sinto máis cómoda que no outro e viceversa. Pero ben, estou tamén empezando a navegar este lugar e dicir: como esa linguaxe un pouco máis híbrida pode ir atopando os seus espazos.
A miña especialidade foi, ao longo dos anos, a Dramaturxia na Danza, é onde realmente traballei con L´Explose: ata o 2020 como dramaturga e directora escénica e logo xa como directora da compañía. O feito de como estruturar a danza, non teatralizar a danza necesariamente, senón pensar nunha dramaturxia, que ligada á estrutura, é o que sempre me fascinou. Niso que me preguntabas sobre o híbrido da linguaxe, eu sinto, se cadra porque non temos unha traxectoria teatral como a que teñen aquí, que en Colombia polo menos hai moitas linguaxes híbridas —performance, teatro, danza…—, está todo bastante mesturado. E unha das diferenzas coas que me topei aquí é que está moi diferenciado, e estas linguaxes híbridas, ás veces, non son tan fáciles de entender ou non son tan fáciles de facer encaixar.
Tes algún referente indispensable?
Eu creo moito nos referentes. Digamos, creo que os referentes son moi útiles. O que si sentín ao longo da miña carreira é que eses referentes foron variando. Que nun momento dado, cando era máis noviña, estaban máis ligados á danza-teatro. Logo interesáronme máis de artes plásticas, despois interesáronme referentes literarios, logo a rede. Eu creo que para min os referentes son fundamentais e sempre que vou empezar unha creación sinto que teño que nutrirme de cousas. Para Entrecruzad@s parte do que me interesaba era: que está facendo esa xuventude que está horas e horas na rede? Pois foi botarme horas vendo que fan na rede e dicir: “miña nai, onde nos estamos levando a nós mesmos?” Creo no artista que está en diálogo cos demais. Para min, o traballar con outros e entender como o fan e xogar co que outros pensaron sempre é algo que me fascinou. Nunca fun nese sentido alguén pechada ás miñas ideas, eu soa.

Muller, dramaturga, directora, intérprete e produtora. Cres que influíu dalgunha forma ao longo da túa carreira?
Si, a min pasoume algo que eu nunca sentín, digamos, ningún tipo de discriminación ou desigualdade. Meu pai fora un director importante en Colombia, director da Biblioteca Nacional, un dramaturgo moi recoñecido no país, entón digamos que sempre estiven como acollida polo gremio. Logo empecei a traballar cun coreógrafo asturiano, Tino Fernández, que traballaba en Colombia. Traballamos xuntos en cocreación absoluta, creamos esa sala xuntos, fixemos máis de 30 espectáculos xuntos… e cando tristemente faleceu en 2020, doume conta de que o gremio poñía ao coreógrafo como o creador e a min como a garante do legado. E eu dicía: “pero se é unha cocreación!”.
Estes anos de súpeto tiven que empezar a marcar o meu lugar e iso foi para min un choque, descubrir que o gremio vía ao home como o xestor e á muller como a acompañante. Foron uns anos de situarme e defender o meu lugar. Foi un entender e por primeira vez descubrir esa mirada dos demais un pouco condescendente coa muller.
Coñecías o Festival Escenas do Cambio?
Non, non o coñecía e teño moitas ganas! Estivera nun festival en Ourense, en Ártika en Vigo, unha sala alternativa que me encantou.
Para rematar, tes novos proxectos na recámara?
Si, pois teño varias ideas e varios proxectos, algúns de xestión, outros de creación. Dentro da creación estou intentando mover un proxecto sobre Lorca.
Juliana Reyes, moitísimas grazas polo teu tempo e predisposición!
Animamos a todas as (persoas) lectoras a ver Entrecruzad@s no Festival Escenas do Cambio. Eu alí estarei.




