in , , ,

O festival Titiriberia arranca a súa programación expositiva

Vén de inaugurar dúas mostras arredor do traballo das compañías Tanxarina e Trécola

Exposición no Titiriberia dedicada ao traballo de Tanxarina
Exposición no Titiriberia dedicada ao traballo de Tanxarina. Fonte: Titiriberia.

Rianxo acolle este verán a undécima edición de Titiriberia, o festival de monicreques tradicionais organizado pola asociación Morreu o Demo co apoio do Concello de Rianxo, a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o INAEM. A programación de espectáculos celebrarase entre os días 18 e 23 de agosto cun cartel que incluirá compañías galegas, portuguesas e do resto da península Ibérica, mais neste mes de xullo inaugurou xa a súa oferta expositiva, que se estenderá até o vindeiro 3 de setembro e que pon o foco en dous grandes nomes da escena galega dos monicreques: Tanxarina e Trécola.

Por unha parte, o Auditorio de Rianxo acolle a mostra Tanxarina, 40 anos de monicreques. Esta histórica formación, fundada en 1983 e encabezada por Eduardo Rodríguez Cunha Tatán, Miguel Borines e Andrés Giráldez, é unha das compañías decanas do teatro de obxectos de Galicia. A compañía achega a esta edición do festival unha selección das pezas máis emblemáticas das súas catro décadas de carreira: bonecos, teatriños, attrezzos, vídeos, fotografías e outros documentos que propoñen un percorrido polas diferentes técnicas da arte dos monicreque a través da propia traxectoria da compañía.

A mostra, deseñada para ser interactiva e atractiva para públicos de todas as idades, achega unha oportunidade única para coñecer esta arte do teatro de monicreques e comprender a súa importancia como patrimonio cultural. Ademais, os membros de Tanxarina realizarán visitas guiadas á exposición os días 18, 20 e 21 de agosto ás 20 horas.

Por outra parte, está tamén en marcha a tradicional exposición de Marionetas nos escaparates, unha colaboración que desenvolve o festival con ARE (Asociación Rianxeira de Empresas) dende hai varios anos. Unha selección de pezas da compañía Trécola, referente dos monicreques galegos con 44 anos de historia, compoñen escenas nos establecementos participantes na iniciativa, facendo un repaso pola evolución deste xénero escénico en Galicia da man de pezas de artesanía que aínda fan parte das montaxes deste grupo. Os locais participantes este ano son: Don Dino, Cenor ROT, Peluquería y Estética Obel, Nenis, Costuras para Soñar, Rous Multimarca, Zapaterías Marty, Material de construción e ferraxería Luis Vidal, Peluquería Imperial e Estanco Xacobiño.

Nesta exposición, un ano máis, desenvólvese o xogo Á procura de Lupe, a mestra de cerimonias do Titiriberia. O público pode percorrer os diferentes escaparates implicados e quen localice en  seis deles a Lupe poderá entrar nun sorteo de produtos locais e camisetas do festival.

Formación

Cada ano, Titiriberia ofrece, tanto ao sector profesional como ao público afeccionado, cursos de formación para achegarse a esta disciplina artística ao abeiro da Escola de monicreques Barriga Verde. Este ano desenvolverase un obradoiro práctico de manipulación de marionetas de luva, historia, expresión dramática e xogo escénico. Impartirá o curso o mestre portugués José M. Valbom Gil, de S.A.Marionetas. A formación desenvolverase entre os días 21 e 23 de agosto no Auditorio Municipal de Rianxo e nel achegaranse nocións básicas do Teatro Dom Roberto, forma portuguesa do monicreque de cachaporra estreitamente vinculado ao Barriga Verde.

Os obxectivos da formación divídense en dúas partes: a historia da forma artística e a manipulación de marionetas. Nese sentido, abordarase esencialmente desde unha vertente técnica o traballo do monicrequeiro e incidirase sobre aspectos xenéricos do teatro Dom Roberto, as súas orixes, evolución, e aspectos particulares da manipulación das marionetas, especificamente a manipulación de marionetas de luva.

Dentro dos contidos trataranse cuestións como as seguintes:

  • Historia: Formas tradicionais de teatro de marionetas e a súa orixe. Evolución en Europa entre os séculos XVIII e XXI. O caso portugués.
  • Contacto con formas animadas: Técnicas de manipulación. Rutinas. Espazo escénico.
  • Escenificación: Expresión dramática e convivencia. Xogo dramático. Voz, corpo e equilibrio.
  • Presentación dun pequeno xogo dramático.

O prazo de inscrición remata o 15 de agosto e xestiónase a través do correo electrónico info@barrigaverde.eu. O prezo xeral de inscrición é de 65 euros.

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Le Sommet. Foto: Mathias Horn

LE SOMMET