in ,

Vera González e Tolo Ferrà traen LA CALIDESA a Escenas do Cambio

'La Calidesa'. La Société de la Mouffette e COMA14
'La Calidesa'. La Société de la Mouffette e COMA14

Ginés Alén, membro do Comando Dramatúrxico, conversa con Vera González  e Tolo Ferrà, directores e dramaturgos de La Calidesa. Unha peza coproducida polo festival GREC de Barcelona, que desprega un dispositivo escénico que nos inclúe e do cal saímos menos soas, acariñadas pola calidez.

La Calidesa vai estar na Galería de Servizos da Cidade da Cultura o sábado 9 de maio, en diferentes pases, pola mañá ás 11h., ás 12h., ás 13h., e pola tarde ás 16h., ás 17h. e ás 18h.

'La Calidesa'. La Société de la Mouffette e COMA14
‘La Calidesa’. La Société de la Mouffette e COMA14

Esta é a terceira colaboración entre La Société de la Mouffette e COMA14, fíltrase algún trazo doutras pezas previas nesta?

Tolo: Si, primeiro hai que dicir que hai dúas miradas distintas, dúas formas de crear distintas. Aínda que Vera tamén é directora, a súa ollada como actriz, e especialmente no teatro de obxectos, fai que todo teña unha atención polo detalle moi grande. Iso fai que os dous vaiamos nunha liña moi parecida. A min gústame definir unha plástica escénica moi marcada, con moito atrezzo. Trato darlle moita vida á escena e compartimos esa linguaxe, aínda que partamos de lugares diferentes.

Vera: Si, eu penso que é iso, temos a parte visual moi presente. Sempre que pensamos nunha idea, creamos unhas imaxes que a acompañan.

Tolo: E tamén compartimos a creación dende un punto de vista artesanal: traballamos con persoas que teñen as cousas moi claras, pero que comparten a experiencia do equipo; e todo pasa a ser unha creación conxunta viva.

De onde vén a palabra “Calidesa”?

Tolo: “Calidesa” significa calidez en catalán. Cando lle puxemos o título foi como xuntar as sensacións que deixaban as seis historias do espectáculo.

Vera: A nivel sonoro tamén nos pareceu máis atractivo que calidez e decidimos non traducilo.

Tolo: Neste caso é o segundo espectáculo que producimos que ten historias encapsuladas e isto para nós é a procura dunha linguaxe persoal.

Vera: Claro, isto naceu na pandemia, porque como estabamos encerrados…

Tolo: Non quedaba doutra! E con La Calidesa puidemos facer unha coprodución co Festival GREC no proceso desta procura.

Vera: O nome xurdiu tamén pola sensación que queriamos que o público sentise durante e despois do espectáculo. Atoparse cun dispositivo que fía unha e outra historia e que vai xerando unha calor que fai que o público saia con outra temperatura. A peza vaiche enchendo o corazón.

Tolo: Ao final é o dobre concepto que ten a calidez: a emocional e a física. A colorimetría do lume, por exemplo, é moi concreta, e vese reflectido no espazo e na escenografía.

Vera: A disposición é case como de fogueira.

Tolo: E, amais, o que acontece ao final da peza, que xa verás, serve para que o público manteña esa calidez fóra do espectáculo tamén.

E con Tolo e con Vera como dialoga esta peza?

Tolo: Comigo dialoga dende o punto de vista da linguaxe. Apaixóname como estamos xogando coas formas de creación.

Vera: A min interpélame con respecto ao público. É moi interesante crear un espectáculo no que tes ao público nas túas mans porque as ideas que podes ter para saber que facer con ese público son infinitas. Pensas: “Vale, saíron da primeira historia, entón están neste punto emocionalmente. Que lles podes dicir? Canto tes que agardar para engadir algo máis?”; é un xogo moi distinto ca xogar co espectador cando hai unha cuarta parede. O público é un axente activo: non vai recibir unha historia, senón que vai vivila.

Tolo: Hai unha cousa marabillosa cando dirixes e é escoitar como respira, como contesta o público. E iso non é doado de saber nun teatro á italiana, mais si cun dispositivo coma este.

Xustamente iso é o que me parece destacable: que cultivedes un teatro relacional que ten directa implicación coa temática da peza.

Tolo: Deches na clave porque o discurso estruturado por fases quere activar ao público para motivar unha serie de sensacións e relacións entre eles. O teatro relacional como dispositivo, se non ten que ver co discurso, ao final convértese nunha mera escusa.

Vera: La Calidesa está con cada grupo en concreto, o dispositivo é maleable e modifícase en relación das necesidades. Hai unha voz que guía que é transmitida en directo, non é unha voz gravada, e a actriz que dá vida a esa voz fai dúctil a peza atendendo a como responde o público.

Tolo: Si, ao final hai un xogo de límites entre artes vivas e non vivas.

'La Calidesa'. La Société de la Mouffette e COMA14
‘La Calidesa’. La Société de la Mouffette e COMA14

Se La Calidesa fose un animal cal sería?

Tolo: Para min sería un gato. Pero non un calquera, sería unha gata que tiven con 16 anos que me adoptou e transmitía esa calidez.

Vera: Eu pensei nunha leoa, xustamente un felino como Tolo! La Calidesa lévame a esa calor e ese poder, porque coidado, pode abrir cousas!

Moitas grazas. Grazas por La Calidesa porque na sociedade actual que se incentiva tanto a individualidade e que se desintegra a colectividade, esta peza é case unha ventá utópica. E, por suposto, grazas pola vosa xenerosidade por concederme esta entrevista.

Vera: Grazas a ti, Ginés!

Tolo: Verémonos en Escenas do Cambio!

Escenas do Cambio. Cidade da Cultura
Escenas do Cambio. Cidade da Cultura
Ginés Alén

Ginés Alén

Ginés Alén

Alumno da ESADG na especialidade de Dirección escénica e dramaturxia. Ten colaborado con artigos sobre espectáculos na erregueté | Revista Galega de Teatro. Forma parte do Comando Dramatúrxico do XII Festival Escenas do Cambio 2026 da Cidade da Cultura.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

‘ENTRECRUZAD@S’ de Opsis Producciones, Juliana Reyes. Foto: Gerardo Sanz.

ENTRECRUZAD@S de Opsis e Juliana Reyes en Escenas do Cambio