in , ,

O festival Escenas do Cambio celebra a súa décima edición

Desenvolverase entre hoxe e o domingo e acollerá 13 propostas de vangarda

my neighbor sky
'My Neighbor Sky', de Andrés Corchero e Oguri

Un programa que celebra a traxectoria do festival e a súa capacidade transformadora. Con esa vontade arranca a décima edición do Escenas do Cambio, na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. Dende hoxe, venres 3 de maio, ata este domingo, acollerá 13 propostas de vangarda, seis delas estreas absolutas, de danza, teatro e arte en acción.

Hai oito obras que interveñen diferentes lugares dentro e fóra do Gaiás “para convertelos en moito máis ca un escenario”. O Xardín do Teatro e o conxunto escultórico Espellos, de Manolo Paz no Bosque de Galicia, serán o lugar para o reencontro entre o bailarín español Andrés Corchero e o xaponés afincado en Estados Unidos Oguri, que renovan baixo o ceo galego o seu proxecto de creación continua My neighbor sky. Tamén no exterior do Bosque de Galicia e polas rúas de Compostela circulará o Rabaño sinfónico guiado pola artista cyborg Moon Ribas e o acróbata Quim Girón. Trátase neste caso dunha obra creada en comuñón na que o público participa cun altofalante a modo de “choca electrónica” que dará orixe a un novo universo sonoro a partir do movemento e da voz.

Dentro do Museo, o andar -1 transmutará nun Calidoscopio visual e sonoro de 360 graos no cal os músicos de Gallaecia Ensemble Barroco compartirán co público a primeira interpretación sobre instrumentos históricos da partitura In C, de Terry Riley, pioneiro da composición minimalista. Este espazo será, ademais, o lugar da estrea absoluta de Dual, a creación de danza e son en vivo coa que o estremeño Álvaro Murillo e o artista sonoro madrileño Artomático exploran as posibilidades do movemento creativo para previr o envellecemento motor e cerebral.

Ademais, a galería subterránea que conecta os diferentes edificios da Cidade da Cultura será o búnker desde o cal a premiada compañía vasca La intrusa dará forma a Prusik, “unha rede de mulleres disposta a asaltar o Edén para construír unha nova humanidade”; unha obra que contará coa participación das bailarinas galegas Clara Ferrao, Marcia Vázquez, Ana Beatriz Pérez e Raquel Ferradás. De liberdade, represión e beleza falará tamén desde os túneles do Gaiás o galego David Loira, que estrea a provocativa peza Blondi, na que conecta a súa experiencia persoal como guía turístico en Berlín e nos campos de concentración nazis con episodios históricos de discriminación e odio ao diferente, todo para cuestionar quen somos e a que líderes seguimos na sociedade actual.

Instalacións perfomativas

No Hall de tirantes do Museo e na Sala Eisenman, o espazo será intervido por dúas instalacións performativas. Na primeira, o portugués António Gonçalves estrea Corpo que se fai imaxe, unha montaxe inmersiva que reinterpreta a súa primeira performance, sobre a que indaga o ensaio Língua Bífida do profesor da Universidade do Porto Pedro Eiras, que ambos presentarán xuntos no festival. A Sala Eisenman converterase en SED, unha paisaxe de palabras coa que a canaria Raquel Ponce “estira ata o imposible os límites da linguaxe”.


Publicidade

Completan o programa desta edición, Millo Vello, primeira obra da novísima compañía galega Ay, Cariño!, creada por Cris Vilariño e Diego M. Buceta en coprodución co Centro Coreográfico Galego; Let Sleeping Dogs Lie, da recoñecida intérprete e mestra internacional Laura Aris, e Phōnē: International Night Galicia, colaboración co Centro Dramático Galego que permitirá escoitar, desde o balcón do Salón Teatro, unha mostra da dramaturxia contemporánea en tres linguas minorizadas europeas: o ladino do Tirol do Sur, o yiddish falado en Romanía e o irlandés.

Celebración dunha década de vida

Hai varias pezas que celebran o décimo aniversario do festival, nunha edición dirixida pola bailarina, coreógrafa e mediadora cultural Kirenia Martínez. Por unha parte, Manifesto poético no que o director e programador galego Mateo Feijóo reivindica o risco e o desexo como motores creativos. Por outra, o tributo visual e sonoro co cal o dúo formado polo DJ Yuraq Walla e o artista visual Emilio Horyaans estimularán, a través do baile na rúa Nova de Santiago de Compostela, a memoria individual e colectiva desta década de Escenas do cambio.

Ademais, para rexistrar todo o que acontece antes, durante e despois dos espectáculos, Escenas do cambio contará este ano cun equipo de traballo multidisciplinar, o Comando Dramatúrxico, dirixido polo profesor, dramaturgo e escritor Afonso Becerra. O grupo acompañará a artistas e publico para xerar novos lugares de encontro entre ambos e facer perdurar a memoria de Escenas do cambio máis aló da celebración do festival.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades promove este festival a través da propia Cidade da Cultura, da Axencia Galega das Industrias Culturais, do Centro Coreográfico Galego e do Centro Dramático Galego. O festival conta tamén coa colaboración do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música – INAEM e do Instituto Camões. A programación completa pode consultarse na páxina web do festival e as entradas poden adquirirse no Museo Centro Gaiás e en Ataquilla.com.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

#Precárias Teatro Municipal do Porto, 2024.

PRECÁRIAS II, ou cando o queer tomou o teatro mentres a ultradereita se manifestaba nas rúas

Ay, Cariño! Imaxe da compañía.

Ay, Cariño!: “‘Millo vello’ tenta abrir unha fiestra ao natural nun espazo como un teatro, unha caixa pechada”