in , ,

O FIOT desvela as pezas finalistas do X Certame Metro Cadrado

Son de Iván Davila, Compañía Humana, La Tercera, Candil Teatro, Alicia López Méndez e Aterradas

'Planeta pop: a alien que se converteu en superestrela', de Aterradas.
'Planeta pop: a alien que se converteu en superestrela', de Aterradas.  

Seis propostas, das cales cinco serán estreas absolutas, foron as seleccionadas polo xurado da X edición do Certame Micro-Escenas M2 do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, FIOT.  De entre as vinte e cinco solicitudes recibidas na convocatoria, resultaron escollidas wOHrk, de Iván Davila; A vinganza contra o Dr. Tirarrollas, da Compañía Humana; Fogar, de La Tercera; A casa do avó, de Candil Teatro; A vergonza era verde e comeuna a vaca, de Alicia López Méndez; e Planeta pop: a alien que se converteu en superestrela, de Aterradas. Son seis propostas que transitan por disciplinas  como o teatro de obxectos, o teatro de máscaras, a danza, o teatro físico ou o teatro de texto.

Alicia López en The City, na última edición do Teatro Gorrilla. Fotografía de Laura Merchán.
Alicia López Méndez en ‘A vergonza era verde e comeuna a vaca’, na última edición do Teatro Gorrilla. Fotografía de Laura Merchán.

O xurado estivo integrado por Caterina Varela, artista, comisaria e xestora cultural, directora das Residencias Paraíso, do Colectivo RPM; Gustavo del Río, director, dramaturgo e xestor cultural; Alba Bermúdez, actriz e codirectora da compañía Galeatro; Carmen Castro, directora artística do FIOT e xefa do Servizo de Cultura do Concello de Carballo; e Xiana Márquez, membro da organización do FIOT e monitora cultural da concellaría de Cultura o Concello de Carballo, en calidade de secretaria do xurado e sen voto.

O Certame Micro-Escenas M2, que este ano celebra a súa primeira década, é unha iniciativa de teatro de proximidade, pioneira en Galicia, que busca visualizar novos formatos e experiencias escénicas, así como apoiar compañías e creadores emerxentes. As propostas finalistas neste 2026 poderán verse en espazos non convencionais e singulares de Carballo durante as fins de semana do #FIOT35: a conserxería do Pazo da Cultura, a pastelaría Zuccaro, o Xardín Rosalía de Castro, a tenda de segunda man Buy & Sell, a tenda de calzado barefoot Upa! e a tenda de roupa infantil Sweet Spirit. A entrada é libre ata completar a capacidade de cada espazo. Dadas as limitacións de espazo, dende a organización recoméndase facer unha reserva no enderezo electrónico fiot.microteatroentrada@gmail.com unha vez anunciado o programa do #FIOT35 o vindeiro mes de setembro.

A seis pezas finalistas do certame recibirán unha compensación económica de 500 euros, ademais de optar, durante a celebración do FIOT, aos galardóns de Mellor Espectáculo e Mellor Interpretación, recoñecementos que outorgará o público do festival finalizado o evento e que suporán outro premio de 150 euros en cada caso.

Programa

Sábado 10 de outubro

Ás 12.00h, 13.00h, 17.30h e 18.30h

  • IVÁN DAVILA, wOHrk. Estrea absoluta. Lugar: Conserxería do Pazo da Cultura (rúa do Pan, s/n – andar 0)
  • COMPAÑÍA HUMANA: A vinganza contra o Dr. Tirarrollas. Estrea absoluta. Lugar: Pastelaría Zuccaro (Gran Vía, 46)

Sábado 17 de outubro

Ás 12.00h, 13.00h, 17.30h e 18.30h

  • LA TERCERA, Fogar. Estrea absoluta. Lugar: Xardín Rosalía de Castro (Parque do Anllóns)
  • CANDIL TEATRO, A casa do avó. Estrea absoluta. Lugar: Buy & Sell (rúa Estrela, 18)

Sábado 24 de outubro

Ás 12.00h, 13.00h, 17.30h e 18.30h

  • ALICIA LÓPEZ MÉNDEZ, A vergonza era verde e comeuna a vaca. Lugar: Upa! (praza do Concello, Exterior 5 Mercado Municipal).
  • ATERRADAS, Planeta pop: a alien que se converteu en superestrela. Estrea absoluta. Lugar: Sweet Spirit (rúa Valle-Inclán, 14).
Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Imaxe da función de 'Historias para escagharriñarse', de Ghazafelhos.

Arranca a XLVIII Mostra de Teatro Galego de Cariño