in , , , ,

PLATTA 2024 no Carballiño

Acordo histórico entre as catro patas

TEATRO DO PESADELO. Desaquelando reducida 2
Teatro do Pesadelo representou 'Desaquelando'

O Auditorio Municipal Manuel María do Carballiño acolleu as actuacións das tres comunidades transfronteirizas e das lecturas dramatizadas nos tres idiomas, actividades que se desenvolveron entre os días 14 e 16 de xuño baixo un clima de fraternidade.

Á inauguración asistiron o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lourenzo; o alcalde do municipio, Francisco José Fumega Piñeiro, e a concelleira do Partido Popular Lorena Castro.

A continuación, o grupo galego Teatro do Pesadelo d´A Coruña, representou Desaquelando, un espectáculo dividido en catro escenas con textos de Manuel Núñez Singala e do director do grupo Paco Luna. Esta obra critica con sarcasmo os problemas político-sociais, as miserias e males da sociedade actual. Partindo do sentimento de orgullo, as dúas actrices, Xoana Pintos e Sonia Barros ofrecen, con ironía e sarcasmo, unha conferencia sobre a temática galega para despois expandirse polos males de España, Europa e finalmente dar unha visión extraterrestre de cara onde vai a humanidade. Cara a súa propia destrución.

Ao día seguinte, o grupo leonés Paso Básico percorreu a escena con La voz humana, de Jean Cocteau. A actriz Ángeles Rodríguez preséntanos un diálogo telefónico entre ela e o home que a acaba de abandonar. A tolemia de amor amosa unha muller emocionalmente dependente que non é capaz de recoñecer nin aceptar a ruptura. Os distintos estados de ánimo vanse solapando e o caos emotivo queda reflectido na escenografía vertical composta de teas de distintas cores e espazos baleiros que abre aos nosos ollos eses cambios emocionais. A soidade, o silencio, a escuridade, o desasosego polos que vai transitando, as ideas suicidas e finalmente a luz. Luz para mudar as cousas que a tiveron atrapada e dar unha oportunidade á esperanza.

PASO BÁSICO. La voz humana
Paso Básico representou ‘La voz humana’

O Grupo de Teatro do Vez, do pobo portugués de Arcos de Valdevez, pechou o domingo esta serie de espectáculos conmemorando o cincuenta aniversario da morte do dramaturgo portugués Tomaz de Figueiredo, levando a escena O Homen do Qiosque. Esta peza retrata e ridiculiza con humor a vida dunha familia burguesa que chora pola compra dun billete de lotería. Se nos anteriores espectáculos destacamos a ironía e a dor que produce o abandono, nesta obra temos que quedarnos coa expresividade do grupo que se move con destreza polo palco creando uns personaxes dinámicos e cheos de sonoridades.

GRUPO DE TEATRO DO VEZ. O homen do qiosque
‘O Homem do Quiosque’ foi representada polo Grupo de Teatro do Vez.

Por outra banda, Oswaldo Digón ofreceu un obradoiro de introdución á técnica de improvisación nas artes escénicas ao que asistiron 17 persoas das tres comunidades. O domingo pola mañá, antes de dar comezo as lecturas dramatizadas, as participantes realizaron no palco do Manuel María unha impro como mostra destes días de traballo para dar visibilidade ao aprendido desta técnica.

Lecturas dramatizadas

Despois de repartirse os diplomas correspondentes do obradoiro de impro, as lecturas dramatizadas deron comezo no mesmo palco do auditorio. O texto, orixinalmente escrito en castelán, Dos sombrillas, do autor catalán Ivan Vallejo Vall, foi traducido ao portugués por Zé Paredes e ao galego por Pedro Pablo Riobó.

LECTURA DRAMATIZADA. DOS SOMBRILLAS
Lectura dramatizada de ‘Dos sombrillas’

Como vén sendo habitual, o tempo de ensaios é tan só día e medio. Cada grupo está formado por catro persoas, excepto o grupo castelán, pois nesta ocasión participou con dúas, para representar a dous personaxes, Gino e Peppino.


