Aproveitamos o paso de Álvaro Murillo por Santiago de Compostela para participar no X Festival Escenas do Cambio, para partillar con el un anaco e falar de danza e saúde, da converxencia de disciplinas académicas e arte e da paixón polo baile.
A min gústame moito comezar poñéndonos en contexto, polo que a miña primeira pregunta, Álvaro, sería como nace a túa conexión co baile e co flamenco.
Eu son autodidacta, comecei a bailar aos 18 anos, hai uns 10 anos aproximadamente. Foi estudando Educación Física que namorei do movemento e foi na mesma carreira que comecei a facer cousas de danza contemporánea xunto ao coreógrafo Pablo Molero. Co flamenco pasoume que o escoitei sempre na casa e foi así que, dende un lugar totalmente autodidacta, xerei esa conexión entre a danza contemporánea e o flamenco, poñendo por exemplo músicas flamencas e atopando relación entre as expresións emocionais contemporáneas e os palos do flamenco. Foi unha viaxe de moita investigación corporal e de auto descubrimento.
E como sucedeu esa conexión coa danza contemporánea na Universidade?
Hai unha materia de Danza e Expresión Corporal, en primeiro ano de carreira de Ciencias do Deporte, que en moitos lugares impártese como baile aeróbico ou como actividades dirixidas, mais no caso de Cáceres, o profesor é Pablo Molero, que estivo moitos anos na Compañía Nacional de Danza, facendo o tránsito entre o clásico e o contemporáneo con Nacho Duato, polo que a nivel pedagóxico aportounos uns proxectos moi interesantes, como por exemplo a relación da técnica de Rudolf Laban a nivel educativo. Foi así que me metín no grupo universitario e comecei a viaxar a Francia, onde puiden traballar con François Chaignaud, Boris Charmatz, Marlene Monteiro e recibindo moita formación de artistas de primeiro nivel, algo que para un rapaz coma min naquel momento foi unha experiencia avasaladora.
Acabas de presentar a túa tese doutoral, “Envejecimiento motor y cerebral en tareas duales con ejercicio físico, danza y creatividad en personas con fibromialgia”, que ademais ten moito que ver con DUAL, a peza que veremos en Escenas do Cambio.
Eu relacionei todo coa danza durante a miña formación en Ciencias do Deporte. Ao ter moi bos resultados académicos, a propia Universidade propúxome ficar e facer alí o doutoramento. Foi así que relacionei a danza e a saúde, comezando o meu camiño profesional na danza e ao mesmo tempo continuando na investigación, que foi o punto de comezo deste traballo. Tamén aconteceu que tiven unha conversa con Alba Fernández, de Laboratorio Escénico, quen me comentou a posibilidade de facer unha peza a partires da presentación da tese, de onde xurdiu a idea de facer este espectáculo, seguindo unha liña de traballo na que xa foron aparecendo partes conferenciadas noutras das miñas pezas.
Como xurdiu a equipa para DUAL?
Eu a Dani (Daniel Muñoz, aka Artomático, músico, produtor e enxeñeiro de son) coñecino na Fundación Paco de Lucía, onde o ano pasado fun seleccionado como artista para a produción dun espectáculo, sendo Daniel o meu titor, quen traballaba no Conservatorio Superior de Música Creativa, dando vangarda e flamenco. E foi un match instantáneo. Foi quen me axudou a rematar e a producir Flamenco futuro, peza coa que estiven no Teatro Principal de Santiago, por exemplo. Entón apareceu unha residencia en Zaragoza, no Festival Trayectos, que promovía as novas tecnoloxías, a ciencia e a danza, aspectos nos que estabamos xusto a traballar. E claro, estando en Zaragoza, eu xa coñecía a Ana Cotoré, quen estivo bailando con Matarile moitos anos, quen é alguén que me fascina por como se move e a forza que ten en escena e que ademais é psicóloga. Ela foi unha opción inmellorábel para entender como adaptar a sintomatoloxía dunha enfermidade como pode ser a fibromialxia a unhas pautas de movemento e á danza.
Como lles explicarías ao público o que se van atopar cando veñan a ver DUAL?
Hai unha reflexión que nos dixeron que me parece moi adoitada para falar da peza, que é que a xente vai atoparse cun cadro en branco, que van ir poder pintando con nós. Un cadro en branco e unha pintura moi abstracta, un espazo baleiro no que nos metemos Daniel e máis eu, no que comezamos a pintar co son. Dalgún xeito penso que o público pode conectar coa sensación de estar a pintar nun cadro en branco.
Para rematar, preguntaríache pola túa experiencia como director artístico no Festival Internacional de Danza de Cáceres, DZM, e a relación de festival a festival.
O DZM leva moitos anos, está dirixido por Pablo Molero, o meu profesor de universidade que me presentou a danza, mais é un festival humilde, onde o que procuramos é tecer unha rede á que poidan acudir as xentes da danza. De feito, de Galicia teñen vido moitas artistas como poden ser Manu Lago, a xente de SóLODOS, coa presenza de A Casa Vella… En realidade é unha especie de asociación de festivais e de proxectos que axuda a que o festival se poida facer e manter. No meu caso, agora que veño a un festival como Escenas do Cambio, gústame atopar as relacións e as redes de afecto entre festivais.
Unha relación que fala tamén da túa presenza en Galicia.
Pois creo que teño pasado por case todos os proxectos de danza en Galicia, que é como a miña segunda casa, xunto co País Vasco. Teño vido ao PROPULSA de Manu Lago, ao Corpo(a)Terra, ao SóLODOS con quen fun tamén a Costa Rica, onde tamén estiven grazas a Atopémonos Bailando, estiven en A Casa Vella tres veces, bailei en Cartografías, teño colaborado moito con Clara Ferrao… Para min o tecido galego de danza contemporánea é moi importante, ten un peso significativo no meu desenvolvemento profesional, sen dúbida.
Pois resta só darte a benvida ao Festival Escenas do Cambio e que desfrutes desta nova visita a Galicia, con moito gusto tamén pola nosa banda de poder verte.