A asociación feminista de Chantada Polamiúda inaugura hoxe, 5 de xuño, a cuarta edición do seu festival Polas Bravas, que se desenvolverá ata o sábado “con propostas culturais vangardistas feitas por mulleres bravas galegas”. O evento conta coa colaboración do Concello de Chantada, a Deputación de Lugo e o tecido empresarial e o pequeno comercio local.
A programación do festival, o primeiro de toda a provincia na súa orientación, abrangue un amplo espectro de actividades, todas elas de balde. Música, poesía, performance, teatro, circo… distintas propostas que encherán a noite de mañá e toda a xornada do sábado “de cultura feminista e comprometida dirixida a todos os públicos”.
Venres 5
Polas Bravas comezará o venres ás 21.00 horas na Praza da Paz cun recital poético a cargo de Silvia Penas, a quen lle seguirá a música de Silvia Penide. Nesta sesión, a actriz galega Arantza Villar, do grupo Chévere, será a mestra de cerimonias.
A noite rematará coa artista Ruth Conde, ‘Ningún DJ’, recoñecida activista pola causa palestina e membro de Médicos sen Fronteiras, con actividade asistencial frecuente en Gaza.
Sábado 6
O programa do sábado arrancará no parque Eloísa Rivadulla ás 12.00 horas co coro infantil ‘Música na Escola’, que cada ano consegue reunir máis pequenas e pequenos nesta iniciativa, para continuar ás 12:15 horas co circo de Marta Iglesias (Marta Sempre Arriba) e o seu espectáculo Cèst pas possible e a partir das 13:00 horas co Coro de Mulleres Bravas, “peza fundamental do festival que xunta tres xeracións de mulleres chantadinas en torno ao canto coral e o feminismo”.
Tras a sesión musical das Chapamama, ás 13.30 horas; La Nuestra unirase ás 16.00 horas co seu Festival Ambulante. Así, Cristina Fallarás intervirá coa súa charla Llámala revolución, na que celebra “o papel do movemento testemuñal na visibilización das violencias machistas”. Chegarán tamén a Chantada con La Nuestra Andrea Aldana, Lourdes Lucía e Gabriela Wiener; esta última, escritora, activista, referente da literatura autorreferencial e poeta, expoñerá ante o público un acto performativo.
O festival continuará ás 18.30 horas no Auditorio coa actuación teatral de Brigitte Vasallo, que traerá a súa peza Queixa [Roma ou Morte], dirixida por Gena Baamonde.
A música será o remate do festival, xa de volta no parque Eloísa Rivadulla, coas actuacións de Os Rascals, Abril, Nadie Gonzalez e Amiga Fea e o peche de Señora DJ.
- OS Microefectos Dramatúrxicos volven a Lugo - 05/06/2026
- O CDG e Redrum Teatro estrean ‘A furia da amanita’ - 05/06/2026
- Polamiúda celebra en Chantada o festival Polas Bravas - 05/06/2026
![Queixa [Roma ou morte], de Brigitte Vasallo](https://erreguete.gal/wp-content/uploads/2026/06/Queixa-Roma-ou-morte-de-Brigitte-Vasallo-758x514.jpg)


