O Teatro das Cortes, na aldea de Cabanas (O Vicedo), acolle mañá, sábado 25 de abril, a inauguración do programa Da Barraca á Aula: A memoria das festas. Será coa xornada Onde foi Barriga Verde?, que inclúe unha exposición, un obradoiro de creación de monicreques para persoas adultas, unha representación de Barriga Verde a cargo de Viravolta Títeres e un Sketch da Brigada Teatral das Cortes sobre o 25 de abril portugués.
A xornada comezará ás 17:30 horas co obradoiro de monicreques para adultos, continuará ás 19:00 horas cunha visita guiada á exposición “A arte dos Silvent”, proseguirá ás 20:00 horas cunha representación de Barriga Verde, de Viravolta Títeres, e rematará despois do Sketch da Brigada Teatral das Cortes sobre o 25 de abril, programado para as 21:00 horas.
A participación en calquera das actividades incluídas na xornada será de balde, pero para inscribirse no obradoiro cómpre apuntarse escribindo un correo electrónico ao enderezo voltaedalle@gmail.com
Achegar o patrimonio monicrequeiro galego
A Asociación Cultural Morreu o Demo é quen promove o programa Da Barraca á Aula. A memoria das festas, co que quere achegar o patrimonio do monicreque tradicional galego a espazos rurais do país. Obradoiros de creación de monicreques e cabezudos, exposicións, videofórums ou representacións co personaxe Barriga Verde forman parte desta iniciativa que se desenvolverá ao longo deste ano co apoio da liña de axudas para ampliar e diversificar a oferta cutural en áreas non urbanas, Territorio Cultura, da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia e con fondos do Ministerio de Cultura.
Co foco posto en dar a coñecer este patrimonio, Da Barraca á Aula: A memoria das festas achegará ao público escolar, á terceira idade e a colectivos culturais de localidades rurais do país unha oferta de actividades que aposta pola divulgación da arte das marionetas tradicionais e a recuperación da memoria das feiras e festas populares nas que se desenvolvían estes espectáculos.
O programa desenvólvese en centros de ensino e espazos socioculturais dos concellos de Pol, Meira e O Vicedo na provincia de Lugo, en Xinzo da Limia, Chandrexa de Queixa e Cea (Ourense), A Estrada, Lalín, Vila de Cruces (Pontevedra) e mais Valdoviño, Dumbría, Lousame e O Pino (A Coruña).
Deste xeito, centros de ensino de varios destes concellos acollerán obradoiros de creación e manipulación de monicreques, ao igual que espazos socioculturais e centros orientados á terceira idade. Nestes casos, á construción e manexo das marionetas sumaranse sesións de memoria para recuperar as lembranzas do público maior sobre este tipo de espectáculos e o seu contexto.
Con Videofórums co documental Morreu o Demo, acabouse a peseta afondarase nas relacións entre o patrimonio monicrequeiro galego co do resto de Europa e promoveranse debates sobre a situación do mesmo e as posibilidades da súa recuperación. Do mesmo xeito, exposicións didácticas como Onde foi Barriga Verde? ou A arte dos Silvent darán a coñecer a historia e o oficio das persoas que levaban estes espectáculos por todo o país.
O programa atende tamén a outra forma popular de teatro de obxectos como son os cabezudos. En colaboración con diferentes asociacións, traballaranse cursos de creación e manipulación destas figuras. Neles, abordarase tamén “a recuperación de patrimonio inmaterial e personaxes populares locais mediante estas efixies e a súa incorporación ás festividades propias do lugar”.
Ademais, desenvolveranse representacións teatrais. Barriga Verde e o monicreque de cachaporra galego volverán ás aldeas e vilas da man de compañías que están a recuperar o personaxe e a tradición popular dos monicreques. Viravolta, Alakrán, Trécola e Larraitz Producións Artísticas serán os grupos encargados de pór en escena o personaxe en diferentes funcións.
Programa do Teatro das Cortes
O programa Da Barraca á Aula: A memoria das festas deuse a coñecer nun evento celebrado o pasado día 19 de abril no Teatro das Cortes, e no que interviron Isa Coldeira e Anxo García, da Asociación Cultural Morreu o Demo, e mais Lucho Penabade, do Teatro das Cortes. Nese acto deuse tamén a coñecer a proposta cultural do Teatro das Cortes para os vindeiros meses.
O espazo cultural continuará as súas propostas o vindeiro 23 de maio coa celebración do Sábado das Letras. Un recital aberto e unha actuación de música tradicional acompañarán a Paula Carballeira, que presentará o seu libro sobre Begoña Caamaño, e desenvolverá unha actuación de narración oral.
Para os días 27 e 28 de xuño está prevista a segunda edición do Festival da Lingua Moza, que se desenvolve co apoio da Área de Cultura da Deputación de Lugo e que está organizado pola AC Volta e dálle e a Escola Semente para público familiar e xuvenil.
Obradoiros de regueifa e banda deseñada, unha mesa redonda sobre lingua e infancia, os monicreques de Babaluva con A filla do Cacharulo ou un roteiro teatral co grupo Son D’Aldea de Palas de Rei son algunhas das propostas desta iniciativa, que agarda contar tamén con concertos de Uxía Senlle, Punk on Keixo ou un encontro interxeracional de regueifa.
Unha actuación do Mofa e Befa o 18 de xullo, ou un serán astronómico o 12 de agosto que coincidirá co eclipse solar son tamén algunhas da propostas que se desenvolverán nesta temporada na aldea de Cabanas.


