in , , ,

Titiriberia celebra a súa undécima edición

Cun programa de espectáculos que se desenvolverá do 18 ao 23 de agosto en Rianxo

A festa dos Títeres, no festival Titiriberia
'A festa dos títeres'. Fonte: Titiriberia.

Organizada pola asociación Morreu o Demo, co apoio do Concello de Rianxo, a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o INAEM, chega a Rianxo a undécima edición de Titiriberia: Festival de títeres tradicionais. Logo de inaugurar o pasado mes de xullo a súa programación expositiva, a vindeira semana arrancará o programa de espectáculos, que se celebrará entre os días 18 e 23 de agosto e incluirá compañías galegas, portuguesas, aragonesas, andaluzas, catalás, leonesas e vascas.

O festival acollerá unha trintena de actividades escénicas. De todas elas, 27 serán espectáculos, cuxas funcións se repartirán por diferentes puntos da xeografía rianxeira, segundo explicaron na presentación da edición o concelleiro de Cultura de Rianxo, Julio Alcalde; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, e a presidenta da asociación Morreu o Demo, Comba Campoi.

Titiriberia manterá este ano a súa aposta por descentralizar a programación e levará espectáculos máis alá dos dous grandes epicentros nos que se desenvolverán a maior parte das actividades, que son o Campo de Arriba e o Auditorio. Deste xeito, diferentes lugares como Taragoña, Leiro, Araño, Isorna ou a Praia de Tanxil tamén se converterán en escenarios.

A programación reúne algunhas das compañías máis veteranas do teatro galego de monicreques, como Os Monicreques de Kukas, Viravolta, Tanxarina e Trécola, formacións que superan os corenta anos de historia. Ademais, Trécola protagoniza a mostra que, un ano máis, se instala nos escaparates de diferentes comercios adheridos á Asociación Rianxeira de Empresarios (ARE), mentres que Tanxarina está a exhibir monicreques da súa creación ao longo de catro décadas de carreira profesional no Auditorio Municipal de Rianxo.

Dez estreas

O festival ofrecerá unha decena de estreas, todas elas de espectáculos de compañías galegas. Viravolta abrirá a programación, xunto a Títeres Alakrán e Vai de Roda, o martes 18 de agosto, ás 12.00 horas, cunha nova versión da obra A festa dos títeres. Ese mesmo día, entre ás 18.00 e ás 19.30 horas, Trécola estreará Treco-lerias. Ademais, Alakrán presentará a súa nova montaxe o venres 21 ás 21.30 horas no Auditorio de Rianxo: A rosa de papel, unha adaptación ao teatro de monicreques do texto homónimo de Valle-Inclán.

A compañía Seisdedos presentará dous espectáculos en Titiriberia: Mamulengo galego, que se poderá ver o mércores 19 ás 11.00 horas en Campo Maneiro, Taragoña, e Cantar do ano, que se representará o xoves 20 ás 19.00 no Campo de Arriba. Por outra parte, Babaluva estreará unha coprodución co festival, Retratos de verán, unha peza creada para as caixiñas Lambe-Lambe, espectáculo de pequeno formato pensado para un ou dous espectadores. Os monicreques de Kukas tamén estrearán dúas pezas neste formato Lambe-Lambe: Divertimentum Musicum e Sós, o mar, o Barco e máis nós, que se poderán ver en varios pases as 18.00 e as 20.00 horas o día mércores 19.

A histórica formación teatral Airiños volverá colaborar co festival Titiriberia e estreará o sábado 22 ás 19.00 horas Retrincos: Sabela e Peito Lobo, adaptación teatral destas dúas historias que forman parte da obra de Castelao Retrincos. Finalmente, o encontro ofreceralle ao público As varietés de Barriga Verde, un espectáculo de variedades que edición tras edición reúne no escenario a multitude de artistas cos seus números. Este último espectáculo celebrarase o sábado ás 22.00 horas no Campo de Arriba.

O cartel complétase con compañías procedentes de Portugal (SA Marionetas), Aragón (Titiriteros de Binéfar), Cataluña (Toni Rumbau), Euskadi (Zurrunka Teatro & La Semilla Voladora e El tenderete), Andalucía (Colectivo lobishome) e Castela e León (Rosa Encinas).

Formación

Cada ano, Titiriberia ofrece, tanto ao sector profesional como ao público afeccionado aos monicreques— cursos de formación para achegarse a esta disciplina artística ao abeiro da Escola de Títeres Barriga Verde. Este ano impartirá un curso o mestre portugués José M. Valbom Gil, de S.A.Marionetas. Desenvolverase entre os días 21 e 23 de agosto e nel achegaranse nocións básicas do Teatro Dom Roberto, forma portuguesa do boneco de cachaporra estreitamente vinculado a Barriga Verde.  A inscrición xestiónase a través do correo electrónico info@barrigaverde.eu, e o prazo remata o vindeiro sábado, 15 de agosto.

 

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'Planeta pop: a alien que se converteu en superestrela', de Aterradas.

O FIOT desvela as pezas finalistas do X Certame Metro Cadrado