Publicidade

Evocando a Beckett, Dos sombrillas foi lido por portugueses, Dois guarda-sois por galegos e Dous parasoles por casteláns, toda unha experiencia de diversidade e superación.

O feito de ler nun idioma que non é o materno supón un reto importante para moitas das persoas participantes que non están habituadas a falalo nin a escoitalo, tendo, en ocasións, o primeiro contacto con el. Buscar e conseguir esas sonoridades tan singulares de cada idioma é tarefa das direccións nativas que non só van teatralizar ese texto senón que van axudar aos membros do grupo a aproximarse ao acento do idioma no que se le.

A peza, áxil, con réplicas curtas, repeticións e xogos de palabras, deu para brincar e sacarlle as notas de humor tan características, situándoa en distintos espazos e dándolle diferentes intencións.

Foron uns días de traballo intenso, de facelo o mellor posible e, sobre todo, de compartir experiencias entre as diferentes comunidades e aprender de cada unha delas. Namentres, agardamos o próximo texto que se lerá en Arcos de Valdevez, Sinfonía de color, da dramaturga madrileña Ana Díaz Velasco.

GRUPO PLATTA 2024 O CARBALLIÑO
Foto grupal das persoas participantes no encontro PLATTA 2024 no Carballiño.

Mesa PLATTA

No anterior artigo sobre o PLATTA de Valladolid, realizado no mes de marzo e organizado pola FETACyL, anunciabamos a saída de Teatro do Noroeste-Centro Dramático de Viana/TEIA-Teatro em Iniciativa Associativa e a encomenda ao Grupo de Teatro do Vez, de falar cos grupos dos arredores para formar unha federación de grupos amadores portugueses. Na mesa PLATTA do Carballiño, Albertina Dias, representando ao Grupo de Teatro do Vez, desvelou o actual estado desas conversas, contándonos que xa están adheridos a este proxecto os grupos In Creativo, de Ponte da Barca, Companhia de Teatro de Santo Tirso, de Santo Tirso e Dupla Face de Ponte de Lima, pertencendo todos eles ao distrito de Viana do Castelo. O proceso de construción desa federación tan desexada por todas as partes segue a súa dinámica e finalmente, as catro patas que compoñen o PLATTA asinamos un novo convenio provisional con vistas a crear outro final cando estea formada esa federación. Oxalá poida ser no mes de outubro, entre os días 25 e 27, que é cando está programado o PLATTA en Arcos de Valdevez.

Sinatura do novo convenio co Grupo de Teatro do Vez
Sinatura do novo convenio co Grupo de Teatro do Vez

Xoán Carlos Riobó

Xoán Carlos Riobó

Director de escena e dramaturgo. Desenvolve a súa actividade teatral con grupos de adolescentes e adultos dentro do ámbito escolar e amador (Obradoiro de Teatro María Soliña, Teatro a Réplika e Teatro Aberto). Como dramaturgo ten publicados varios textos para crianzas e adolescentes en Edicións Fervenza: 'O retábulo das marabillas no país do chapapote', 'Acariñando os desexos' e 'A viaxe de Burhan: Éxodo'. Fundador da Mostra de Teatro Escolar de Cangas. Dirixe o Ciclo de Teatro Afeccionado do Morrazo. Membro dos grupos de traballo que organizan a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) e a Mostra de Teatro do Ensino Secundario do Morrazo (MOTESMO). É membro do consello de redacción da 'erregueté'.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Zona Franca, de cia. Suave. Imaxe de Rosinha Rojo para a MIT de Ribadavia.

Zona Franca

Ensaio da obra de teatro Nada se sabe Rocío Cibes

O Centro Dramático Galego e Culturactiva estrean ‘Nada se sabe’